Ceuta
Cidade Autónoma de España no Norte de África, situada á beira do mar de Alborán, no Mediterráneo, ao SL do estreito de Xibraltar (68.796 h [1996]). Limita ao O con Marrocos, ao N co estreito de Xibraltar, ao S co Mediterráneo e ao L coa punta de Almina. Atópase a 35° 50’ de latitude N e 5° 15’ de lonxitude O.
Xeografía
Situada en latitudes subtropicais e á beira do mar, o clima de Ceuta é bastante suave, cunha temperatura media anual de 16,8°C. A cidade antiga está no centro do istmo que une a península do Monte Hacho e o continente, arredor dunha ampla baía. O porto rexistra un tráfico intenso e, xunto coa actividade pesqueira, representa a base económica da poboación. Ten industria derivada desta última actividade (conservas de peixe), ademais de artesanía tradicional (coiro, tapices). Como parte do Estado español, está integrada na UE e rexen nela os principios de liberdade de establecemento, libre circulación de capitais, etc, así como a aplicación dos Fondos Comunitarios de Desenvolvemento Rexional. Non obstante , posúe uns beneficios fiscais, derivados da súa situación xeográfica, que se poden resumir na exclusión da área aduaneira da UE, da Política Agraria Común e da política de pesca comunitaria, ademais da aplicación dun réxime fiscal específico, que implica a non aplicación do IVE (Imposto do Valor Engadido) e outros beneficios sobre as actividades económicas.
Historia
Fundada probablemente polos cartaxineses no ano 319 a C, estivo ligada con anterioridade aos fenicios, que estableceron alí factorías de salgadura. Na expansión romana obtivo o título de civitas e foi coñecida polo nome de Septem Frates. Por mor da súa importancia estratéxica e comercial chegou a ser capital natural da provincia da Mauritania Tingitana. Ocupada posteriormente por vándalos, bizantinos, visigodos e árabes, foi conquistada polos portugueses no ano 1415 baixo as ordes de Xoán I. Deste período data a construción das murallas, a concesión por parte da Santa Sé dun bispado e mesmo a cuñación de moeda propia, coñecida como ceutí. No 1580, trala morte sen descendencia do Rei Sebastián de Portugal, a cidade e mais o resto do reino pasaron a mans da coroa española, rexentada por Filipe II. Durante a independencia portuguesa (1668), Ceuta foi a única praza que decidiu continuar dentro da Coroa de Castela mediante un plebiscito. Pola súa localización, a medio camiño entre África e España, sufriu numerosos asedios árabes dende o ano 1694 ata 1860. O seu marco legal variou ao longo dos séculos: a Constitución de 1812 considerouna concello constitucional e a Constitución de 1978 recoñeceulle o dereito a constituírse en comunidade autónoma, feito que non foi posible ata a sinatura do Estatuto de 1995. Nas primeiras eleccións autonómicas, de maio dese ano, venceu o Partido Popular, liderado por Jesús Fortes. Tralas segundas eleccións autonómicas, celebradas o 4 de xuño de 1999, revalidou o cargo. Non obstante , despois dunha moción de censura debatida o 10 de agosto de 1999, foi substituído por Antonio Sampietro, do Grupo Independiente Liberal (GIL).
Patrimonio cultural
Destaca a catedral construída no s XVIII sobre as ruínas da Mesquita Maior e reformouse entre 1948 e 1961, época na que se engadiu un deambulatorio e unha nova fachada que salienta polo emprego da pedra verde ou serpentina. Outra construción relixiosa de importancia é a igrexa de Santa María de África, cunha imaxe enviada polo infante Enrique no s XV. A capela é do s XVI, mentres que o corpo da igrexa é do s XVIII. En 1940 construíuse a mesquita de Muley el Mehdi. Consérvanse restos das diferentes murallas coas que contou a cidade: as da época tardorromana, as da dinastía Merinida ou Benimerín, as do Hacho dos ss XV e XVI, e as Murallas Reales do s XVIII. Do s XIX é o racionalista cuartel do Teniente Ruíz na Cortadura del Valle. En 1985 o concello deseñou un plan de ocupación da baía norte da cidade no que se incluíu a construción do Parque Marítimo del Mediterráneo, obra de César Manrique; o Puerto Deportivo, deseñado por Desiderio Morga Terrero; e o Pueblo Marinero, proxectado por Francisco J. Pérez Buades. A oferta museística da cidade está representada polo Museo Municipal, o Museo Catedralicio e os museos militares do Desnarigado, La Legión e Regulares.