celibato -ta
(< lat caelibātu)
-
adx
Que aínda non casou.
Sinónimos: célibe. -
s
m
[RELIX]
Estado ou condición da persoa que non casou, aínda que xa ten idade para facelo. No budismo e no cristianismo, o celibato está establecido como un modo de vida institucionalizado. No budismo está ligado ao ideal de liberación das paixóns para chegar ao nirvana. Celibato, castidade e virxindade ensalzáronse no cristianismo primitivo, debido a unha concepción escatolóxica da salvación, coa crenza na inminencia do xuízo final e da fin do mundo. O primeiro tratamento canónico apareceu no concilio provincial de Elvira, no ano 306. Durante os dous séculos seguintes, tres papas estableceron sucesivamente as primeiras leis. Estas leis prohibían ordenar homes casados. O Código de Dereito Canónico de 1983 mantén esta prohibición, pero admite a posibilidade de ordenar como diáconos a homes casados no caso do diaconado permanente. As igrexas orientais mantiveron unha disciplina distinta: no concilio in Trullo estableceuse que os sacerdotes e os diáconos só podían casar antes de ordenarse e que os bispos tiñan que ser célibes. As igrexas reformadas non se opoñen ao casamento dos eclesiásticos. O celibato esténdese tamén ás ordes relixiosas que, independentemente da ordenación sacerdotal, formulan un voto particular de castidade.