Chamoso
Chamoso
ou Chamoselo Río afluente do Miño pola esquerda. Nace no límite entre as parroquias de Chamoso, Arxemil e Pedrafita (concello do Corgo), da confluencia de varios regos que baixan das serras do Mirador e de Monciro (o de Pontecela, o Outeiro, o de Caxín, o Amoa e o Romeán). O seu curso adopta unha dirección NL-SO coa que penetra na parroquia de Chamoso e chega ao límite co concello de Lugo pola parroquia de Coeo. Segue cara ao S e serve de fronteira da parroquia de Santa Comba (concello de Lugo) coas de Laxosa, Manán e Paradela (O Corgo), sucesivamente. Ata a súa desembocadura, no lugar de Chamoso da parroquia de Paradela, percorre uns 5 km e drena unha conca de 163,5 km2. Achega ao Miño un caudal de 3,1 m3/s.