Céltiga

Céltiga

Publicación quincenal aparecida entre setembro de 1924 e xullo de 1932 en Bos Aires. Cun promedio de 26 páxinas, saía todos os días 10 e 15 de cada mes, aínda que nalgunha ocasión se editaron números especiais, como o dedicado á chegada do hidroavión Plus Ultra á capital arxentina no ano 1926. Os seus fundadores foron Domingo Rial Seijo e Ramón Peña. Os seus directores foron Eliseo Pulpeiro, Eduardo Blanco Amor e Suárez Picallo. Estaba estruturada nunha serie de seccións fixas: “Noticias de Galicia”, cun apartado dedicado ao deporte galego; “El momento de Galicia”, con amplas reportaxes gráficas sobre monumentos e vilas, e sobre persoeiros da cultura e da sociedade; “Efemérides galegas”, coa reprodución de textos de autores consagrados como Rosalía, Curros Enríquez e Lamas Carvajal; “Colaboracións literarias”; “Recolección de folclore e cantigas da terra”. A estas seccións engadíanselle noticias da comunidade galega na Arxentina e sobre as actividades das diversas asociacións de emigrantes, xunto con necrolóxicas. A partir de 1925 contou cunha sección chamada “Idearium galeguista”, na que se trataban temas relacionados coa estética, a poesía e a filosofía. Entre os colaboradores, figuraban Castelao, que publicou por entregas Un ollo de vidro e Cousas; Vicente Risco, quen tamén por entregas editou a súa Teoría do Nazonalismo Galego; Suárez Picallo, Blanco Amor, Ramón Cabanillas, Noriega Varela, Linares Rivas, M. García Barros, A. Alonso Ríos, Otero Pedrayo, Victoriano Taibo, Eladio Rodríguez González, V. Paz-Andrade, Leandro Carré, os irmáns Villar Ponte, E. Carré Aldao, Francisca Herrera Garrido, Camilo Barcia, Francisco Tettamancy, X. San Luís Romero, Porteiro Garea, Correa Calderón, Lugrís Freire, Euxenio Montes, R. Blanco Torres e Amado Carballo, todos eles con colaboracións en galego. Entre os foráneos e galegos con colaboracións en castelán pódense citar a Ramón del Valle-Inclán, Alejandro Pérez Lugín, W. Fernández Flórez, Ramón Pérez de Ayala e Augusto Mª Casas. Nas súas páxinas tamén tiñan cabida os artistas gráficos como Castelao, quen incluíu nas súas colaboracións parte dos debuxos recollidos logo en Cousas da vida, Bagaría, Borobio, Manolo Quiroga, Álvaro Cebreiro, Fernández Mazas, Maside e o fotógrafo Ksado.