Chao Rego, Xosé

Chao Rego, Xosé

Escritor. Realizou estudios no seminario de Mondoñedo e no Colegio Mayor San Carlos Borromeo da Universidad Pontificia de Salamanca, onde se licenciou en Filosofía; posteriormente trasladouse a Roma e licenciouse en Teoloxía pola Universidade Pontificia Gregoriana. En 1956 ordenouse sacerdote e, entre outros cargos eclesiásticos, foi director do Secretariado Diocesano de Catequese, delegado episcopal de Cáritas Diocesana e membro da Comisión Diocesana de Liturxia. Exerceu como docente en Vilalba impartindo filosofía e posteriormente en Santiago de Compostela como profesor de lingua e literatura galegas. Colaborador en distintos xornais e revistas especializadas (La Voz de Galicia, Encrucillada, Teima, Vida Nueva, Pastoral Misionera), fundou a asociación e a revista Irimia e organiza, dende 1978, as Romaxes de Crentes Galegos. Articulista de temas político-social e teolóxicos, participou en varios volumes colectivos e publicou, entre outras obras, Introdución ao Xénesis (1972), La iglesia en el franquismo (1976), La iglesia que Franco quiso (1976), Eu renazo galego (Premio da Crítica, 1984), O misterio do lume (1985), Para comprendermos Galicia (1987), Historia do pobo de Xesús (1983-1993) e Camiñando a Compostela (1992), A onde vai a Igrexa? (1994), O libro da auga (1995), Camiño verde: ecoloxía e creación (1996), A condición homosexual (1999), O sexo, a muller e o crego (2000) e O queixume das orixes e tres salaios máis (2000).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Vilalba