Centro de Sociedades Obreras de Vigo
Institución creada en 1905 na que se reagruparon as cinco sociedades obreiras definidas como “apolíticas” xurdidas da entrada da Federación de Trabajadores de Vigo na UGT co reforzo da súa dirección por parte do PSOE local. Alentado polas Sociedades de Pintores y Albañiles, de Carpinteros y Ebanistas, e de Canteiros, duplicou con posterioridade o número de entidades federadas e acadou 1.500 socios no ano 1909. Ao mesmo tempo, iniciou un achegamento ao anarcosindicalismo da man de militantes anarquistas, como Luís Plaza ou Federico Sánchez. Como consecuencia, as Sociedades de Carpinteros e de Mecánicos estiveron representadas por Plaza no Congreso fundacional da CNT de 1910. En marzo de 1911, o Centro impulsou a creación da Federación Sindical Solidaridad Obrera de Galicia, á imaxe da Solidaridad Obrera catalana, xunto coa totalidade do anarcosindicalismo coruñés. Para refrendar a influencia libertaria no societarismo vigués apolítico, esta institución delegou a súa presenza no I Congreso da CNT, celebrado en setembro de 1911, no militante catalán Josep Negre. O Centro entrou en crise a partir de 1913 como consecuencia da ilegalización da CNT e da decisión da UGT local de constituír sociedades de oficio paralelas; deste xeito, a maioría das súas seccións foron incorporándose á Federación de Trabajadores.