Centro, Santa Eufemia do

Centro, Santa Eufemia do

Igrexa pertencente ao colexio dos xesuítas, actual residencia sacerdotal, situada no centro histórico de Ourense. Comezou a construírse a mediados do s XVII, durante o bispado de Pascual Carrascoso e co padroado de Pedro de Mondragón Azcarrezábal. Rematada en 1689, presenta unha planta de cruz latina de nave única e con capelas colaterais intercomunicadas. En 1761 frei Plácido Iglesias deseñou unha fachada-pano organizada en tres corpos nos que o xogo dos elementos arquitectónicos, como as columnas de orde xigante, os entaboamentos curvos, os pináculos, etc, lle dan a mobilidade e o efectismo barrocos. No interior destaca o retablo maior no que se venera un Crucificado, atribuído a Xosé Ferreiro e a imaxe de santa Eufemia, esculpida por Xosé Díaz no ano 1985.