Chad

Chad
Nome científico: [República do Chad; nomeoficial francés: République du Tchad; ár: al-Jumhūrīyahal-Tashād]

Estado de África tropical, que se estende polas lonxitudes centrais do continente dende o Sahara ata Sudán, entre os 23°-8° de latitude N e os 14°-24° de lonxitude L (1.284.000 km2; 7.270.000 h [estim 1998]). Limita ao N con Libia, ao L con Sudán, ao S coa República Centroafricana, ao SO con Camerún e Nixeria e ao O con Níxer. A capital é N’Djamena.
Xeografía física

Relevo e xeoloxía
O país esténdese pola parte occidental da vasta cubeta do Chad, formada por unha depresión do zócolo antigo, cunhas marxes elevadas que forman unha serie de macizos: o Tibesti, ao N, altiplano primario cuberto por depósitos de materiais volcánicos, que culmina no Emi Koussi, de 3.415 m de altitude; o Ennedi, ao NL, altiplano sucado por desfiladeiros, que chega aos 1.450 m; o Ouaddaï, ao L, de relevo anárquico no que sobresaen picos volcánicos, que se prolonga ao O ata Hadjerai, onde culmina no pico de Guéra; e os contrafortes do macizo de Yade, ao S, que alimenta as concas do Chad e do Congo. As zonas baixas caracterízanse pola carencia de desniveis que non pasan dos 30 m-40 m. No centro occidental do país está o verdadeiro fondo da cubeta (255 m), na depresión de Djourab, comunicada antigamente coa do Chad (280 m) polo leito seco do Bahr al-Ghazāl. Ao longo de toda a banda meridional, a ausencia de pendentes provoca fenómenos de acumulación e as chuvias transforman o país nunha sucesión de pantanos.
Climatoloxía e hidroloxía
O clima pasa, gradualmente, de subecuatorial a desértico e vólvese máis caloroso e seco de S a N. As chuvias son abundantes no S, onde alternan cunha estación seca (en Moundou recóllense 1.228 mm anuais), diminúen no centro, reducidas a uns poucos meses (N’Djamena, 648 mm; Mao, 300 mm), e desaparecen case por completo no N, en Faya-Largeau, con temperaturas máximas absolutas superiores aos 50°C; só hai unha media de tres días de chuvias ao ano, que deixan uns 23 mm. A existencia dunha estación seca e as precipitacións explican o réxime dos cursos de auga que, na maior parte do territorio, son uadis, cursos secos durante a maior parte do ano que experimentan fortes crecidas de poucas horas por mor das chuvias torrenciais, aínda que a auga se perde axiña debido á forte evaporación e á ausencia de solo. O Chari e o Logone, que reciben as augas dos macizos meridionais, son de curso permanente.
Medio ambiente

A vexetación responde ás condicións do clima. No S ten carácter sudaneso-zambeziana (selva seca e sabana), pero cara ao N pasa a ser sabana árida e espiñeiral, e adquire progresivamente un aspecto subdesértico. A área desértica sahariana é máis extensa na zona setentrional do país.
Xeografía económica

Economía
Cunha renda por habitante de 190$ (1996), Chad é un dos estados máis pobres do mundo. O forte incremento demográfico explica que o PNB por habitante mantivese a traxectoria máis negativa do mundo: -2,8% da media anual no período 1960-1982. Entre 1985-1992 o PNB creceu unha media do 1,3%, mentres que a poboación o fixo a un ritmo de 2,5%. A gran dependencia dun só produto (o algodón), provocou que a economía se volvese vulnerable ás adversidades meteorolóxicas e ás flutuacións dos prezos. Por outra banda, o monocultivo e a presión demográfica contribuíron claramente á crecente desertización do país. Tamén impiden o desenvolvemento de calquera sector económico as deficientes comunicacións, a baixa dispoñibilidade de enerxía e os constantes conflitos bélicos. Afectado por unha enorme débeda externa, Chad recibe axuda, sobre todo, de Francia e do FMI. A moeda oficial é o franco CFA.
Recursos e sectores de actividade
As actividades do sector primario, que ocupaban o 80% da poboación activa en 1998 e que proporcionaba o 21% do PNB, constitúen a base da economía. Os cultivos concéntranse ao S do territorio; o N está ocupado case que na súa totalidade polo deserto, que abrangue o 36% da superficie total do país. A alimentación baséase nos cultivos tradicionais de millo, mandioca, iñame, faba de Exipto e legumes no extremo S, cacahuetes, millo e dátiles ao N, moniatos, patacas, sésamo e arroz en Bongor e Laï, trigo e outros cereais nas áreas desecadas do lago Chad, e hortalizas e froitas nas áreas regadas do SO. Os cultivos de plantación están representados polos cacahuetes (250.000 t en 1997) e o algodón (210.000 t en 1997), que constitúe a principal partida de exportación co 91% das vendas ao exterior, sobre todo en Baguirmi, Ouaddaï e Baixo Chari. Tamén se extrae madeira. A gandería está concentrada sobre todo en Kanem, Batha, Ouaddaï e Chari-Baguirmi. O armentío bovino é o máis importante, con 5.079.000 cabezas en 1997; séguenlle en importancia o caprino (3.800.000 cabezas) e o ovino (2.585.000 cabezas). As aves de curral tamén son un complemento imprescindible das economías familiares campesiñas e o seu número supera os cinco millóns de cabezas. O rudimentario grao de desenvolvemento das actividades económicas e o seu reducido índice de mecanización contribúen a manter a transcendencia dos animais de tiro e carga; deste xeito, hai 677.000 camelos e 280.000 asnos. A pesca é unha actividade tradicional, sobre todo en Chari, Lagone e no lago Chad; o peixe afúmase e sálgase para a súa venda. As capturas de peixe rexistradas na ribeira do lago Chad superan as 100.000 t anuais. A minería ten na extracción de sosa e de sal xema as únicas actividades relevantes. As reservas de petróleo estiveron sen explotar apenas por mor da inestabilidade política. O consumo de electricidade (14 kwh por habitante en 1995, o máis baixo do mundo) procede dunha central térmica que queima petróleo, única fonte de enerxía que, ademais, é preciso importar. A actividade industrial, moi pouco desenvolvida sobre todo pola falla de enerxía, só achega o 16% do PNB e está limitada á transformación de produtos agrarios e gandeiros: aceite vexetal (N’Djamena e Moundou), carne, azucre, tabaco, cervexa, fariña de trigo, manteiga, salgado e desecado de peixe, peles e coiro. A Société Cotonière du Tchad, de titularidade estatal, leva a cabo o debullo e o fiado do algodón.
Transportes e comunicacións
A navegación polo lago Chad só é posible temporalmente a causa do baixo nivel da auga, que continúa descendendo. Aprovéitanse, sen embargo, os ríos Chari e Logone: o primeiro no curso medio e baixo, ata o lago Chad, o que converte N’Djamena no primeiro porto do país; e o Logone, no curso medio, ata que entra en Camerún. Carece de vías férreas e ten 32.700 km de estradas (1995), se ben só o 1% (330 km) están asfaltadas. Á parte do aeroporto internacional de N’Djamena, hai máis de 40 aeródromos destinados ao transporte interior.
Comercio exterior

O comercio exterior é deficitario. Exporta algodón (91% do valor das exportacións), o 33% sen elaborar, carne refrixerada e gando, e importa hidrocarburos (16%), produtos alimentarios (só cereais e derivados, 17%) e maquinaria (8%). O principal provedor é Francia (37%), seguido dos EE UU (20%), de Camerún (18%) e doutros estados da UE (10%).
Xeografía humana

Demografía
A poboación presenta un dos crecementos vexetativos máis altos do mundo (26,9‰ en 1995), ritmo que permitiu manter niveis semellantes de crecemento total durante todo o período 1992-1997 (2,9% de media anual). Tanto a taxa de natalidade como a de mortalidade, que en 1995 eran do 44,6‰ e do 17,7‰ respectivamente, duplican as medias mundiais. A mortalidade infantil tamén é moi elevada e sitúase no 122‰ (1995). A esperanza de vida ao nacer é de 45 anos para os homes e de 50 anos para as mulleres.
Poboamento

O país ten unha baixa densidade (6 h/km2en 1998) e debido ás adversas condicións climáticas que rexen no N do país, inmerso no Sahel (a antesala do deserto) e no mesmo Sáhara, a poboación concéntrase na zona meridional do país. A taxa de poboación urbana só acada o 21,4%, e N’Djamena, a capital, é a única cidade que supera o medio millón de habitantes (530.965 h [1993]). Na xerarquía urbana séguenlle Moundou (282.103 h), Bongor (196.713 h), Sarh (193.753 h), Abéché (187.936 h) e Doba (185.103 h), cidades situadas na metade meridional do país.
Sociedade e goberno

Diversidade étnica e cultural
Malia a aparente diversidade do país, existe unha certa homoxeneidade no N, islamizado e arabizado; o S é máis heteroxéneo, tanto étnica como relixiosa ou lingüisticamente. Esta distribución da poboación é a causa de numerosos conflitos internos dende que o país acadou a independencia en 1960. A poboación do N está composta por etnias negras islamizadas (maba, kanembu, baguirmi, tubu, etc), ademais da compoñente árabe (12% da poboación do país). No SO habitan os fulbes (12% da poboación do país), unha das etnias níxer-congo máis importantes que se islamizaron historicamente. No S non islamizado a poboación está integrada por diferentes grupos (ngambay, mbai, gulay, mundango, musey e masana), dos que o máis numeroso é o sara (25% da poboación do país). As linguas oficiais son o árabe e o francés; sen embargo, o árabe úsase exclusivamente nas rexións centrais e setentrionais, e o francés apenas o emprega o 5% da poboación. Outra das linguas que conta con máis falantes é o sango, pero no S non arabizado fálanse, ademais, ao redor de 100 linguas diferentes, pertencentes á familia nilo-sahariano (entre outras, o bilaba, o daza, o gulay, o ngambay e o sara), á familia afroasiática (entre outras, o buduma, o kera, o marba e o masana) e á familia níxer-congo (entre outras, o day, o fulfulde e o mundang). A relixión maioritaria é a musulmana, practicada polo 44% da poboación, principalmente das tribos do centro e N do país. Así mesmo, o 33% da poboación é de relixión cristiá (21% católicos e 12% protestantes), aínda que con influencias dos cultos tradicionais, e o 23% da poboación practica cultos indíxenas, sobre todo animistas. O 29% da poboación está escolarizada, pero só o 0,6% é universitaria. O analfabetismo afecta ao 65,3% das mulleres e ao 37,9% dos homes. O sistema sanitario é moi precario (0,03 médicos por cada 1.000 h [1994]) e non cobre as necesidades básicas da poboación, moi castigada por enfermidades endémicas como a sida (0,19 ‰ [1996]).
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano en 1998 situaba a Chad entre os países cun desenvolvemento humano baixo (ocupa o posto 167 cun índice do 0,367). Este Indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 47,5 anos; o índice de alfabetización de adultos é do 39,4% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 32%; e o PNB real por habitante (PPA) é de 856 $ USA.
Goberno e política
Antiga colonia francesa, acadou a independencia o 11 de agosto de 1960. Logo de tres décadas de conflitos internos e sucesivos golpes de estado, en 1996 aprobouse unha Constitución, o 31 de marzo de 1995, que dotaba o estado dun aspecto unitario e presidencialista. O poder executivo está formado polo presidente da República, elixido polo pobo en dúas voltas por cinco anos; o primeiro ministro, designado polo presidente; e o Consello de Ministros, elixido tamén polo presidente a partir dunha proposta do primeiro ministro. O poder lexislativo corresponde á Assemblée Nationale (Asemblea Nacional), formada por 125 membros elixidos polo pobo para un período de catro anos; a Assemblée Nationale reemprazou o Conseil Supérieur de Transition (Consello Superior de Transición). O sistema xudicial está baseado no dereito francés e no dereito consuetudinario chadiano. O órgano xudicial superior é a Corte Suprema; non acepta a xurisdición da Corte Internacional de Xustiza da Haia. A pena de morte aínda está en vigor. No informe Chad: esperanzas traicionadas, de Amnistía Internacional, documentábase a violación sistemática dos dereitos humanos (execucións extraxudiciais, orde gobernamental de “disparar a matar”, promulgada en 1996 e derrogada en 1997, torturas polo método de “arbatachar”, presos de conciencia, etc); así mesmo, as forzas de seguridade cometeron violacións graves dos dereitos humanos durante as operacións de contrainsurxencia e os grupos armados de oposición (Forces Armées pour la République Fédérale, Front National du Tchad Renouvé, Armée Nationale du Tchad en Dissidence, Mouvement pour la Démocratie et le Développement e Mouvement pour la Démocratie et la Justice au Tchad) cometeron abusos graves contra os dereitos humanos da poboación civil (torturas e homicidios deliberados e arbitrarios). Ratificou ou adheriuse aos seguintes tratados: Pacto Internacional dos Dereitos Civís e Políticos (PIDCP); Protocolo Facultativo do PIDCP; Pacto Internacional dos Dereitos Económicos, Sociais e Culturais; Convención Contra a Tortura e Outros Tratos ou Penas Crueis, Inhumanos ou Degradantes; Convención sobre o Estatuto dos Refuxiados (1951); Protocolo sobre o Estatuto dos Refuxiados (1967); Convención sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación contra a Muller e a Carta Africana de Dereitos Humanos e dos Pobos (1981). O partido político máis importante é o Mouvement Patriotique du Salut (MPS, Movemento Patriótico de Salvación), autoritario, é o partido do Presidente Dèby e ten a maioría parlamentaria. Ademais, a Union Nationale pour la Démocratie et le Renouvellement (UNDR, Unión Nacional pola Democracia e a Renovación), liderado por Saleh Kebzabo, e a Union pour le Rénouveau et la Démocratie (URD, Unión para a Renovación e a Democracia), liderado polo xeneral Wadal Abdelkader Kamougue, participan xunto co MPS no goberno. No ámbito extraparlamentario cómpre resaltar a Front Nationale du Tchad Rénouvé (FNTR, Fronte Nacional do Chad Renovado); liderado por Ahmat Yacoub, é o movemento de oposición máis organizado do país, herdeiro da Front Nationale du Tchad (FNT, Fronte Nacional do Chad) dende 1996, que ten como obxectivo fundamental instaurar unha verdadeira democracia en Chad que asegure a estabilidade e a prosperidade co respecto aos dereitos humanos nun marco socialdemócrata. A FNTR rexeita toda presenza militar estranxeira no Chad e combate a corrupción, os clans, o tribalismo, o rexionalismo e a ditadura. Administrativamente, o país está dividido en 14 prefecturas. Mantivo disputas territoriais con Libia pola franxa de Aozu, que por unha sentenza da Corte Internacional de Xustiza da Haia do 3 de abril de 1994 pasou a Chad, e con Camerún, Níxer e Nixeria pola delimitación de fronteiras no lago Chad. Forma parte dos seguintes organismos internacionais: ONU, OUA (Organización da Unidade Africana) e está asociado á UE.
Historia

Prehistoria e historia antiga
Os primeiros habitantes do Chad foron os saos, instalados ao S do lago Chad, que desenvolveron unha cultura orixinal caracterizada polas estatuas funerarias de terra cocida e, segundo se desprende dos gravados rupestres que se conservan, practicaban a agricultura, a pesca e a caza. Así mesmo, na área do Tibesti e no Ennedi, ao N do país, instalouse unha sociedade de pastores durante o Neolítico. A través do territorio chadiano difundiuse a técnica do ferro, orixinaria do alto Nilo, ata a África occidental; así mesmo, as poboacións autóctonas serviron de intermediarias entre os centros comerciais do Mediterráneo e as rexións do alto Níxer, produtoras de sal, ouro e cultivos tropicais. A chegada multitudinaria de musulmáns no s VIII deu lugar á progresiva islamización dos reinos constituídos na zona. Entre eles destaca o Reino de Kamen, que controlou as rutas transaharianas entre Trípoli, Tunes e Exipto e o val do Níxer. No s XIII Kanem estendíase dende o alto Níxer ata Fezzān e Ouaddaï, aínda que o seu dominio se reducía só a expedicións depredadoras. No s XIV houbo diversas revoltas que obrigaron os sultáns a trasladar o centro do reino a Bornu, na outra banda do lago. No s XVI o sultán Idris Katakamarli pacificou o reino e o sultán Idris Aluma estendeu os dominios ata Camerún. O declive de Bornu comezou no s XVII, ao ser atacada por tribos árabes e ao entrar en competencia cos reinos de Baguirmi e Ouaddaï. Os tres reinos chadianos entraron en decadencia no transcurso do s XIX debido aos constantes conflitos que mantiñan entre eles e á depauperación das súas sociedades.
O período colonial
A penetración europea no Chad iniciouse no 1823, cando o británico Hugh Clapperton explorou Kanem por primeira vez. Entre 1880 e 1896 o sudanés Rabah Zubayr, coñecido como o Sultán Negro, organizou un exército e creou un imperio centroafricano que integraba os tres reinos anteriores. A raíz destes feitos e co obxecto de restablecer a dinastía Kanembu, o sultán de Baguirmi, Gauranga, pediu axuda aos franceses, que enviaron un exército ás ordes do comandante Lamy en 1900. Trala Batalla de Kousseri (22 de abril de 1900), na que morreu Rabah, os franceses crearon Fort Lamy (despois N’Djamena) en maio de 1900. En 1908 os franceses recibiron de Alemaña unha parte do Bongor e, un ano despois, logo de oito anos de resistencia, ocuparon Ouaddaï, pero os límites do territorio permaneceron inestables ata 1914, cando un acordo co Reino Unido delimitou as fronteiras entre Chad e Sudán. O 25 de xaneiro de 1917 as tropas francesas asasinaron na rexión de Ouaddaï a máis de 400 relixiosos. En 1920 o territorio militar do Chad acadou o status de colonia civil e fixou a súa capital en Fort Lamy; en agosto de 1936 ingresou na África Ecuatorial Francesa. En agosto de 1946 o gobernador civil do Chad, Félix Eboué, respondeu favorablemente á chamada do 18 de xullo e aliñou as tropas chadianas, ás ordes do xeneral Leclerc, coa Francia libre; así, Chad serviu de base para as tropas do exército aliado da Cirenaica e para a toma de Fezzān (Libia).
A independencia
A instauración da IV República francesa e da Union Française en 1946, permitiu un novo marco de actuación política para os territorios de ultramar que aproveitou Gabriel Lisette, primeiro deputado chadiano na Assemblée Nationale francesa e fundador do Parti Progressiste Tchadien (PPT, Partido Progresista Chadiano), que se adheriu ao Rassemblement Démocratique Africaine (RDA, Agrupación Democrática Africana). O 16 de abril de 1952, a armada colonial francesa cometeu a masacre de Bebalem, no distrito do Logone Orientale. En marzo de 1957 constituíuse a Assémblee Territoriale, o que permitiu que a colonia gozase dunha ampla autonomía interna no marco da Union Française con órganos lexislativos e executivos propios. O 28 de novembro de 1958 proclamouse a independencia e elixiuse primeiro ministro a Gabriel Lisette, e o 16 de xuño de 1959, trala vitoria do PPT nas eleccións lexislativas de maio, François Tombalbaye formaba o primeiro goberno da República do Chad, que obtivo a independencia o 11 de agosto de 1960. Durante o primeiro ano, Tombalbaye gobernou con ministros do norte e sureños; sen embargo, debido á forza que acadou o musulmán Parti National Africaine (PCA, Partido Nacional Africano), en xaneiro de 1962 o goberno decretou a disolución de todos os partidos agás o PTT, co que se instaurou un réxime de partido único que contou co apoio de Francia. En 1963 as protestas na capital foron reprimidas con dureza polas forzas gobernamentais e producíronse arrestos masivos. En xaneiro de 1965 os moubi asasinaron a dous membros dunha delegación ministerial, feito que provocou unha revolta da poboación musulmá que levou á creación en setembro de 1965 da FNT, un grupo armado liderado por Hassan Ahmat Moussa con base en Sudán. En xuño de 1966 fundou, tamén en Sudán, a Front de Libération du Tchad (FROLINAT, Fronte de Liberación do Chad), que axiña orixinou unha nova fronte armada, o VOLCAN. A creación dunha segunda fronte armada no N, apoiada ademais por Libia, deu lugar á intervención das tropas francesas asentadas no Chad en 1968. En agosto de 1973 o Presidente Tombalbaye disolveu o PPT-RDA e fundou o Mouvement National pour la Révolution Culturalle et Sociale (MNRCS, Movemento Nacional para a Revolución Cultural e Social). O 13 de abril de 1975, un golpe militar dirixido por Félix Malloum derrocou e asasinou a Tombalbaye. Dende 1976 os enfrontamentos entre as diferentes guerrillas e as forzas gobernamentais foron constantes; sen embargo, en 1978 todas as forzas político-militares de oposición se uniron nas Forces Armées Populaires (FAP, Forzas Armadas Populares), en Faya, nun proceso que durou poucos meses. En 1979 as tropas do Presidente Malloum e do primeiro ministro Issène Habré iniciaron unha guerra civil en todo o país co apoio de Francia. En 1979 Malloum foi derrocado e Weddey, que presidía o FROLINAT, foi designado presidente do Goberno de Unión Nacional de Transición (1979-1982), que agrupaba as once tendencias políticas de oposición ao réxime de Malloum. En 1980 avivouse novamente o conflito; Habré, co apoio francés, sudanés, estadounidense e exipcio, fíxose coa capital e Weddey, co apoio libio, seguiu a loita no N. Logo de intensos combates, Habré conseguiu a presidencia e o recoñecemento da OUA en 1982, aínda que os combates coas tropas de oposición continuaron en 1983 e 1986, e provocaron a instauración do dispositivo militar francés Épervier para protexer o N do Chad. O primeiro de abril de 1989 o xefe do estado maior de Habré, Idriss Déby, fundou o MPS e retornou á guerrilla. Apoiados por Libia e Francia, os rebeldes do MPS ocuparon N’Djamena en 1990 e nomearon presidente da República a Déby. Os primeiros xestos do novo presidente (disolución da policía secreta e amnistía xeral) foron aplaudidos por todos os grupos da oposición; sen embargo, en 1991 virou a súa estratexia política coa instauración dun réxime de violencia, terror e medo. En 1993 estableceuse un Consello Superior de Transición, formado por membros da oposición e do goberno, que non ofreceu resultados positivos debido a que non puido evitar que continuase o conflito civil no país. Nas eleccións de 1996 Déby foi elixido presidente e instaurou un réxime que concentraba o poder na súa persoa. Presionado pola comunidade internacional, Déby viuse obrigado a asinar acordos de paz con diversas organizacións da oposición, aínda que non puido rematar coa violencia, en parte a causa das divisións internas da guerrilla antigobernamental. A mellora progresiva das relacións con Libia desembocou en abril de 1998 nunha reconciliciación definitiva e na apertura oficial das fronteiras terrestres entre ambos os países. En 1999 producíronse enfrontamentos entre as forzas presidenciais e os movementos político-militares rebeldes: o Mouvement pour la Démocratie et la Justice au Tchad (MDJT, Movemento pola Democracia e a Xustiza no Chad), fundado polo ex-ministro de Defensa de Déby, Youssouf Togoïmi, con base no Tibesti dende 1998; a FNTR, con base en Ouadaï dende 1996; e o Mouvement pour la Démocratie et le Développement, activo no lago Chad dende 1991.