Cespón, San Vicente de
Igrexa parroquial situada en Boiro. Construíuse en estilo románico a finais do s XII pero reedificouse en 1691, segundo unha inscrición que percorre as arquivoltas e o tímpano da porta principal. A capela é de forma rectangular, cuberta cunha bóveda de canón que descansa sobre dous arcos de medio punto. Os capiteis son de tipo vexetal, algúns inspirados en modelos derivados das obras da catedral de Santiago de Compostela e outros con factura menos elaborada. No beiril do tellado consérvanse varios canzorros decorados, algúns con figuras humanas, como o que representa a un personaxe que sostén un barril sobre as súas pernas. A porta occidental, de orixe románica, presenta catro pares de columnas. O tímpano está decorado cunha aspa encerrada nun círculo que semella unha corda e ao seu carón sitúanse dúas pequenas flores. En 1894 construíuse a torre, formada polo corpo das campás e rematada nunha lanterna poligonal. No interior consérvase un baldaquino do s XVI.