César Lendoiro, Augusto Joaquín

César Lendoiro, Augusto Joaquín

Político e dirixente deportivo. Licenciouse en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela. Encabezou a candidatura do Partido Popular á corporación municipal da Coruña nas eleccións de 1987, 1991 e 1995, polo que foi concelleiro dende 1987 ata 1999. Foi vicepresidente e responsable da área de Cultura e Deportes da Deputación da Coruña (1987-1989), senador (1989-1993), deputado no Congreso (1993-1996) e presidente da Deputación da Coruña (1995-1999). A súa andaina como dirixente deportivo comezou aos quince anos ao fundar o C. F. Ural. Presidiu a Federación Coruñesa de Balonmán e dirixiu o Colexio Liceo-La Paz. Foi tamén presidente do H. C. Liceo, club que acadaría todos os títulos de hóckey a patíns dende 1982 ata os anos noventa: 3 Copas de Europa, 2 Recopas, 2 Copas da CERS e 4 Supercopas de Europa, ademais de 6 Ligas españolas e 8 Copas do Rei. En 1988 accedeu á presidencia do Real Club Deportivo de La Coruña. En 1990 foi designado Secretario Xeral de Deportes da Xunta de Galicia (1990-1993). Durante o seu mandato, o equipo ascendeu á primeira división da Liga Española (tempada 1990-1991), proclamouse campión da Copa do Rei (1994-1995), da Liga Española (1999-2000) e da Supercopa (1995-1996 e 2000-2001). En 1999 nomeárono presidente profesional do Deportivo polo que abandonou as súas responsabilidades políticas.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Corcubión