cerebro
(< lat cerĕbru)
-
s
m
[ANAT/FISIOL]
Parte do encéfalo que acada a máxima complexidade e o máximo volume nos mamíferos, e o volume máximo relativo nos primates, moi especialmente no ser humano. Ocupa case toda a caixa craniana, e descansa sobre as fosas anterior e media da base do cranio. Ten unha forma ovoide e está partido en dúas metades simétricas: os hemisferios. A superficie externa de cada un deles divídese en catro lóbulos por unha serie de fendas interlobulares (frontal, parietal, temporal e occipital) que, á súa vez, están divididos por fendas secundarias nunha serie de circunvolucións. Esta superficie tan accidentada permite aumentar extraordinariamente a área externa do cerebro e, en consecuencia, as súas posibilidades funcionais. Nunha sección do cerebro, vese, de fóra cara a dentro, a substancia gris (codia ou córtex) e a substancia branca. A primeira está constituída por unha serie de estratos celulares en número de seis, dos que destaca a terceira capa de células piramidais que dan orixe á maior parte das fibras condutoras da motilidade voluntaria. A segunda está constituída polos axóns das células corticais e sensitivas e por unha serie de conexións axónicas que relacionan o córtex cos núcleos da base e con outras formacións extracerebrais (especialmente o cerebelo). Contén no interior unhas formacións grises, os núcleos basais, que son: o tálamo, o núcleo lenticular e o núcleo caudal. No interior dos hemisferios hai unhas cavidades que se comunican entre si e constitúen os ventrículos. As cavidades ventriculares están ocupadas polo líquido cefalorraquídeo. O cerebro ten unha irrigación moi rica e complexa. As arterias máis importantes son as cerebrais anterior e media (ramas da carótide interna) e a cerebral posterior (rama da vertebral), comunicadas entre elas por unha serie de arterias anastomóticas que constitúen o polígono de Willis. O sangue venoso drénase por unha serie de veas profundas e superficiais (as veas de Galeno) que van desembocar ao seo da duramáter. O cerebro é o órgano máis elevado, onde se elabora a vida de relación (motilidade e sensibilidade) e regula a vida vexetativa, ao mesmo tempo que constitúe o punto de inserción somática da vida psíquica. O córtex recibe unha serie de informacións periféricas (sensitivas e sensoriais) e dá lugar a impulsos que actuarán a nivel das unidades motoras medulares; tamén teñen lugar nel unha serie de procesos integrativos que se traducen na formación da imaxe corporal, no uso predominante dun lado do corpo, na realización dun movemento de forma axeitada á súa finalidade e na formación da linguaxe e da memoria. A partir do sistema límbico, o cerebro intervén activamente na vida instintiva e afectiva. As funcións cerebrais pódense ver alteradas por causas moi diversas: malformacións conxénitas, traumas consecutivos ao parto ou ben por accidentes posteriores; alteracións vasculares, procesos infecciosos producidos correntemente por virus ou por outros microorganismos que poden causar lesións localizadas, parasitoses, encefalopatías metabólicas causadas pola carencia conxénita dun factor enzimático que tería que intervir no metabolismo dun principio inmediato, encefalopatías dexenerativas, tumores, etc.
-
s
m
[EDUC]
O cerebro de cada ser humano debe comezar a educarse desde o nacemento para acadar o seu crecemento neuronal, unhas conexións intracerebrais e unha almacenaxe adecuada da información. A partir dunhas bases anatómicas e funcionais similares en todos, sen embargo, a ensinanza e a motivación persoal interveñen decisivamente na reestruturación do cerebro, aínda que non se deben realizar tarefas inadecuadas de aprendizaxe, mentres non se estruturen as zonas neuronais adecuadas. A partir dos once anos a estrutura e as funcións cerebrais maduran rapidamente, por mor da mielinización das vías nerviosas, e aparece o pensamento abstracto, a capacidade de comprender e de resolver problemas científicos. Os factores xenéticos modifícanse e equilíbranse, tal e como ten resaltado Rodríguez Delgado, con outros moitos elementos de recepcións sensoriais e coa complexidade das relacións recíprocas. As recepcións sensoriais son esenciais para a estruturación do cerebro, e tamén para a formación do sistema referencial e para a reactividade emocional de cada individuo. O coñecemento destes mecanismos cerebrais é decisivo para comprender as diferencias mentais entre os nenos e a necesidade dunha educación adaptada ás condicións persoais e ao medio social. As recepcións sensoriais dependen da descodificación neuronal de sinais e da interpretación dos sons a través do procesamento intracerebral dos estímulos, cuestión esta na que interveñen as ensinanzas e as experiencias anteriores a partir da existencia das correctas funcións mentais, asentadas neurobioloxicamente en estruturas orgánicas específicas e en mecanismos parecidos de acción.
-
s
m
[ZOOL]
Ganglios nerviosos cefálicos dos invertebrados, especialmente cando centralizan a actividade nerviosa.
-
s
m
-
Órgano cerebral considerado como sede do pensamento, da intelixencia, da cordura ou do xuízo.
Ex: Polas cousas que fas, parece que non tes cerebro.
-
Persoa moi intelixente.
Ex: Todos os profesores pensaban que era o mellor cerebro da clase.
-
Persoa que deseña os plans para levar a cabo un asunto.
Ex: O teu curmán foi o cerebro da falcatruada.
-
-
cerebro de gato
[XEOL]
Concreción calcaria impura formada, sobre todo en solos antigos de lugares secos, por nódulos dispersos nos limos.
-
cerebro electrónico
[CIBERN]
Aparato electrónico que realiza cálculos e operacións moi rapidamente.