Chao Fernández, Eduardo

Chao Fernández, Eduardo

Político, historiador e xornalista republicano, fillo de Xosé María Chao Rodríguez. Trasladouse a Vigo coa súa familia por motivos políticos e cursou estudios nesta cidade ata que marchou a Santiago de Compostela, onde comezou a carreira de Farmacia; alí participou na acción da Lavacolla contra os carlistas; posteriormente colaborou na defensa do sitio da praza de Vigo por parte do comandante-xeneral de Pontevedra. Trasladouse a Madrid, onde se licenciou en Farmacia, e iniciou a súa andaina xornalística como redactor de La Gaceta. En 1854 foi elixido deputado por Ourense para as Cortes constituíntes, que por primeira vez non eran absolutamente monárquicas. Participou, xunto cos sarxentos do cuartel de San Gil, no levantamento popular de 1866, polo que tivo que exiliarse a Francia. Durante o seu exilio, entre xuño de 1866 e setembro de 1868, viaxou por toda Europa e axudou a organizar o movemento liderado polo xeneral Pierrand no Alto Aragón. Tralo triunfo da Gloriosa (18 de setembro de 1868), participou na Xunta revolucionaria de Madrid e foi nomeado director xeral de Telégrafos. En 1869 elixírono deputado por Ourense para as Cortes que promulgaron a nova Constitución. En 1871 foi elixido deputado por Vigo. En 1873, trala proclamación da República, foi nomeado ministro de Fomento durante o goberno de Nicolás Salmerón. Dende o seu ministerio promoveu importantes cambios dentro da administración do estado e na educación, e realizou numerosas obras públicas. Organizou e regulamentou os servicios dos fareiros, creou unha división para a inspección e vixilancia do ferrocarril, estableceu sindicatos e xurados de rego, creou unha xunta para o control do Canal Imperial de Aragón, creou as xuntas de portos, o gabinete de Historia Natural, o Jardín Botánico en Madrid, unha comisión para a elaboración do mapa xeolóxico de España e o Instituto Geográfico, ademais de descentralizar todo o sistema de obras públicas. Durante o seu mandato, presentouse en xuño de 1873 o primeiro plan xeral de instrución pública, realizado por Juan Uña, baixo a inspiración de Francisco Giner de los Ríos. Con este plan incorporábanse novas materias e estruturábanse as vellas, como a antropoloxía, a bioloxía e a ética, a cosmoloxía e a teodicea, a química xeral, mineral e orgánica, a uranografía e a xeoloxía, a botánica e a zooloxía ou a tecnoloxía. A proposta amosaba un fondo interese polo desenvolvemento das ciencias físico-naturais e recollía as vellas ideas liberais de “ciencia, progreso e benestar”. Tamén se promoveu dende ese ministerio a creación da cátedra de Histoloxía Normal e Patolóxica na facultade de Medicina de Madrid, a creación da cátedra de Música na Escuela de Bellas Artes de San Fernando, a cátedra de Química aplicada ás artes na Universitat de València; a reorganización do ensino nas facultades de Filosofía e Letras, Ciencias Exactas, Físicas e Naturais e a regulamentación das oposicións a cátedra. A súa preocupación pola educación levouno á primeira xunta directiva da Institución Libre de Enseñanza, á comisión de propaganda e á tesourería desta institución. Aínda que á fin da República abandonou a vida política, seguiu mantendo a actividade pública, sobre todo en Vigo, cidade na que se instalou en 1880. En 1881 estableceu en Vigo un observatorio meteorolóxico traído desde Inglaterra, sobre o que publicou unha pequena obra de divulgación titulada El observatorio meteorológico de Vigo (1884), na que expoñía a necesidade deste tipo de centros e unhas pequenas nocións de meteoroloxía teórica e práctica (incluíndo un apartado sobre o clima de Vigo). Como xornalista colaborou con publicacións madrileñas como El Espectador, La Guindilla, El Huracán, El Eco de las Barricadas, La Discusión, El Crédito, El Correo de Ultramar e La Justicia, e galegas, entre as que destacan La Ilustración Gallega y Asturiana, fundada polo seu irmán, La Oliva (logo El Miño), fundada en 1886 xunto con Manuel Murguía e Xoán Compañel, La Concordia de Vigo, La Gaceta de Galicia e o Diario de Santiago. A súa obra tratou diversos temas, tanto científicos como políticos ou históricos. Vigo foi obxecto de atención en moitos dos seus traballos: Necesidades del porvenir de Vigo (1881), El ferrocarril y el puerto de Vigo (1883), Defensa del proyecto del puerto comercial de Vigo que estudió Don Melitón Martín (1881), Resumen de la controversia sobre el proyecto del puerto comercial de Vigo (1884), Comparación de las observaciones meteorológicas de Vigo, 1884, con las observaciones de la zona cantábrica (1885) e El verdadero ferocarril de Madrid a Vigo por Ávila, Salamanca y Portugal (1886). Sobre os problemas económicos que afectaban a Galicia escribiu La ostricultura en Galicia (1880) e o Proyecto de ley contra la excesiva división de la propiedad y del suelo en Galicia (1873). Entre as obras de carácter histórico sobresaen Razones de España para la revolución de Septiembre (1840), Los republicanos y la época (1842), Historia de la vida militar y política de Martín Zurbano (1846), o prólogo das Páginas contemporáneas de Baldomero Espartero (1846), La guerra de Cataluña (1847), Cuadros de la geografía histórica de España desde los primeros tiempos prehistóricos hasta el día, con varios mapas de los diversos dominios (1849); a continuación da Historia general de España (1852) iniciada polo Padre Mariana, Dicionario de la política (1850), Cuadro sinóptico de la Historia de España (1853) e Dicionario enciclopédico de la lengua española (1853). No ámbito científico, dirixiu a Revista Química Matritense (desde o ano 1851) e Los tres reinos de la naturaleza (1852), e escribiu un Tratado de mineralogía; así mesmo, en colaboración con Nemesio Lallana, redactou un Curso elemental de mineralogía médica (1884). Ademais, colaborou na Biblioteca Ilustrada de Gaspar Roig e fundou La Biblioteca del Hombre Libre. Foi presidente honorario da Sociedade de Socorros La Cooperativa, xermolo da Escola de Artes e Oficios de Vigo (1886), para a que escribiu o Reglamento de la Escuela de Artes y Oficios de Vigo, e do Real Colegio de Farmacéuticos de Madrid. Á súa morte, o concello de Vigo deu o seu nome a unha das rúas do núcleo histórico da cidade, onde se localizaban as Escolas do Centro que, a partir deste momento, pasaron a ser coñecidas como Escolas Chao.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Ribadavia

  • Deceso

    Lugar : Madrid