Chamoselo

Chamoselo

Río afluente do Eume pola esquerda. Nace no lugar da Ribeira, na parroquia de Roupar (concello de Xermade). O seu curso adopta en principio unha dirección NL-SO coa que penetra na parroquia de Cabreiros. Alí, preto do lugar do Empalme, vira cara ao NO e adquire a dirección que basicamente mantén ata a fin do seu traxecto. Deste xeito chega ao concello das Pontes de García Rodríguez, no que entra pola parroquia do Aparral. Desemboca na vila das Pontes de García Rodríguez (na parroquia e concello homónimos) logo dun percorrido duns 10 km.