cerceta
(< lat v *cercedŭla, porquerquedŭla)
-
s
f
[ANIMAL/ORNIT]
Ave da familia dos anátidos, caracterizada por ser de pequeno tamaño, os machos coa cabeza de cores escuras con listas ou antefaces contrastados, e por alimentarse na superficie de pequenas masas de auga doce sen mergullarse.
Sinónimos: chirlo. -
cerceta azulada
[ANIMAL/ORNIT]
Cerceta de 38 cm de ancho de cabeza escura e azulada cunha media lúa branca. Propia de Norteamérica, aparece como ave divagante en brañas costeiras galegas.
-
cerceta común
[ANIMAL/ORNIT]
Cerceta de plumaxe agrisada, coa cabeza do macho vermella escura e cun antefaz verde, lista horizontal branca sobre a ala e cu amarelo. Viven en lagoas de auga doce con abundante vexetación de ribeira e densa flora subacuática. Aniña por riba do paralelo 40° N e inverna entre o 40° N e o Ecuador. Nas zonas temperadas apenas se desprazan no inverno e compórtanse como aves sedentarias. O límite meridional de cría na Península Ibérica constitúeno algunhas brañas catalanas e a lagoa de Budiño, nas Ribeiras do Louro. A Península constitúe o principal punto de invernada das aves europeas. A subespecie norteamericana A. crecca carolinensis, caracterizada por presentar unha liña vertical branca entre o peito e os flancos, aparece en brañas costeiras galegas como ave accidental.
-
cerceta do Baikal
[ANIMAL/ORNIT]
Cerceta de 41 cm de lonxitude; o macho presenta a cabeza de cor verde e as meixelas de cor amarela e riscadas de negro, unha lista superciliar e colar de cor branca, peito rosáceo e salferido de negro, flancos cinsentos e parte traseira negra. É unha ave divagante nas brañas galegas dende Siberia.
-
cerceta estival
[ANIMAL/ORNIT]
Cerceta de 38 cm de lonxitude; o macho presenta unha lista branca na cabeza escura e os flancos grises pálidos. De distribución paleártica, inverna na África tropical e, en menor medida, no S de Europa dende o estreito de Bering á Península Ibérica, onde aniña en puntos illados e de xeito esporádico. En Galicia ten criado nas lagoas de Valdoviño, Sobrado, Traba e Budiño, esta última nas Ribeiras do Louro.
-
cerceta pinta
[ANIMAL/ORNIT]
Cerceta de 43 cm de lonxitude, de coloración semellante nos dous sexos, co antefaz ancho e escuro, pescozo longo e plumaxe de cor acastañada, salferida de branco. Distribúese pola Península Ibérica, o Magreb e dende o Turquestán oriental ata o Indus. Na Península Ibérica cría en medios con abundante vexetación acuática, en augas superficiais de menos de 50 cm de profundidade e habitualmente salobres como as marismas do Guadalquivir e as brañas do S de Alacant. No s XX pasou de ser unha anátida común a non contar en 1994 con máis de 35 parellas, debido fundamentalmente á degradación e á escaseza de hábitats axeitados.
-
cerceta de fouces
[ANIMAL/ORNIT]
Cerceta de 51 cm de lonxitude; o macho presenta unha coloración en xeral agrisada coa cabeza de cor acastañada, lista ocular ancha de cor verde e unha longa crista. É unha ave divagante nas brañas galegas dende o L de Asia.