cemetière marin, Le
Poema longo publicado por Paul Valéry na Nouvelle revue française en xuño de 1920, que desde 1922 formou parte do poemario Charmes. Consta de vinte e catro estrofas de seis versos decasílabos cada unha que riman AAB’CCB’. Desenvolve o problema filosófico da concepción atea e racionalista da existencia, oposta á fe nunha vida eterna, que se articula a partir dos conceptos do ser absoluto (o deus de Parménides e de Zenón simbolizado polo ceo e o sol), do ser relativo (o home encarnado polo eu lírico e simbolizado pola axitación mariña) e do non-ser (a morte, evocada pola plasmación fúnebre do cemiterio de Sète). É un tríptico dividido en tres partes iguais: as oito primeiras estrofas céntranse na relación entre o mar e o poeta; as oito estrofas seguintes corresponden ao cemiterio e aos defuntos; e as oito últimas a unha meditación que leva ao renacemento vital e creativo. O poema presenta un home só que, fascinado pola paisaxe mariña, medita sobre a vida e a morte ante o mar, visto desde o cemiterio de Sète. Desde o punto de vista formal o estilo caracterízase polo coidado do ritmo, do léxico e dos xogos de imaxes e correspondencias sutís de ideas herdeiras da poesía de Mallarmé. Constitúe unha das creacións máis importantes derivadas do simbolismo. Tivo unha grande influencia na poesía galega, en especial na obra de Manuel Antonio. Existe unha tradución ao galego de Antón Avilés de Taramancos publicada en 1994.