Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades

Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades

Centro de investigación inaugurado o 25 de marzo de 1994 como Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro, dependente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. Nel desenvólvense proxectos de investigación en humanidades, con especial atención á lingua e á literatura. Este centro, que conta con infraestrutura informática, cunha biblioteca especializada e cun importante número de investigadores (a súa maioría bolseiros), está dirixido e coordinado por científicos especializados: un coordinador científico (Constantino García González), un director técnico da área de lingua (Guillermo Rojo) e un director técnico de literatura (Anxo Tarrío). Mantén, ademais, contacto con outros investigadores de centros galegos e de fóra de Galicia. Entre os proxectos que se promoveron no Centro, cómpre destacar os seguintes: na área de lingüística, o Corpus de Referencia do Galego Actual (CORGA), base de datos gramaticais e léxicos; o etiquetador e lematizador do galego actual, conxunto de recursos léxicos e morfolóxicos; a tradución automática español-galego; o Galwordnet (Wordnet do galego), integrado no proxecto EuroWordNet, que ten como obxectivo a elaboración dunha base semántica multilingüe; o sintetizador texto-fala para o galego; a Bibliografía Informatizada da Lingüística Galega (BILEGA); e a Extracción e Recuperación de Información mediante Análise Lingüística (ERIAL). Na área de literatura, a bibliografía da literatura galega, que procesa e almacena información bibliográfica sobre a produción literaria galega; o Informe anual de literatura (publicado anualmente dende 1995, tanto en libro coma en CD-ROM); os dicionarios de literatura (xa se publicou o primeiro volume do Dicionario de termos literarios); as edicións facsímiles; o estudo da serie Parladoiro; e a narrativa recuperada de finais do s XIX e primeira década do XX (Manuel Lugrís Freire, Uxío Carré Aldao, Aurelio Ribalta e Ángel Vázquez Taboada, entre outros). Na área do Arquivo Galicia Medieval, a lírica galego-portuguesa (base de datos a través da Internet, o MedDB); as Cantigas de Santa María; a prosa literaria medieval e a prosa documental. Noutras áreas de humanidades, o dicionario de fraseoloxía galega; un Corpus Documentale Latinum Gallaeciae, que elabora unha base de datos na que se inclúe toda a documentación medieval en lingua galega; un estudo terminolóxico científico-técnico; a base de datos cinematográfica/audiovisual de Galicia; o Museo Pedagóxico Galego (MUPEGA); e a monografía etnolingüística sobre o gando vacún en Galicia. Entre os libros publicados polo Centro, cómpre mencionar: Lembranza de Ramón Piñeiro. Catro discursos (1994), A filosofía krausista en Galicia (1994), Hamlet e a realidade cunqueirana (1995), Repertorio bibliográfico da lingüística galega (1995), Plumas e letras en “La Noche” (1946-1949) (1996), O pensamento rexeneracionista de Eloy Luis André (do europeísmo ao galeguismo) (1996), Lírica profana galego-portuguesa (1996), Euromosaic (1997), Actas do I coloquio galego de fraseoloxía (1998), Cantigas do mar de Vigo (1998), Regulamentos municipais (1998), La Tierra Gallega. La Alborada (1999), Fundamentos antropolóxicos da obra de Castelao (1999), Suma da lóxica (1999), Historia do pensamento antropolóxico en Galicia: o discurso sobre a evolución humana (1859-1976) (1999), A Gaita Gallega (1999), Refraneiro galego (2000), Fraseoloxía eslava (2000), As imaxes da lingua rusa (2000), Estudio introdutorio a La Primera Luz (2000), Vocabulario de organismos acuáticos (2000) e Dicionario italiano-galego (2000).