Chaos

Chaos
  1. [ONOM]

    Forma plural correspondente a Chao, apelido galego de orixe toponímica que remite ao latín planu ‘lugar chan’. Atéstase moi cedo baixo a forma latina: “Pelagio Suariz de Planos” (doc ano 1103 en M. Lucas Álvarez, El tumbo de San Julián de Samos (siglos VIII-XII), 1986, p 265). Esta forma correspóndese coa zona centroriental do territorio galego fronte a Chans que é propia do occidente.

  2. [HIST/HERÁLD]

    Liñaxe que trae como armas, en campo de prata, dous lobos de sable, pasantes, armados e lampasados de goles, postos en pao; bordo de goles con oito aspas de prata. Outra variante leva, en campo de azul, unha estrela de ouro, cargada de tres flores de lis de azul.