celulosa

celulosa

(< lat cellŭla < latcella ‘oco’)

  1. s f [QUÍM]

    Polisacárido macromolecular de fórmula (C 6 H 10 O 5 ) n . É o principal constituínte das paredes celulares dos vexetais superiores e o composto orgánico natural máis abundante. Identificouna cara ao 1837 o investigador francés A. Payen. Tecnicamente, denomínanse celulosas as fibras completamente brancas obtidas ao someter as materias vexetais a determinados tratamentos controlados de purificación. A “celulosa normal pura”, modelo de referencia deseñado artificialmente para o recoñecemento das propiedades técnicas das celulosas, é inerte, resistente á hidrólise e á oxidación, e absorbe a humidade atmosférica. A estrutura molecular da celulosa corresponde á dun alto polímero de condensación do monómero celobiosa, de lonxitude variable. En xeral, considérase que as fibras celulósicas naturais e artificiais presentan zonas cristalinas (grupos moleculares con celas en forma de prismas monoclínicos) e rexións amorfas (cadeas parcialmente ordenadas ou ben enguedelladas de forma aleatoria) de propiedades e reactividade bastante diferentes. As unidades biolóxicas da celulosa natural son as microfibrilas elementais, entre as que hai espacios baleiros, onde teñen lugar os fenómenos vitais de crecemento e o inicio das reaccións químicas. Acéptase tamén a existencia dunha entidade superior, a fibrila (constituída por feixes dunhas 500 microfibrilas), que determina a fibrilación, básica na refinación das pastas para a fabricación de papel. Na celulosa distínguense, segundo o tratamento que a orixinou, as fraccións: α-celulosa, de gran pureza, que é a fracción insoluble resultante do tratamento da materia prima con solución de hidróxido de sodio; β-celulosa, rica en hemicelulosa, que procede da fracción recuperada da precipitación con ácido dos líquidos filtrados da preparación das α-celulosas; γ-celulosa, fracción non recuperable pola precipitación ácida anterior, formada principalmente por oligosacáridos; e a denominada holocelulosa, produto resultante do tratamento da materia prima con dióxido de cloro, constituída por mesturas de celulosa e hemicelulosas. O grao de encolado, a resistencia da textura, a transparencia e moitas outras propiedades do papel están moi influídas pola porcentaxe total de hemicelulosas.

  2. s f [MED]

    Preparado de capas moi delgadas de celulosa, superpostas e case sen apresto, que pola súa consistencia se asemella ao algodón hidrófilo, ao que substitúe normalmente como absorbente de líquidos orgánicos. Denomínase tamén cotonosa ou cirúrxica.

  3. dixestión da celulosa [BIOL]

    Descomposición da celulosa ou celulosólise. Case ningún metazoo a pode realizar xa que o seu tracto intestinal só ten enzimas capaces de hidrolizar polisacáridos formados por unións α-1,4. Non obstante , moitas bacterias posúen células que poden hidrolizar a celulosa rompendo o enlace da celobiosa. Tamén algúns protozoos, fungos e ata algunhas larvas de insectos teñen enzimas celulosolíticos. As bacterias do cego dos ruminantes e os protozoos flaxelados do recto dos térmites e outros insectos xilófagos, posibilitan a dixestión da materia vexetal inxerida polo hospedeiro. No ser humano, a celulosa é indixerible por mor da falta de enzimas específicos; grazas a isto a celulosa proporciona a masa necesaria para excitar o peristaltismo intestinal.

  4. nitrato de celulosa [QUÍM]

    nitrocelulosa.

  5. pasta de celulosa [IND]

    Suspensión acuosa de celulosa empregada na fabricación do papel. Tamén se denomina pasta de papel ou celulosa.