Centuria, La

Centuria, La
[PUBLIC]

Revista mensual subtitulada “Revista neosófica-Orense-España”. Só publicou sete números, desde xuño de 1917 ata xullo de 1918, nos que incluía artigos literarios, ensaios, traballos de historia, arte e bibliografía. Dirixida por V. Risco, tivo a Arturo Noguerol e Florentino Cuevillas como administradores, co que se prefiguraba así o papel dirixente do futuro grupo Nós nas letras galegas, que incluía ademais as primeiras entregas literarias de Otero Pedrayo. Trátase dunha publicación literaria de corte modernista e un primeiro intento, desde unha posición inconformista e inadaptada, de renovar o panorama intelectual da Galicia da época. Nas súas páxinas deuse cabida a un amplo grupo de escritores situados entre o simbolismo e o modernismo como Xavier Bóveda, Eduardo del Palacio, Ramón Villarino de Sáa, P. Rodríguez Sanjurjo, F. Álvarez de Nóvoa ou R. Cansinos Assens; no capítulo da plástica os debuxos das portadas son da autoría de Risco, Ramón París e Jesús Soria. A presenza do futuro grupo Nós ten compoñentes moi diversas: Cuevillas publicou ensaios en castelán sobre “Rusia y su revolución”, importantes para coñecer a evolución ideolóxica desta xeración; Otero, artigos de carácter literario, e Arturo Noguerol, unha serie de notas de socioloxía política, todos eles en castelán; a única entrega en galego é o poema “As florinhas dos tojos” de A. Noriega Varela. Xunto a eles, apareceron entregas de autores máis vangardistas como Correa Calderón e o poema filosófico “El reproche de mi alma” de Cansinos Assens. Entre as notas máis curiosas, os traballos de Primitivo R. Sanjurjo e os horóscopos asinados co seu pseudónimo Beta Herculis. Outros colaboradores foron Emilio Amor, E. Álvarez, Benito Fernández, Eduardo del Palacio e Sebastián Risco. A revista foi a plataforma de Risco para abrir portas no mundo cultural galego, coa difusión na súa sección “Letras contemporáneas” de escritores como Mallarmé, Rimbaud, Meredith, Tagore, Chesterton, Gustav Kahn, etc. O mesmo Risco tamén publicou o seu “Preludio a toda estética futura”, unha reflexión intelectual arredor da arte como fuxida da realidade e a defensa da vocación elitista do artista.