Chartres

Chartres

Capital do departamento de Eure-et-Loir, na rexión do Centro, Francia, situada á beira do río Eure (39.595 h [1990]). A base da súa economía é a industria, principalmente a química, a electrónica e a metalúrxica. Ademais, é un centro administrativo e comercial (trigo, gando e la). Foi a capital do pobo dos carnutos ata a súa conquista polas tropas romanas baixo as ordes de Caio Xulio César. A partir de entón adoptou o nome de Autricum. Dende o s III é sé episcopal e pertence aos condes de Champa-gne e de Blois desde o s X. A finais do s XIII pasou á coroa e Filipe IV cedeu a cidade ao seu irmán Carlos de Valois. En 1528 Francisco I outorgoulle o título de ducado e, dous séculos despois, Luís XIV cedeulla ao seu irmán Filipe, duque de Orléans, polo que a partir dese momento foi patrimonio dos herdeiros desa casa. O monumento máis destacado é a catedral de Nôtre-Dame. No s XI, o bispo Fulbert iniciou a construción da primitiva catedral sobre o lugar que ocupara un santuario pagán, que foi destruída por un incendio en 1194. Edificouse unha nova catedral que foi consagrada en 1260. Do antigo edificio conservouse a cripta e a fachada occidental coa portada triple, o Portail Royal (1150?). Presenta planta cruciforme aínda que é a primeira catedral gótica sen tribunas, substituídas por arcos botareis. Consta de tres pisos, arcadas, triforio e ventás, e dúas fachadas no transepto, flanqueadas con cadansúas dúas torres de base cadrada e cun tripla portal precedido dun pórtico. As portadas salientan pola súa decoración escultórica: o Portail Royal está decorado con estatuas de patriarcas e profetas, a portada meridional desenvolve o tema do Xuízo Final e a norte está dedicada ao Antigo Testamento e á chegada de Cristo. No interior destacan as vidreiras do s XIII. Na cidade cómpre destacar tamén as igrexas románicas de Saint-Brice (s XI) e Saint-André (s XII), e a renacentista de Saint-Aignan (ss XVI-XVII).