Centroafricana, República

Centroafricana, República
Nome científico: [nome oficial francés: République Centrafricaine; nome oficial sango: Kōdrō tî Bê-Afrika]

Estado de África Central, limita ao O con Camerún, ao N con Chad, ao L con Sudán e ao S coa República Democrática do Congo e coa República do Congo (622.436 km2; 3.485.000 h [estim 1998]). Esténdese entre os 11° e os 2° de latitude N e os 14° e 27° de lonxitude L. A capital é Bangui.
Xeografía física

Relevo e xeoloxía
O país está formado por un altiplano de materiais paleozoicos, que constitúen un interfluvio entre as concas do río Congo e do lago Chad. No L érguense os macizos dos Bongo e de Tondou; no NO están os montes Karé, onde se sitúa o cumio máis elevado do país, o monte Gaou (1.420 m).
Climatoloxía e hidrografía
O clima é subecuatorial na parte meridional do país, cunha pluviosidade e humidade relativamente altas; no N o clima é tropical. Hidrograficamente, o país divídese en dúas concas: no N, a do río Chari, de dirección S-N; e no S, a do Ubangui, de dirección N-S.
Medio ambiente
Os grandes ecosistemas centroafricanos ordénanse de xeito paralelo ao Ecuador e, así, o S do país está dominado pola vexetación tropical, substituída máis ao N pola sabana arbórea, sucada por bosques de ribeira asociada aos cursos fluviais; no extremo norte sitúase unha vexetación tipicamente arbustiva.
Xeografía económica

Economía
As actividades económicas da República Centroafricana están limitadas, como consecuencia da súa situación no interior do continente, con difíciles accesos ao litoral, pero dispón de recursos naturais suficientes para unha poboación tan escasa. Non obstante , a mala administración do país, con fortes evasións fiscais, importantes atrasos nos salarios dos funcionarios e unha ampla débeda externa ocasionou unha situación de crise que se intentou resolver dende 1975 con diversos plans: entre 1975-1980 contou coa asistencia técnica e financeira de Francia; entre 1980-1981, un plan de emerxencia; en 1982, un provisional e entre 1983-1985, outro de recuperación. Tras dous anos de inestabilidade política e social, o país saneou parcialmente as finanzas públicas a finais do primeiro semestre de 1998. Gracias a esta calma política, o goberno puido firmar un acordo económico co FMI (Fondo Monetario Internacional), primeira axuda externa desde 1996. Segundo as bases deste acordo, comprometeuse a reiniciar o proceso de privatización das empresas públicas, loitar contra a corrupción e liberalizar o sector petrolífero. A débeda externa é a principal carga financeira do estado que chega aos 928.000.000 $ USA (1996), cunha axuda que recibe do exterior por valor de 167.000.000 $ USA. Os conflitos militares coa República Democrática do Congo e coa República do Congo prexudicaron as relacións económicas co exterior, posto que estes dous países son os seus principais clientes exportadores e importadores. O seu socio económico máis importante é Francia, do que provén gran parte da axuda financeira. A inflación, que en 1994 se situaba no 24,6% (motivada, entre outras razóns, polo bloqueo de axudas dende 1992 e a desvalorización do franco CFA), presenta unha tendencia descendente, que alcanzou o 1,8% en 1998. A renda per cápita é de 310 $ USA (1996) e posúe unha poboación activa de 1.658.000 (1997). O índice de desemprego era do 6% en 1993. A moeda oficial é o franco e o país forma parte da área do euro.
Recursos e sectores de actividade
Os principais recursos da República Centroafricana son a agricultura e a gandería, que ocupa o 80% da poboación activa (1990) e supón o 53% do PIB, mentres que o sector secundario e terciario supoñen o 20% e o 27%, respectivamente. Os principais cultivos son a mandioca e outros tubérculos (orientados ao consumo local), os cacahuetes, as bananas, o algodón, o aceite de palma e o café, destinados á exportación. A superficie forestal ocupa o 63,7% do territorio e a súa explotación tamén é importante na economía do país. Destaca a gandería bovina e cabalar nas sabanas da vertente do lago Chad. Na minería, cómpre salientar a produción de diamantes, ouro, uranio e ferro, principalmente ao O do país. A industrialización é escasa, e dela sobresaen as empresas de produtos agropecuarios, as téxtiles, madeireiras, de calzado, mecánicas e químicas.
Comercio exterior
O comercio exterior ten un signo deficitario (-2,9% [1998]); os diamantes son o principal produto de exportación (66%). Ademais, exporta café (13%), madeira (13%), caucho e algodón. As principais importacións son os vehículos e a maquinaria (10%), as manufacturas (36%), os produtos alimentarios (24%) e o petróleo.
Transportes e comunicacións
As comunicacións terrestres están aínda pouco desenvolvidas, xa que dos 24.307 km de estradas (1994), só 485 están asfaltados. Os ferrocarrís aínda están en proxecto. O transporte fluvial é vital para as relacións co exterior; posúe 2.600 km de vías navegables internas (1995), principalmente a través dos ríos Oubangui e Sangha, que desembocan no río Congo. O Oubangui, a principal vía de comunicación, mantén un servizo regular entre Bangui, o primeiro porto do país, e Brazzaville, capital da República do Congo.
Xeografía humana

Demografía
O crecemento da poboación non é moi elevado (2,4%), debido ao alto índice de mortalidade infantil 108‰ (1997). O índice de mortalidade situábase en 1997 no 17‰, mentres que a natalidade era de 39‰. A esperanza de vida é baixa, 47 anos para os homes e 52 para as mulleres (1996). O alto índice de mortalidade, sobre todo nas cidades, está fortemente influenciado polos efectos da sida, moi estendida nos últimos anos. A estrutura por idades presenta un 43% da poboación entre 0-14 anos; o 53% entre os 15-64 anos e o 4% con máis de 65 anos (estim 2000).
Poboamento

A República Centroafricana pasou de 2 millóns de habitantes en 1975 a 3,4 millóns en 1998. A sociedade é predominantemente rural, de feito en 1995 a poboación urbana era o 39,3%. O poboamento é irregular e está concentrado á beira dos camiños. Destaca como cidade máis importante a capital, Bangui (553.000 h [1995]). A densidade de poboación era en 1988 de 5,6 h/km2 e estaba concentrada na parte occidental.
Sociedade e goberno

Diversidade étnica e cultural
Na República Centrofricana coexisten ao redor de 80 grupos étnicos, dos que o banda (400.000 h) é o maioritario; aínda que ocupan o centro do territorio estatal, hai pequenos grupos espallados por outras áreas. Outro grupo con ampla presenza é o gbaya (350.000 h), orixinario de Sudán, que se instalou no s XVI ao O do país; algúns subgrupos, como o mandja, foron practicamente absorbidos polos banda. Os sara (100.000 h), orixinarios de Exipto, están localizados na fronteira con Chad e agrupan doce etnias diferentes. Os zande, emparentados cos nzakara, son un pobo guerreiro que se instalou no territorio centroafricano, someteu as poboacións indíxenas e fundou unha serie de reinos que perduraron ata a época colonial. A sociedade zande divídese en dúas clases ben diferenciadas: os señores e os servos; ademais, obrígase ás nenas a casar moi novas, algunhas veces poucas horas despois de nacer. Os oubanguianos, ou xentes da auga, están representados por diversas poboacións, instaladas dende hai moitos séculos ao longo do río Oubangui, de Ouango a Mongoumba. Outros grupos menos numerosos, pero cun importante papel nas relacións intertribais son, o banziri, sango, bouraka, yakoma, ngbaka ou monjombo; así mesmo, os haussa, un grupo islamizado, e os bororo, do grupo peul, son tamén poboacións con escaso peso demográfico. A minoría bantú, concentrada nos límites con Camerún e o Congo, está representada polos mpiemo, lssongo, pande ou kare. Os pigmeos, ao redor de 16.000, representan a poboación máis antiga da República. Organizados en grupos nómades moi homoxéneos e en estreita simbiose coa natureza, o seu modo de vida tradicional está en vías de desaparición por mor da súa sedentarización e a súa incorporación como traballadores ás grandes plantacións; sen embargo, algunhas tribos babingas atoparon refuxio na selva situada ao S de Bangui. O último elemento étnico son os europeos ou descendentes de europeos (aproximadamente 6.500 h), sobre todo franceses e portugueses. A lingua oficial é o francés; así mesmo, o sango é a lingua nacional usada no comercio e nas relacións intertribais. Aínda así, tamén se falan outras linguas pertencentes á familia níxer-congo (entre elas, o banda, bokoto, bororo, gbaya, mandja, ngbaka, yakoma, zande) e á nilo-sahariana (entre outras, o dagba, furu, gula, kaba, laka, lutos, mbai, ngam, runga). Tamén son minoritarias o árabe, o swahili e o hunsa. A Constitución centroafricana non recoñece ningunha relixión como oficial. A relixión maioritaria é a cristiá, practicada con certas influencias dos cultos indíxenas polo 50% da poboación (25% católicos e 25% protestantes). Tamén cómpre salientar o animismo e as crenzas tradicionais (24%) e o islamismo (11%); ademais, un 11% da poboación practica outras relixións. O sistema educativo está dividido en tres ciclos: primario, secundario (con dous subciclos) e superior. O 26% da poboación está escolarizada (21,9% en primaria, 4% en secundaria e 0,1% no ensino universitario); a única universidade do país, fundada en Bangui en 1969, acolle uns 2.500 estudiantes. O analfabetismo afecta ao 66,7% das mulleres e ao 41,4% dos homes. O sistema sanitario é moi precario (0,04 médicos por cada mil habitantes) e non cobre as necesidades básicas da poboación, moi castigada por enfermidades endémicas, como a sida (2,05‰) e o paludismo (0,04‰), e con graves carencias en saúde materno-infantil. Así mesmo, o 62% da poboación ten problemas para acceder á auga potable.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano en 1998 situaba a República Centroafricana entre os países cun desenvolvemento baixo (ocupa o posto 166 cun índice do 0,371). Este Indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 44,8 anos; o índice de alfabetización de adultos é do 44% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 26%; e o PNB real por habitante (PPA) é de 1.118 $ USA.
Goberno e política
Antiga colonia francesa, coñecida co nome de Oubangui-Shari, que acadou a independencia o 13 de agosto de 1960. Logo de tres décadas de gobernos militares (incluído o imperial de Bokassa I), en 1993 instaurouse un goberno civil presidido por Ange-Félix Patassé. Trala aceptación do multipartidismo (1991) e logo das primeiras eleccións democráticas celebradas en 1993, aprobouse unha nova Constitución (29 de decembro de 1994) que entrou en vigor o 7 de xaneiro de 1995. O poder executivo está formado polo presidente da República, elixido mediante sufraxio universal cada seis anos; o primeiro ministro, designado polo presidente; e o Consello de Ministros, elixido tamén polo presidente. O presidente é, ademais, o comandante das forzas armadas e promulga as leis aprobadas no Parlamento. O poder lexislativo correspóndelle á Assemblée Nationale (Asemblea Nacional), formada por 109 membros elixidos por sufraxio universal para un período de cinco anos, e ao Conseil Economique et Regionale (Consello Económico e Rexional), órgano asesor da Asemblea Nacional que forma o Congrès (Congreso). O sistema xudicial está baseado no dereito francés. O órgano xudicial superior é a Corte Suprema, designada polo presidente; así mesmo, existe un Tribunal Constitucional, nomeado tamén polo presidente. A pena de morte está en vigor. Ratificou ou adheriuse aos seguintes tratados: Pacto Internacional dos Dereitos Civís e Políticos (PIDCP), Protocolo Facultativo do PIDCP, Pacto Internacional dos Dereitos Económicos, Sociais e Culturais, Convención sobre o Estatuto dos Refuxiados (1951), Protocolo sobre o Estatuto dos Refuxiados (1967) e Convención sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación contra a Muller. Os partidos políticos máis importantes son: o Mouvement pour la Libération du Peuple Centrafricain (MLPC, Movemento para a Liberación do Pobo Centroafricano), democristián, partido do presidente Patassé; e Rassemblement Démocratique Centrafricain (RDC, Agrupación Democrática Centroafricana), autoritario, liderado polo militar e ex-presidente André Dieudonnée Kolingba. Outros partidos minoritarios con representación na Asemblea Nacional e que participan no goberno da nación (do que tamén forma parte o progresista Convention Nationale -CN, Convención Nacional-, de ámbito extraparlamentario) son o Parti Social Démocratique (PSD, Partido Socialdemócrata), conservador; o Parti de l’Unité Nationale (PUN, Partido da Unidade Nacional), progresista; e o Parti Liberal Démocratique (PLD, Partido Liberal Democrático), liberal; ademais, outras forzas políticas son o Mouvement pour la Démocratie et le Développement (MDD, Movemento para a Democracia e o Desenvolvemento), autoritario; a Front Patriotique pour le Progrès (FPP, Fronte Patriótica para o Progreso), socialdemócrata; e a Alliance pour la Démocratie et le Progrès (ADP, Alianza para a Democracia e o Progreso), progresista. Así mesmo, é un referente histórico o Conseil de Forces Démocratiques (CFD, Confederación de Forzas Democráticas), animada polo profesor Abel Goumba e que cumpriu un papel esencial na democratización do país entre 1991 e 1993. Administrativamente, o país está dividido en 14 prefecturas, 2 prefecturas económicas e unha comuna (Bangui). Forma parte de diferentes organismos internacionais como a ONU e a OUA (Organización da Unidade Africana), e está asociado á UE.
Historia

Prehistoria e historia antiga
Existen poucas evidencias referentes á presenza humana no territorio centroafricano con anterioridade ao s V, data na que se edificaron os primeiros túmulos megalíticos na rexión de Bouar; sen embargo, parece que os actuais pigmeos ou babingas son os descendentes dunha poboación prehistórica. Así mesmo, as primeiras etnias bantús establecéronse no territorio ao redor do s X e, entre o s XII e o XIV, chegaron numerosos grupos étnicos ameazados polo escravismo existente nas rexións veciñas. Os zande, gbaya, mandja e banda establecéronse entre os ss XVI e XIX e fundaron os primeiros sultanatos nas rexións orientais. Esta condición de terra de acollida de migracións históricas é a orixe da multitude de etnias do país. A partir de 1750, os sultanatos escravistas de Banguirmi, Ouaddaï e Dārfūr, organizaron, de xeito sistemático, a caza de escravos e deportaron a numerosos oubanguianos cara ao Oriente (“trata oriental”), feito que se prolongou ata 1911. Os negreiros portugueses ou pombeiros, establecéronse en 1780 no interior do país co obxectivo de organizar o tráfico de escravos cara a América (“trata occidental”), ata a súa supresión en 1860.
O período colonial
A colonización europea comezou a raíz da Conferencia de Berlín (1884-1885), na que se recoñeceu como posesión francesa. Os franceses estableceron a primeira oficina de correos en Bangui en 1889, e dende 1890 foron asentándose grazas á sinatura de acordos de paz cos sultáns autóctonos. En 1903 creouse o territorio de Oubangui-Chari, que en 1906 pasou a ser colonia e en 1910 integrouse na federación da África Ecuatorial Francesa xunto con Gabón, Chad e o Congo. En 1911, por mor da crise de Agadir, que enfrontou os franceses cos alemáns, unha parte do territorio pasou a poder alemán ata 1914. Os abusos cometidos pola administración colonial, ocupada unicamente en recibir os impostos e organizar a produción, así como a brutalidade dos métodos empregados cos traballadores das plantacións de café e algodón a partir de 1925, provocaron a insurrección que estoupou en 1928 na Haute-Sangha e que se prolongou ata 1931. Durante a Segunda Guerra Mundial, o país realizou un grande esforzo económico e militar, e a administración e a armada pasaron a estar directamente controladas polo xeneral De Gaulle.
A independencia
A instauración da IV República francesa e da Union Française en 1946 permitiu un novo marco de actuación política para as colonias, que foi aproveitado por Barthélémy Boganda, primeiro deputado oubanguiano na Assemblée Nationale francesa, para defender a creación da nación centroafricana. En 1949 Boganda fundou o Mouvement d’Evolution Sociale de l’Afrique Noire (MESAN, Movemento de Evolución Social da África Negra), que exerceu un papel fundamental na definitiva conquista da independencia o 1 de decembro de 1958, aínda que o país quedou vinculado á comunidade francesa. O 13 de agosto de 1960 o país accedeu á independencia con David Dacko como xefe do goberno, presidente do MESAN e xefe do Estado. O 1 de xaneiro de 1966, un golpe de estado levou ao poder ao coronel Jean-Bedel Bokassa, quen promulgou unha nova Constitución e proclamou o Imperio Centroafricano o 4 de decembro de 1976. O período imperial destacou pola súa represión e polas numerosas violacións dos dereitos humanos máis elementais. En 1979, debido á intervención militar francesa, restableceuse a República e David Dacko regresou á presidencia. En febreiro de 1981 aprobouse unha nova Constitución que permitiu a legalización dalgúns partidos políticos; tralas eleccións presidenciais de 1981, Dacko foi deposto por un Comité Militaire de Redressement National (CMRN, Comité Militar de Rexurdimento Nacional), dirixido polo xeneral André Kolingba o 1 de setembro de 1981. O Comité funcionou como un directorio militar ata o 21 de setembro de 1985, ano no que se disolveu e foi substituído por un goberno civil. Durante este período suspendeuse a Constitución e ilegalizáronse os partidos políticos, aínda que a oposición ao réxime organizouse en 1983 ao redor do clandestino Parti Révolutionaire Centrafricain (PRC, Partido Revolucionario Centroafricano). En 1986 a oposición ao réxime solicitou a reinstauración dun réxime constitucional; deste xeito, o xeneral Kolingba fixo aprobar, por referendo, unha revisión da Constitución que o convertería en presidente da República. En decembro de 1986, o ex-ditador Bokassa foi arrestado e, posteriormente, xulgado e condenado a morte. Baixo un réxime de partido único, o Rassemblement Démocratique Centrafricain, celebráronse eleccións lexislativas en 1987 e municipais en 1988. En 1991 iniciouse o camiño cara á democracia coa aceptación do multipartidismo. A partir desa data o Conseil de Forces Démocratiques (CFD, Confederación de Forzas Democráticas), animado polo profesor Abel Goumba, cumpriu un papel esencial na democratización do país; en 1993, logo de numerosos adiamentos, logrou que se celebrasen as primeiras eleccións presidenciais en democracia. Kolingba permaneceu no poder ata o 22 de outubro de 1993, ano no que comezou o mandato presidencial de Ange-Félix Patassé, quen fora primeiro ministro de Bokassa I. As tendencias autoritarias e o clientelismo, favorecido pola nova administración, xunto coa falta de liquidez para pagar os salarios dos funcionarios e dos militares, levaron a varias gornicións militares a sublevarse en abril e maio de 1995. Aínda que Francia reforzou a súa presenza militar nas bases de Bangui e Bouar para restablecer a situación e garantir a continuidade do réxime democrático e do seu presidente, a situación deteriorouse en 1996: o exército sublevado esixiu un cambio no goberno e reformas xerais na economía e no exército, feito que derivou nunha guerra civil aberta. As actuacións de Francia, que enviou novos continxentes militares en 1996 e 1997, e da ONU, que creou en 1998 a Minurca (Misión das Nacións Unidas na República Centroafricana) e enviou a Bangui 130 cascos azuis, lograron restablecer a paz e consolidar a democratización do país. Logo deste período de axitación política, agravada pola crise económica, o 22 de outubro de 1999 Patassé foi reelixido presidente. Os maiores retos de cara á estabilidade política do país (a reestruturación das forzas armadas e o pagamento dos atrasos aos funcionarios), comezaron a solucionarse en 1999 a través de dous mecanismos diferentes. En novembro de 1999 o Fondo Monetario Internacional aprobou a concesión dun crédito especial, librado en marzo de 2000, para satisfacer as necesidades económicas do país co obxectivo de normalizarlles os pagamentos aos funcionarios. Así mesmo, co fin de manter a presenza política da ONU no país, a Minurca transformouse en Bonuca (Oficina de Observación das Nacións Unidas na República Centroafricana) e celebráronse, baixo a dirección de Kofi Annan, as primeiras reunións encamiñadas a reestruturar o papel das forzas armadas.