cestería

cestería

(

  1. s f

    Obradoiro ou tenda do cesteiro.

    Ex: Fun á cestería para ver cómo facían os cestos.

  2. s f

    Arte de trenzar ou tecer fibras vexetais para a elaboración de recipientes que se empregan, especialmente, no transporte, almacenamento e conservación de produtos agrícolas; na construción de cabaceiros para gardar o gran e nas cubertas de colmo das pallozas, así como na elaboración de pezas de vestir, corozas e sombreiros. A súa orixe, segundo algúns arqueólogos e antropólogos, é anterior á cerámica e ao tecido; sen embargo, só hai testemuños indirectos na decoración da cerámica. A industria da cestería está en decadencia pola diminución de certas tarefas agrícolas, pola mecanización do campo e polas dificultades para obter a materia prima. Esta arte está marcada pola multiplicidade de formas e técnicas, e as máis empregadas son a cestería de vergas, de corres e a cosida. A primeira, coñecida sobre todo na zona oriental de Galicia, dedícase especialmente a confeccionar cestos con tiras de madeira rachada, entrecruzadas perpendicularmente en dúas series de tiras. O cabalete ou burro, a coitela, o mazo e o fendedor son algunhas das ferramentas que van dando forma a unha gran variedade de cestos como a patela ou coleiro, a maioría con fondo cadrado ou rectangular, cun bordo de varias formas. A outra técnica, a de corres, emprega varas enteiras ás que se lles vai dando forma a través da navalla e do podón, e combina montantes de madeira rachada cos teceduras de varas. O material máis empregado é o vimbio, pero tamén se usa a vara de salgueiro e arbustos como a xesta ou o toxo. Deste traballo resultan cestos como os carabelos ou paxes, e outros con formas circulares, cuadrangulares ou ovadas con paredes altas e baixas, rectas ou mesmo abertas. O colmo e a palla de centeo son as materias primas máis empregadas na técnica da cestería cosida. Escóllense as febras longas despois da malla, límpase a tona e sácaselle a cabeza e os nós. Constrúense un tipo de cestos que van cosidos en espiral con tiras de silveira, axudados por unha subela e por un punzón de madeira. Son pezas pequenas, lixeiras pero fortes, capaces de arrastrar grandes pesos de patacas e millo, e mesmo se están ben pretas poden transportar líquidos. Modernamente se introduciron materias plásticas.