Chaín
Chaín
Río afluente do Umia pola esquerda. Nace da confluencia de tres regos, o Valiñas, o das Lamas e o Varosa, no límite entre as parroquias de Barro, Valiñas (concello de Barro) e Briallos (concello de Portas). O seu curso aproveita o fondo da Depresión Meridiana e adopta unha dirección S-N, coa que drena esta última parroquia e penetra no concello de Caldas de Reis pola parroquia de Arcos da Condesa. Ao chegar á parroquia de Santa María de Caldas de Reis vira cara ao NO, de xeito que ata a súa desembocadura marca a fronteira entre esta parroquia e a de Portas, do concello homónimo. O seu percorrido total, incluíndo as súas fontes, abrangue uns 16 km.