Chantada, comarca de

Chantada, comarca de

Comarca do centro da Comunidade Autónoma de Galicia, constituída segundo a Lei de Desenvolvemento Comarcal de Galicia de 1996. Neste espazo comarcal concorda de xeito claro o espazo natural, ben diferenciado do resto do territorio circundante, co núcleo funcional, Chantada. Non obstante , tradicionalmente, mantivéronse vinculados a esta vila os concellos do S da Ulloa (Antas de Ulla e Monterroso) e o de Portomarín, que quedan fóra dos límites comarcais. Esta comarca toma a súa denominación do principal núcleo, Chantada. Esténdese aproximadamente entre os 42° 27’ e os 42° 47’ de latitude N e os 7° 39’ e os 7° 56’ de lonxitude O. Limita ao N coas comarcas da Ulloa (concello de Monterroso) e Lugo (Portomarín), ao S coa de Ourense (Vilamarín e A Peroxa), ao L coa Terra de Lemos (concellos do Saviñao e Pantón) e Sarria (Paradela), e ao O coas da Ulloa (Antas de Ulla), Deza (Rodeiro) e O Carballiño (San Cristovo de Cea). Abrangue unha superficie de 462,2 km2, nos que acolle unha poboación de 18.247 h (1996), distribuídos entre os concellos de Carballedo (138,8 km2e 3.517 h), Chantada (176,7 km2e 10.227 h) e Taboada (146,7 km2e 4.503 h). A vila de Chantada é a cabeceira comarcal, que concentra a maioría dos servicios, tanto públicos coma privados, e estende a súa área de influencia máis alá da comarca na que se inscribe, ao ser tamén sede de partido xudicial. Mentres o municipio de Taboada aparece funcionalmente vinculado a Chantada de xeito moi estreito (aspecto que se ve favorecido pola disposición das vías de comunicación en dirección N-SO), o concello de Carballedo mantén fortes lazos con outros centros (as cidades de Monforte de Lemos e Ourense) por razóns de proximidade, aínda que tamén ten establecidos fortes vínculos funcionais coa capital chantadina.
Xeografía física
O relevo da comarca de Chantada resólvese en tres unidades morfolóxicas ben diferenciadas: as serras do Faro e o Farelo ao O, a encaixada ribeira do Miño ao L e a ampla superficie de aplanamento situada no centro. As serras forman parte da Dorsal Meridiana Galega e serven de divisoria de augas entre os tributarios do Miño e os ríos que verten as súas augas directamente no Atlántico (Ulla, Tambre, Mandeo, etc). A serra do Faro érguese máis de 400 m sobre a chaira central, co que acada un nivel de cumios, moi suavizados pola erosión, que sobrepasan os 1.000 m de altitude (O Marco, 1.036 m; Monte do Faro, 1.187 m; e Penas Grandes, 1.106 m). Dende Penas Grandes, as alturas van baixando para situarse arredor dos 700 m na fronteira entre Lugo e Ourense (no extremo SO do concello de Carballedo). Estas serras xurdiron como consecuencia dos movementos tectónicos de bloques da primeira metade do Terciario, debidos ás fracturas e tensións producidas pola oroxenia alpina. Os materiais litolóxicos predominantes nelas son os granitos. No centro do espazo comarcal, na maior parte do territorio, aparece a Superficie de Erosión de Chantada. Trátase do extremo sudoccidental da chaira luguesa, da que aparece separada por pequenos relevos residuais. É unha superficie de erosión que se pode englobar dentro do dominio xistoso da Galicia central e occidental, de cronoloxía primaria. Os seus materiais foron arrasados pola erosión e elevados grazas ao basculamento de bloques orixinados polo movemento alpino, que fan que se sitúe a unha altitude que oscila entre os 600 m na parte máis setentrional e os 700 m na meridional. Dentro desta superficie, que se inclina levemente cara ao S, aparecen pequenas elevacións residuais favorecidas pola erosión diferencial (Monte Cabezuda, 733 m, e O Pozo, 764 m). O río Miño, que circula polo extremo oriental da comarca, coñece neste tramo medio-alto do seu curso un profundo encaixamento, que acada en Taboada os 200 m de desnivel, en Belesar (Chantada) os 300 m e preto dos Peares (Carballedo) os 400 m. En 1955 e 1963 inauguráronse neste tramo do río os encoros de maior capacidade de Galicia, os de Belesar e Os Peares. Esta gorxa comezou a labrala o río por un fenómeno de antecedencia na segunda metade do Terciario, ao mesmo tempo que se elevaban as superficies de aplanamento que ten a ambos os dous lados. A chaira central aparece cortada por numerosos, pero pequenos, cursos de auga que verten ao Miño, entre os que destacan, de N a S, os de Porto da Dreira, Moreda, Eviande, Asma (que baña a capital comarcal), San Mamede e Búbal. Polo N e polo S, o espazo comarcal aparece delimitado por pequenos cordais montañosos, que corresponden a interfluvios locais e marcan límites topográficos menores. A comarca de Chantada pódese encadrar dentro do dominio climático oceánico, aínda que pertence á variedade dos climas do interior, onde respecto da costa existe un descenso das precipitacións e unha lixeira continentalidade térmica. Existen ademais certos matices de mediterraneización no val do Miño. As precipitacións están condicionadas polos relevos das serras do Faro e do Farelo, que se converten en pantallas pluviométricas en relación ás correntes húmidas do SO, O e NO. Deste xeito, as precipitacións no conxunto da Terra de Chantada sitúanse entre 1.000 mm e 1.200 mm anuais, aínda que na gorxa do Miño as chuvias son sensiblemente máis baixas (Belesar, en Chantada, 756 mm, e Os Peares, en Carballedo, 772 mm) debido á súa protección respecto dos fluxos do S. As chuvias son abondosas de outubro a marzo, e diminúen nos restantes meses. O ritmo estacional de precipitacións presenta o seu máximo no inverno, estación na que se recolle o 40% das chuvias. No outono e na primavera, que adoptan un comportamento de estacións de transición, a cantidade de auga caída é moi similar (practicamente cadansúa cuarta parte do total anual), mentres que o verán pode cualificarse de seco, pois só se rexistra o 9% das precipitacións anuais. Estes contrastes son aínda máis marcados nas ribeiras do Miño, xa que en Belesar cae o 51% da chuvia en inverno e o 8% no verán. Existe un notable déficit hídrico que se traduce en aridez nos meses de xullo e agosto, e que se estende ao mes de xuño en Belesar. As precipitacións repártense nuns 130 días ao ano (só 88 en Belesar). As nevaradas son pouco frecuentes (2-3 días ao ano) e resulta raro que cheguen a callar. A degradación das condicións climáticas oceánicas constátase máis claramente no ambiente térmico. O afastamento do litoral, o efecto de abrigo da dorsal montañosa e a altitude media da superficie de erosión (600 m-700 m) acentúan a continentalidade e alteran a oscilación térmica estacional e diúrna. A temperatura media anual sitúase entre os 10°C e os 12°C no territorio comarcal, agás preto dos encoros, onde é algo máis elevada (12,2°C en Belesar). A oscilación térmica anual sitúase entre os 11°C e os 12°C, e sobe ata os 14,3°C en Belesar como consecuencia de frecuentes fenómenos de inversión térmica no inverno e un quecemento moi forte durante a época estival. A amplitude térmica é froito da coexistencia de invernos non excesivamente fríos e veráns non moi cálidos. No inverno, xaneiro é o mes máis frío, e a temperatura media sitúase entre os 5,5°C (Taboada) e os 6,3°C (Chantada). Existe risco de xeadas entre outubro e maio (ata abril nas terras máis abrigadas do val do Miño). Excepcionalmente pode xear en xuño. Os días de xeada ao ano sitúanse entre 40 e 50, feito que dificulta o desenvolvemento axeitado dos labores agrícolas. Agosto acostuma ser o mes máis caloroso (agás nos encoros, que é xullo) cuns 19°C-20°C de temperatura media. Os espacios situados nas serras occidentais presentan valores moito máis frescos (15°C-16°C). A moderación térmica estival nas medias é consecuencia do arrefriamento nocturno, pois son frecuentes valores máximos absolutos por riba dos 40°C. Malia non haber espacios naturais declarados, cómpre destacar dende un punto de vista paisaxístico o Monte Faro, a gorxa do Miño cos socalcos dos viñedos que se sitúan nas vertentes, os encoros de Belesar e Os Peares, a ribeira do río Bubal ou as carballeiras de Cartelos (Carballedo).
Xeografía humana
A característica máis destacable da evolución demográfica da comarca de Chantada é o seu declive, froito da emigración experimentada dende comezos do s XX ata os anos setenta, que se traduciu nun acusado avellentamento e nun saldo vexetativo moi negativo. Así, dos 31.943 h que posuía no primeiro censo (1887) pasou aos 18.247 h en 1996, feito que supón un descenso do 43%. Esta diminución non foi uniforme, de xeito que se pode constatar a existencia de catro grandes períodos na súa evolución demográfica. Entre 1887 e 1900, a comarca de Chantada creceu levemente, un 0,24% anual. Nese momento, o primeiro movemento emigratorio cara ao continente americano aínda non chegara ao seu cénit. Ademais, a presión sobre as terras, que ofrecían pouca rendibilidade debido á rudeza do clima, non era excesiva, e a produción agrícola cubría as necesidades alimentarias básicas. Un segundo período é o comprendido entre 1900 e 1920, momento do primeiro declive significativo dos efectivos humanos ao perderse un 10% dos mesmos. As condicións de vida da poboación, labrega na súa maioría, eran moi precarias; o escaso desenvolvemento do resto dos sectores económicos provocaron a emigración cara a América. A mala alimentación incidiu tamén nos efectos excepcionais que tivo o andazo de gripe (1918-1919), que se cobrou un gran número de víctimas nestas terras. A partir de 1920 a situación mudou, pois a comarca retivo e incrementou a súa poboación (ata 1940 gañou 4.100 h, cunha media do 0,69% anual e conseguiu o seu máximo poboacional con 33.774 h). A crise financeira internacional, que comezou en outubro de 1929, freou a emigración e provocou o retorno dun gran número de emigrados. Paralelamente, o saldo vexetativo amosouse moi positivo e favoreceu a recuperación demográfica, malia a situación negativa provocada pola Guerra Civil. A derradeira fase comezou en 1940 e supuxo a perda de 15.527 h. O momento máis álxido da caída situouse entre 1960 e 1981, cunha taxa media do 1,56% anual. Ata 1970 experimentouse unha vaga emigratoria cara a América e Europa, e as cidades galegas (Vigo) e españolas (Bilbao, Barcelona, Madrid) máis desenvolvidas; isto provocou o avellentamento e o negativo saldo vexetativo que caracterizaron a poboación nos derradeiros lustros do s XX e no comezo do s XXI. Os tres concellos que forman a comarca coñeceron unha evolución similar, aínda que o descenso de poboación foi moito máis notorio en Carballedo (61,12% en todo o período contabilizado) que en Chantada (30,46%) ou Taboada (44,03%). A vila cabeceira, en cambio, tivo un comportamento demográfico diferente, pois retén poboación nunha área que a perde moi rapidamente. O núcleo urbano de Chantada conta con 4.309 h (1996) e non deixou de medrar dende 1887 (1.262 h), agás no período intercensual 1960-1970, momento no que non resistiu a emigración cara ao exterior e perdeu o 8,6% dos seus efectivos. No seu despegue demográfico e urbanístico, a vila anexionou dúas parroquias inmediatas ao núcleo urbano. O acusado avellentamento da poboación comarcal obsérvase ben na estrutura por idades, na que só o 15,9% dos habitantes ten menos de 20 anos, mentres que os maiores de 64 son case un terzo dos residentes (31,6%). A proporción entre sexos é favorable ás mulleres (51,07%) como consecuencia da súa maior esperanza de vida, pois a emigración neste espazo afectou por igual a varóns e mulleres. O saldo vexetativo (1996) é moi negativo, -8,71‰, derivado dunha baixa natalidade, 2,69‰, moi inferior á media galega (6,7‰), e dunha mortalidade elevada 11,4‰, como consecuencia da senectude.
Xeografía económica
A economía comarcal está baseada no axeitado aproveitamento dos recursos endóxenos. As actividades agropecuarias xeraron a instalación dunha industria diversificada á que subministran as materias primas e un movemento asociativo que deu orixe a varias cooperativas. Ata os anos setenta predominou na comarca de Chantada unha agricultura intensiva de policultivo orientada á subsistencia do campesiñado. A emigración favoreceu o cambio na estratexia produtiva, concentrou explotacións, abandonou as terras marxinais e buscou pautas de especialización en produtos máis adecuados á orografía e ao clima local. Así, a orientación produtiva pasou a ser gandeira, coa explotación intensiva do vacún para leite e do porcino. As terras dedicadas a pastos ocupan o 40% do territorio comarcal, e moitas terras de labradío destínanse a cultivos forraxeiros. A produción vinícola é importante na área do val do Miño. A agricultura está pouco representada, agás polas elevadas producións de cereixas e castañas. Os traballadores agropecuarios buscaron no asociacionismo maiores vantaxes para a produción; así xurdiron varias cooperativas, como a Sociedade Cooperativa Chataca en Chantada, a Cooperativa Medela en Taboada, con 450 e 214 socios produtores de leite, respectivamente; ou a Vinícola de Chantada, S A. Todas estas actividades proporcionan o 42% do emprego, malia que hai certas diferencias intracomarcais (Carballedo, 54,2%; Chantada, 34,5% e Taboada, 49,2%). A industria emprega só a un 11% da poboación ocupada. O tecido empresarial está baseado no aproveitamento dos recursos agroforestais locais: existen numerosos serradoiros, algunha industria de mobles, un matadoiro, fábricas de embutidos e lácteos, e explotacións de áridos e granito. A industria máis salientable é a hidroeléctrica, que aproveita os saltos de Belesar e Os Peares. A construción presenta unha estrutura empresarial baseada en traballadores autónomos e emprega o 9,24% dos ocupados da comarca, xa que se ve favorecida polo pulo edificativo da vila cabeceira, debido fundamentalmente ao retorno de emigrantes. Os servicios están pouco desenvolvidos; empregan só o 37,9% dos traballadores residentes na comarca. Só Chantada mostra unha maior presenza das actividades terciarias (43,46%) debido á consolidación do seu núcleo urbano como centro comercial e de servicios, tanto públicos coma privados. Entre estas actividades destacan os servicios sociais e a administración pública, que emprega o 12% dos traballadores, o comercio (8,27%) e a hostalería (4,2%). As vías de comunicación comarcais máis importantes son a estrada nacional N-540, que atravesa toda a parte central do seu territorio de N a S e comunica a comarca coas cidades de Ourense e Lugo; a vía rápida VAC-5 Monforte de Lemos-Lalín, que aproveitou o trazado da antiga estrada comarcal C-533 (A Gudiña-Lalín), e a estrada local LU-212 que une Taboada e Palas de Rei. A rede viaria complétase con numerosas vías locais que serven de comunicación intracomarcal.
Historia

Os primeiros vestixios son da época megalítica, da que existen once enclaves coñecidos, entre os que destacan as mámoas de Vilar do Monte, en Carballedo, a Meda, en Chantada, ou as Medorras de Sabugueira, Gulfar e Carballos, en Taboada. Tres machadiños de talón, atopados nos concellos de Chantada e Carballedo, son da Idade do Bronce. Durante o período castrexo estiveron activos medio cento de castros, entre os que cómpre salientar o de San Sebastián en Chantada, o de Moreda en Taboada e o de Morgade en Carballedo. Pénsase que o territorio comarcal estaba ocupado polas tribos dos búbalos ao S e polos seurros ao N, aínda que tamén puideron habitar a zona os lemavos. Trala romanización, no s VI, xurdiu a comarca eclesiástica de Pallares, pertencente á diocese de Lugo e integrada polos territorios da comarca actual xunto cos de Portomarín e Guntín. Durante a Idade Media destacaron catro mosteiros: San Salvador de Asma, San Estevo de Chouzán, San Xoán de Cobas e Santa María de Pesqueiras. O abade de San Salvador de Asma tivo gran poder na zona, xa que foi cabeza da xurisdición de Asma. Coa Guerra dos Irmandiños destruíronse moitas fortalezas, polo que houbo unha certa inestabilidade ata a nova división territorial de Galicia en sete provincias no s XVI, mediante a que Chantada pasou a ser cabeza de xurisdición do señorío laico. En 1809, durante a Guerra da Independencia, libráronse nestas terras varias escaramuzas contra os invasores franceses, que chegaron a Chantada procedentes de Lugo e Ourense tralas tropas mandadas polo británico Moore. No segundo terzo do s XIX as loitas dinásticas, que deron orixe ás guerras carlistas, foron bastante habituais, particularmente nas serras do Faro e Farelo. Durante o Antigo Réxime, os tres concellos que forman a comarca pertencían á provincia de Lugo, agás cinco parroquias da actual Taboada que estaban adscritas á de Ourense. En 1822, coa división de Galicia en catro provincias, Chantada pasou a formar parte da provincia de Ourense. Isto propiciou que a sede do partido xudicial pasase a Taboada entre 1834 e 1840, data na que Chantada volveu formar parte da provincia de Lugo. A orixe dos tres concellos ten diferentes cronoloxías: Chantada xurdiu coas disposicións das Cortes de Cádiz en 1812; Taboada, trala división provincial de 1822; e Carballedo, coa reforma xudicial e municipal de 1840.
Patrimonio cultural
Dos catro mosteiros que existiron no concello perviven as súas igrexas románicas orixinarias: San Salvador de Asma só conserva da primitiva fábrica do s IX a ábsida semicircular e algunhas fiestras; San Estevo de Chouzán do s IX e San Xoán de Cobas, do s X, incorporáronse ao mosteiro de San Paio de Antealtares de Santiago de Compostela; e Santa María de Pesqueiras, fundado no s X, adscribiuse tamén a Antealtares. Destacan igualmente as igrexas románicas de San Pedro de Bembibre (Taboada), Santa María de Camporramiro e Santa María de Nogueira (Chantada), e as igrexas de Aguada, Bubal, Lousada e Pradeda, en Carballedo. Entre as mostras da arquitectura palaciana cómpre salientar as torres de San Román e da Grixoa en Carballedo, os pazos de Suatorre e do Piñeiro, as torres de Arcos, Pacio, Pereira,Vilar de Eiriz e Vilaúxe, e a fortaleza de Pereira (Chantada), o pazo de San Pedro de Bembibre e o pazo de Ferrelos (Taboada). O patrimonio comarcal complétase coa existencia de numerosos cruceiros e petos de ánimas, ademais de hórreos e pombais. No patrimonio natural destaca o encoro dos Peares e a ribeira do Búbal (Carballedo), o Monte Faro en Chantada e, en xeral, as ribeiras do Miño e os seus afluentes. Entre as festas que teñen lugar no concello destacan as festas de Santiago (Buciños) e San Roque (Castro) en Carballedo, as romarías de Nosa Señora do Faro e San Lucas en Chantada e a dos Miragres en Taboada.