Celma, Juan Bautista
Pintor, escultor, entallador e ourive. Entre as primeiras obras que realizou destacan os retablos de San Esteban de Orón (Miranda de Ebro) e de Briviesca. Chegou a Santiago de Compostela en 1564 e formou cara ao 1568 un obradoiro de pintura con Xoán Lombarte e Marcos de Torre, no que tamén participou o seu tío Juan Tomás Celma. En 1583 formou outro con Domingo González e Gabriel Felipe. Da súa obra escultórica consérvase, na catedral de Santiago de Compostela, o sepulcro de Xoán Martínez Ternero (1581), situado na capela de Santo Andrés, e o sepulcro de dona Mencía de Andrade (1582), que se conserva na capela da Azucena. Atribúeselle tamén o sepulcro do prior Xoán Vidal, morto no ano 1582, situado xunto á porta da Acibechería. Entre 1564 e 1580 dedicouse á pintura. Remodelou a capela maior da catedral de Santiago de Compostela e realizou unha táboa, conservada no arquivo da catedral, cos temas da Epifanía e da Resurrección, así como unha pintura da Ascensión (1569?), retocada posteriormente polo pintor portugués Francisco Suárez. Como artesán da reixa realizou, entre outras, as da catedral de Ourense (1589), as de Santo Estevo de Ribas de Sil (1591), as da igrexa de Villabad (1575) e as do coro da catedral de Plasencia (1605). Realizou os retablos de San Fiz de Solovio (1576), Salomé (1586), San Bieito do Campo (1585), Santa Cruz de Rivadulla (1576), en Vedra, ou Santiago de Foz (1578), e Mondoñedo. Atribúenselle as pinturas do retablo maior do santuario dos Remedios de Vilamaior (Verín). Desde 1580 ocupouse dos púlpitos de bronce da catedral de Santiago de Compostela, situados a ambos os lados do altar maior. O correspondente ao lado do Evanxeo rematouse en 1583; está decorado no socalco hexagonal con seis relevos referentes á vida do apóstolo Santiago e aos milagres e batallas relacionadas coa historia de Santiago de Compostela. No púlpito da Epístola (1584), as historias volven representar feitos relacionados con Santiago.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Aragón -
Deceso
Lugar : Santiago de Compostela