Cervantes Saavedra, Miguel de
Escritor. Foi o cuarto fillo do cirurxián Rodrigo de Cervantes e de Leonor de Cortinas e, segundo algunhas hipóteses, de posible ascendencia galega polos seus apelidos. En 1551 trasladouse a Valladolid coa familia, onde estaba a corte naqueles anos, na busca de posibilidades económicas. Posteriormente, marcharon a Madrid onde Cervantes estudiou gramática con Juan López de Hoyos. En 1569 instalouse en Roma como camareiro do cardeal Giulio Acquaviva e alí permaneceu ata que se incorporou ao terzo de Miguel de Montcada. En 1571 loitou como soldado na Batalla de Lepanto, na que quedou inútil da man esquerda. Non obstante , en 1572 incorporouse ao terzo de Lope de Figueroa e participou en diversas accións mediterráneas. Durante os anos posteriores estivo en Sardeña, Lombardia, Sicilia e Nápoles, onde coñeceu as innovacións da literatura italiana. De volta a España, os turcos prendérono e estivo cativo en Arxel entre 1575 e 1580; unha vez libre tomou parte nas campañas de Portugal e Orán. Desempeñou os cargos de comisario real de abastos para as galeras e recadador de contribucións, e foi encarcerado durante breves períodos por cuestións relacionadas coa rendición de contas. Entre 1603 e 1604 residiu en Valladolid e en 1606 trasladouse a Madrid, onde frecuentou os ambientes literarios e profesou como irmán da orde Tercera de San Francisco (1613). A súa obra lírica, perdida en gran parte, revélao como poeta docto, coñecedor da tradición clásica e italiana. Consérvanse algunhas das súas composicións, como o célebre soneto con estrambote “Al túmulo de Felipe II en Sevilla”, textos líricos inseridos nalgunhas das súas novelas e pezas teatrais, e a obra en verso Viaje al Parnaso (1614), na que se xulga os poetas españois con eloxios ou amables sátiras. Como dramaturgo comezou seguindo a orientación renacentista de respectar as normas do teatro clásico, como a regra das tres unidades, en pezas como El cerco de Numancia, pero co triunfo da Arte Nueva de Lope de Vega, tivo que adaptarse á nova fórmula e conforme a esta escribiu comedias como El gallardo español, La casa de los celos, El laberinto de amor, La entretenida, La gran sultá Doña Catalina de Oviedo, El rufián dichoso e Los baños de Argel; publicou, ademais, os entremeses El juez de los divorcios, El rufián viudo, La guarda cuidadosa, El vizcaíno fingido, El retablo de las maravillas, La elección de los alcaldes de Daganzo, La cueva de Salamanca e El viejo celoso. Destacou fundamentalmente no eido da narrativa, ata o punto de ser considerado unha das figuras máis importantes na historia da literatura. Abordou todos os xéneros narrativos vixentes no seu tempo, agás o mourisco. Seducido pola literatura pastoril e respectando as súas convencións, publicou La Galatea (1585), a súa primeira novela con numerosas poesías intercaladas que xira ao redor da pastora Galatea; axustándose ao modelo da novela bizantina, de gran popularidade na época, compuxo Los trabajos de Persiles y Segismunda. Historia septentrional (1617), obra na que recreou as aventuras de dous amantes e mantivo os trazos identificadores do xénero. A publicación das Novelas ejemplares (1613) supuxo a introdución en España dun xénero de ampla difusión en Italia, a novella ou relato novelesco curto, un tipo de narración breve que desenvolve un argumento que transcorre en pouco tempo e presenta un pormenorizado estudo de personaxes e ambientes. Esta obra inclúe as novelas: La gitanilla, Rinconete y Cortadillo, La española inglesa, El licenciado Vidriera, La fuerza de la sangre, El celoso extremeño, La ilustre fregona, Las dos doncellas, El amante liberal, La señora Cornelia, El casamiento engañoso e La de los perros Cipión y Berganza. Das doce novelas, hai algunhas nas que domina a idealización e o romanticismo, ao estilo italiano, como La española inglesa; outras, menos influenciadas, caracterízanse, máis ben, pola observación realista, como El coloquio de los perros, El licenciado vidriera, El celoso extremeño e Rinconete y Cortadillo. Por último, hai que citar a obra El ingenioso hidalgo Don Quijote de la Mancha, que consta de dúas partes, publicadas en 1605 e 1615 respectivamente, e considerada a primeira novela moderna. No s XVII leuse simplemente como un libro humorístico que se burlaba dos libros de cabalería tan de moda ata ese momento, pero dende o s XVIII recoñeceuse a súa categoría de obra clásica e pasou a figurar entre as obras máis destacadas da literatura universal. A súa obra dramática non é descoñecida en Galicia, onde serviu de inspiración para diversos libros escritos por Rafael Dieste e Eduardo Blanco Amor, amais de que algúns dos seus entremeses se utilizaron na creación de espectáculos de grupos escolares ou de compañías afeccionadas como Ditea, que en 1979 puxo en escena O vello Celeiras.
Cronoloxía
-
Deceso
Lugar : Madrid -
Nacemento
Lugar : Alcalá de Henares -
Deceso