Chantada Acosta, José Ramom

Chantada Acosta, José Ramom

Xeógrafo. Doutorouse en Xeografía e Historia en 1982 e comezou a súa actividade docente en 1976 no departamento de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela, que dirixiu entre 1989 e 1991. Profesor de Análise Xeográfica Rexional na Universidade de Santiago de Compostela, centrou a súa investigación na ordenación do territorio, na demografía e na cartografía. Foi pioneiro na aplicación da teledetección e dos Sistemas de Información Xeográfica (SIX) en Galicia. Foi profesor invitado nas universidades de Cork, Nantes e Maine (Le Mans) e, dende 1995, profesor colaborador da Escola Superior Gallaecia, en Vila Nova de Cerveira (Portugal). Ampliou os seus estudios sobre xeomorfoloxía litoral en París (1987) e sobre SIX en Durham e Londres (1988-1991). Forma parte do consello de redacción da revista Agália. Á parte de numerosos artigos e comunicacións, publicou Paisaje agrario en la Galicia Noroccidental (1982; versión en galego de 1989), Las parroquias de Galicia. Cartografía y estadísticas (1985) e Estrutura por Edad y Sexo en Galicia (1994); tamén foi director e coordinador das follas galegas (NO da Península Ibérica) do Mapa de Ocupación del Suelo de España a escala 1:100.000 (1991), publicado polo Instituto Geográfico Nacional. É membro do Instituto de Estudios Avanzados da OTAN, da Sociedade Galega de Xeografía, da Asociación de Geógrafos Españoles, da Real Sociedad Geográfica, da Association of American Geographers, da Royal Geographical Society de Londres, ademais de investigador agregado do Centre National de la Recherche Scientifique e fundador da Asociación Española de Teledetección, da Asociación Española de Sistemas de Información Geográfica y Territorial e do Servicio de Tratamento Dixital da Imaxe da Universidade de Santiago de Compostela.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Caticovas, Nogueira, Meis