Celas, Santa María de
Igrexa parroquial situada en Culleredo. Construída en estilo románico do primeiro cuarto do s XIII, consta dunha nave e dunha ábsida rectangular cuberta cunha bóveda de canón reforzada por un arco faixón. Ao S construíuse a sancristía, á que se accede por unha porta que se abriu aproveitando un arcosolio semicircular que no centro presenta un casco coa celada baixada. Os catro capiteis do presbisterio decóranse con motivos vexetais de talla plana e pegada á cesta, agás un do arco triunfal no que aparece unha figura antropomórfica. No exterior da ábsida consérvase unha fiestra abucinada rematada en dúas arquivoltas de medio punto sostidas por catro columnas con bases áticas e capiteis vexetais, e a chambrana ten círculos incisos entrelazados, superpostos e aliñados. A nave presenta unha colección de canzorros de proa con rolo e algún con cabezas de animais ou antropomorfas. A porta sur presenta un tímpano semicircular monolítico cun círculo no medio onde se inscribe unha cruz con trevos de brazos desiguais. Arrimada, ao lado N levantouse unha capela gótica.