Cesar, Santo Andrés de

Cesar, Santo Andrés de

Igrexa parroquial situada en Caldas de Reis. Ten planta de cruz latina cunha soa nave, reconstruída en estilo barroco no ano 1725 polo mestre de obras Antonio López. Conserva a ábsida semicircular precedida dun tramo recto con trazas e ornamentación románicas que se corresponden co templo anterior. O arco triunfal é de medio punto e descansa sobre columnas entregadas con capiteis, un deles con decoración vexetal, o outro presenta a dous cuadrúpedes afrontados e agarrados polas extremidades dianteiras. Reforzando a bóveda do interior atópase un arco faixón de igual directiz que o triunfal, con capiteis vexetais moi deteriorados. No testeiro da ábsida destaca unha tripla arquería con arcos de medio punto apoiados sobre xambas que enmarcan estreitas fiestras abucinadas. No exterior o hemiciclo divídese en cinco panos pola adición de contrafortes que coinciden co faixón do interior.