Chapultepec
Outeiro volcánico situado ao O da cidade de México, cunha altitude de 60 m. As vertentes L e NO son abruptas mentres que a S é máis suave. Antes da conquista foi unha cidade tolteca, ocupada despois polos aztecas, que a converteron en centro de ocio dos monarcas de Tenochtitlán. O vicerrei Bernardo de Gálvez fixo construír alí un palacio en 1785 que foi reformado polo Emperador Maximiliano en 1866. Co tempo converteuse en residencia de verán dos presidentes da República ata 1940. En 1945 foi o escenario da reunión da conferencia panamericana que promulgou a Acta de Chapultepec, pola que os países asinantes acordaban unha axuda mutua en caso de violación da súa independencia política por parte dalgún país non americano. O parque acolle a sede do Museo Nacional de Antropología de México deseñado por Pedro Ramírez Vázquez (1963-1964).