Chaplin, Charles Spencer
Actor e realizador cinematográfico. Fillo de artistas de vodevil, debutou nos escenarios en 1898 coa compañía Eight Lancashire Lads, un grupo de oito rapaces dirixidos por William Jackons que realizaba números musicais. Despois continuou traballando nos teatros de variedades de Londres, onde aprendeu a construír personaxes e a preparar breves números cómicos e burlescos. Despois de participar en diversos espectáculos de relativo éxito, en 1908 entrou a formar parte da compañía de Fred Karno, Speechless Comedians, especializada en números de pantomima, coa que visitou o Folies Bergère de París e realizou unha xira por América. Nunha desas funcións de teatro de vodevil nas que participaba, foi descuberto por Groucho Marx. En 1913, despois dunha intensa traxectoria teatral, incorporouse á industria cinematográfica. Ese mesmo ano debutou en EE UU coa produtora Keystone, de Mack Sennett. Desenvolveu a súa poética de vagabundo romántico, marxinado da sociedade, popularizado co nome de Charlot, nos filmes The Immigrant (O inmigrante, 1917), A Dog’s Life (Unha vida de can, 1918), Shoulder Arms! (Armas ao ombro!, 1918) e The Kid (O rapaz, 1921), a súa primeira longametraxe. Asociado con D. W. Griffith, Douglas Fairbanks e Mary Pickford, fundou a United Artists (1919), produtora dos seus filmes posteriores: A Woman of Paris (Unha muller de París, 1923), The Gold Rush (A quimera do ouro, 1925), obra mestra sobre a “febre do ouro”, e The Circus (O circo, 1927). Participou no cine sonoro con City Lights (Luces da cidade, 1930), Modern Times (Tempos modernos, 1936), unha sátira sobre a sociedade industrial, e The Great Ditator (O gran ditador, 1940), contraria a Hitler e Mussolini. Lembrou os seus anos de music-hall en Londres en Limelight (Luces, 1952). No 1953 abandonou os EE UU por razóns políticas e instalouse en Suíza. Con A Countess from Hong Kong (A condesa de Hong Kong, 1967) puxo fin á súa actividade cinematográfica, síntese madura do melodrama romántico e da sátira social máis directa, non carente dunha triste amargura.
Cronoloxía
-
Deceso
Lugar : Sur -
Nacemento
Lugar : Londres -
Deceso
Lugar : Vevey, Suíza