Chad

Chad

Lago endorreico de Sudán, África centro-tropical, situado entre os estados de Chad, Nixeria, Níxer e Camerún. De marxes incertas e moi variables, sobre todo no L, a súa superficie oscila entre os 10.000 km2 na estación seca e os 16.300 km2 na estación de chuvias (outubro-decembro). De escasa profundidade (mínima 2 m e máxima 5 m), as súas ribeiras están cubertas de canavais espesos e contan con numerosos illotes, habitados só por pescadores. Está alimentado por diversos ríos, entre os que destacan o Chari e o Logone ao S, e o Komadugu Yobe ao O. Ten unha fauna moi rica: hipopótamos, crocodilos, londras, manatís e aves acuáticas; a pesca é moi abundante. N’Guigmi, no SL de Níxer, é o núcleo de poboación máis importante da súa beira. Desde 1970 a súa superficie está en continua regresión, por mor da seca e do avance do deserto do Sáhara.