Chaikovski, P’otr Ilich

Chaikovski, P’otr Ilich
Nome científico: [P’otr Iljič Čajkovskij]

Compositor. Cursou estudios de dereito e foi funcionario do ministerio de Xustiza (1859). En 1863 dimitiu para dedicarse exclusivamente á música e ingresou no conservatorio. Ao rematar os seus estudios (1866), foi profesor de harmonía no conservatorio de Moscova. Desta época son a Primeira Sinfonía (1866) e a ópera El vaivoda (1868). A partir de 1878 consagrouse á composición de obras máis extensas e despois foi director de orquestra (1886). Durante unha visita a San Petersburgo, coñeceu a un grupo de mozos que traballaban pola causa nacionalista na arte e que formaron o chamado Grupo dos Cinco, que influirían sobre a súa obra, como na Segunda Sinfonía (1872), chamada Ucraína por basearse en temas populares ucraínos. Os anos seguintes foron dunha grande actividade: nomeárono crítico musical de Russkaja Vedemost e, sen deixar a docencia, proseguiu a súa tarefa de compositor. Posteriormente, grazas ao mecenado de Nadezha von Meck, puido dedicarse exclusivamente a compoñer. A súa produción caracterízase polos contrastes, pola orquestración brillante e colorista e pola grande intensidade emocional. Entre as súas obras destacan, ademais, a sinfonía Manfred (1885), a Sexta Sinfonía, coñecida como Patética (1893), Francesca da Rimini (1876), Hamlet (1888), tres concertos para piano, o terceiro inacabado, e un concerto para violín. Compuxo tamén óperas (Oprichnik, 1872; Eugene Oneguin, 1878; A dama de picas, 1890), ballets (O lago dos cisnes, 1876; A bela durminte do bosque, 1889; e O quebranoces, 1892), música de cámara, para piano e música vocal, onde se inclúen obras corais, pezas relixiosas, profanas e numerosas cancións.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Votkinsk, actualmente República dos Udmurts

  • Deceso

    Lugar : San Petersburgo