Cézanne, Paul
Pintor francés. Entre 1852 e 1858 estudiou no Collège Bourbon da súa localidade natal, onde coñeceu a Émile Zola. En 1858 seguiu as directrices paternas e ingresou na Université de Aix-en-Provence para estudar leis, aínda que abandonou moi cedo os estudios. Animado por Zola, marchou en 1861 a París e ingresou na Académie Suisse, na que estivo pouco tempo. En 1862 volveu a París e coñeceu os futuros membros do grupo impresionista. Daquela, os seus cadros amosaban un estilo violento e escuro, con escenas que enfrontaban de xeito agresivo a luz e a sombra. En 1865 e 1866 as súas obras rexeitáronse no Salon da Académie Française. En 1870 volveu de novo a Provenza e instalouse en Estaque. Comezou a pintar paisaxes e inclinouse polas tendencias pitóricas dos impresionistas. En 1872 trasladouse a Pontoise e comezou a aprender as técnicas do impresionismo directamente de Pisarro. Expuxo cos impresionistas nas mostras de 1874 e 1877, data na que rompeu co grupo aínda que mantivo a súa amizade con Pisarro, Monet e Renoir. En 1878 regresou a Provenza, onde permaneceu case toda a década dos oitenta. Rompeu a súa amizade con Zola en 1886 ao identificarse co fracasado protagonista de L’Oeuvre. En 1888 pasou un ano en París, onde se relacionou con Van Gogh, Émile Bernard e Gauguin. En 1890 expuxo no Salon des XX de Bruxelas e en 1895 Ambroise Vollard organizou a primeira gran mostra sobre a súa obra. Participou no Salon d’Automne de 1905 e 1906, e no Salon des Indépendants de 1905. Dentro da súa concepción de solidificar o impresionismo pitórico, tivo como ideal atopar o equilibrio indispensable entre a sensación e a orde construtiva, a lóxica estrutural, a solidez e a coherencia. Con Cézanne culminou a problemática creadora de todo o final do s XIX, superou a relación existente entre a realidade exterior e a obra de arte, rachou co culto da anécdota e achegou á pintura unha dignidade e un valor absolutos, froito dunha construción autónoma do artista na súa operación mental. A década dos oitenta foi a máis frutífera da súa produción: Les jouers de cartes (Os xogadores de cartas, 1885-1890), Baigneuses devant la tente (Bañistas diante da tenda, 1885), La montagne de Sainte-Vitoire (A montaña de Sainte-Vitoire, 1887), Fleurs e fruits (Flores e froitas, 1888) ou Golfe de Marseille (Golfo de Marsella, 1885). Repetiu moitas destas temáticas e cultivou tamén o retrato en Madame Cézanne, Jeune homme à la tête de mort (Mozo ante a morte, 1898) e no seu autorretrato.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Aix -
Deceso
Lugar : Provence -
Deceso