Cerceau
Familia de arquitectos e decoradores franceses. O iniciador da estirpe foi Jacques Androuet du Cerceau o Vello (París 1510?-Annecy 1585?). Da súa obra arquitectónica non se conserva nada. Realizou gravados nos que representou de forma compilada motivos decorativos, deseños de mobles, deseño de vivendas urbanas e planos arquitectónicos. Introdutor dun repertorio manierista, a súa obra teórica influíu notablemente nos modelos arquitectónicos da Francia do s XVII. Escribiu o Livre d’Architecture (Libro de arquitectura, 1559) e Les plus excellents bastiments de France (As construcións máis notables de Francia, 1576-1579). Jean Baptiste Androuet du Cerceau (París 1545?-1590?), fillo de Jacques o Vello, foi nomeado arquitecto ordinario do rei en 1584. Trazou o Hôtel Lamoignon (1584) e probablemente proxectou o Hôtel d’Angoulême de París (1584). Participou nos proxectos de renovación urbanística de París coordinados por Enrique IV, dirixiu a construción da Pont Neuf de París (1571) e en 1578 finalizou a capela dos Valois en Saint Denis. O seu irmán Jacques Androuet du Cerceau o Novo (París 1550-1614) foi nomeado arquitecto do Rei Enrique IV en 1594. Entre as súas obras destaca a construción dunha galería no palacio do Louvre. Participou tamén no programa urbanístico parisiense de Enrique IV. A terceira xeración de arquitectos está representada por Jean Androuet du Cerceau (París 1585-1649), arquitecto do rei desde 1617. Seguidor das pautas manieristas do seu pai, Jean Baptiste, realizou a escalinata de ferradura do patio do Cabalo Blanco no palacio de Fontainebleau (1634). Deseñou o Hôtel de Sully de París (1625-1629) e o Hôtel de Bretonville (1637-1643), rematado por Louis Le Vau.