cera

cera

(< lat cera)

  1. [QUÍM]
    1. s f

      Lípido simple, éster dun ácido graxo cun alcohol alifático de cadea longa, que se localiza nos animais e que se obtén dos vexetais e dos minerais. As ceras compóñense de alcohois e ácidos graxos saturados non ramificados, con cadeas de dezaseis ou máis átomos de carbono. Adoitan ter un punto de fusión máis alto ca o das graxas de pesos moleculares análogos. Son moi resistentes aos axentes químicos e presentan un alto poder calorífico. Localízanse nas cutículas de diversos vexetais como substancia hidrofóbica, nas plumas das aves acuáticas, etc. As súas aplicacións son análogas ás da cera das abellas.

    2. cera de carnaúba

      Cera vexetal obtida pola exsudación das follas de carandaí, formada por ésteres insaturados de ácidos graxos de 12 átomos de carbono. Utilízase en cosmética, na fabricación de lustre, de candeas e de verniz, como impermeabilizante e abrillantador de solos, etc.

    3. cera do Xapón

      Materia graxa obtida dos froitos dalgunhas anacardiáceas. É unha masa sólida, de cor amarela pálida, de fractura concoidal, que co tempo se recobre dunha eflorescencia branca microcristalina. Empregábase na preparación de pomadas e ungüentos.

    1. s f

      Substancia segregada por catro parellas de glándulas situadas no abdome das abellas obreiras coa que constrúen as colmeas. Aparece en forma de pequenas escamas brancas que as abellas recollen e mastigan, impregnándoas dunha substancia escumosa que lles dá cor e as volve opacas e maleables. Non é cristalina pero si moi impermeable, e a súa composición é parecida á das outras ceras animais. Para obter 1 kg de cera as abellas teñen que consumir entre 6 e 7 kg de mel, así que, para evitar este consumo, o apicultor dálles cera estampada. A cera elaborada polas abellas chámase tamén cera virxe e cera amarela. Denomínase cera branca a que se branquea por medio dunha operación que consiste en fundila, facela caer en forma de chuvia enriba dunha corrente de auga fría e estender os gromos resultantes ao sol. A cera emprégase para a fabricación de cirios e candeas, mistos, cosméticos, lustre dos zapatos, preparados para encerar madeira, como aglutinante de pinturas (pintura ao encausto), en farmacia, en selos, en actividades artísticas diversas, etc. Normalmente se adultera con parafinas, colofonia e colorantes.

    2. cera brava/de pao

      Cera que elaboran as abellas fóra da colmea.

    3. cera de gromo

      Forma usual en que se presenta a cera branca como resultado das operacións de branqueo.

    4. cera estampada

      Láminas de cera que se introducen na colmea para facilitar a construción do favo, obtidas por procedementos mecánicos que reproducen o tabique de separación do favo co comezo das paredes das celas.

    5. cera fusqueira/vermella

      Cera coa que as abellas untan o interior das colmeas.

  2. s f

    Conxunto de cirios ou candeas que arden con algunha función, principalmente de culto relixioso. Na tradición oral recóllense ditos como: “A cera sobexa queima a igrexa. Cando é moita a cera na igrexa o abade está de festa. Non sea tanta a cera que prenda o lume”.

  3. s f

    Substancia que se emprega para a conservación da madeira e dos metais. Obtense mesturando cera con resinas.

    Ex: Acabei a cera fregando o piso esta mañá.

  4. cera perdida [ARTE]

    Procedemento empregado en escultura para reproducir imaxes en bronce. Tras modelar a figura en cera, cóbrese de arxila, xeso ou doutra substancia refractaria de xeito que se adapte ao molde de cera. Cando está todo seco, ábrese un furado na parte superior e outro na inferior e bótase o bronce fundido polo oco superior, que sae derretido polo inferior. Unha vez que arrefría o metal, rómpese o molde e despréndese a peza.

    1. s f

      Substancia de orixe animal ou vexetal semellante á cera.

    2. s f

      Líquido viscoso e transparente que segregan as vacas ao lles apertar un teto cando xa non dan leite.

    3. cera das formigas

      Zume callado que teñen as ciroleiras, cerdeiras e pexegueiros no seu tronco.

    4. cera dos oídos [FISIOL]

      cerume.

Frases feitas

  • Andar apegados á cera. Ter un grupo de persoas moita amizade co crego.

  • Estar amarelo/branco coma a cera. Estar moi pálido.

  • Gastar alguén cera en ruín defunto. Preocuparse por alguén ou por algunha cousa sen merecelo.

  • Quedar branco como a cera. Palidecer a causa dalgún susto.

  • Ser como a/unha cera. Ser dócil e bo de manexar.

Palabras veciñas

Cequeira | Cequeliños | Cequeril | cera | Ceram | Ceram, C. W. | Ceram, mar de