1 cesto
(< cesta)
-
s
m
[ETN]
Recipiente empregado para o carrexo e almacenamento de produtos. A súa forma e tamaño están determinados polo uso e a maneira de levalos. Na sementeira, bótase man dos pequenos con asa en aro coñecidos cos nomes de queipos, carabelos, megos ou gamelos, feitos de varas ou palla. Na recolleita poden verse os paxes ou banastras para recoller as patacas ou uvas; os corbes, para a froita ou roupa; os goxos, para as castañas; o muñico, feito de vimbios e paredes altas para levar no ombreiro e que se emprega na zona de Vigo para carrexar as espigas ao hórreo; as arcas, que van no carro onde se baleiran as uvas; e o coleiro, barreleiro ou carreteiro, da zona do Ribeiro, especialmente empregado no transporte das uvas desde a viña ata o carro. Nas tarefas relacionadas coa pesca e coa carga e lavado do peixe cumpre un papel importante a banastra, paxe ou canastro; no transporte e venda está a patela, empregada polas peixeiras para levar o peixe dun lugar a outro. Na pesca fluvial, adóitanse empregar os de pequenas formas como os carabelos, queipos ou cestos troiteiros. Hai oficios nos que tamén se fai uso deste recipiente, así os zoqueiros teñen o galochiro, as costureiras o banastrillo e os albaneis os muñicos. OBS: O que nunhas zonas ou lugares de Galicia se designa coa forma masculina cesto, noutras desígnase coa forma feminina cesta e viceversa. Na tradición oral recóllense ditos como: “Cesta patela, arromba máis que leva. O millo rascado enche a cesta e o ferrado. Gábate cesto, que venderte quero. O que fai un cesto fai un cento, se lle dan verga e tempo. Quen fixo un cesto que lle faga (ou lle poña) o aro”.
-
s
m
Contido dun cesto.
Ex: Meteu no hórreo tres cestos e medio de fabas.
Sinónimos: cestada. -
s
m
Utensilio de arame ou doutro material que se lles pon aos animais no fociño para que non traben ou para que non se deteñan a comer cando están traballando.
Ex: Houbo que lle poñer o cesto o boi porque en vez de arar comía na herba.
Sinónimos: bocal, buceira, buzo, cofiño, embozo. Confrontacións: vetillo.
Frases feitas
-
Estar coma un cesto. Estar alterado polo alcol.
-
Ser un cesto roto. Ser incapaz de gardar un segredo.
-
Estar feito un cesto. Non estar ben de saúde.
-
Ser un cesto. Ser aparvado.