Checa, República

Checa, República

Estado de Europa central que limita ao N con Polonia, ao NO e ao O con Alemaña, ao S con Austria e ao L con Eslovaquia (78.866 km2; 10.282.000 h [estim 1998]). Esténdense entre os 51° e os 49° de latitude N e os 12° e 19° de lonxitude L. A capital é Praga.
Xeografía física

Relevo e xeoloxía
Morfoloxicamente, distínguese a zona herciniana do macizo de Bohemia e a canle formada polas concas de Moravia e Silesia no sector oriental. O macizo de Bohemia, formado polos antigos bloques hercinianos, preséntase como un altiplano bordeado por serras dispostas en forma de cuadrilátero: ao N, en dirección SO-NL, as montañas Krušné Hory; ao NL, en dirección NO-SL, as montañas Krknoše (onde está a altitude máxima da rexión [1.602 m]) e os Sudety; ao S, en dirección NL-SO, os cerros Checo-moravos; finalmente, ao O, a Selva de Bohemia. A conca de Moravia é o límite entre Bohemia e o estado veciño, Eslovaquia.
Climatoloxía e hidrografía
A situación continental e a disposición do terreo determinan un clima de tipo continental, de transición entre o continental propio da Europa do L e o da Europa occidental. Aínda que non hai zonas climáticas ben diferenciadas, hai unha sucesión de variacións climáticas relacionadas coa diversa topografía e os medios naturais. A temperatura media do mes de xaneiro en Praga é de 0°C e a de xullo duns 20°C; as mínimas chegan a -10°C nas montañas da Bohemia Oriental. A pluviosidade oscila entre 500 mm anuais nas chairas de Bohemia ata uns 1.000 mm nas montañas do N. O territorio checo alimenta hidrograficamente dúas grandes concas fluviais: a do río Elba (co río Ohře, Otava e Vlatva) e o Danubio (co Morava). Ademais, hai unha importante cantidade de ríos menores cunha relativa importancia económica.
Medio ambiente
Os solos son variados e ricos. Nas zonas onde a precipitación anual supera os 600 mm desenvólvense solos podsólicos (ricos en materia orgánica). Nas ribeiras dos ríos hai terras de aluvión, moi aptas para a agricultura. Os bosques ocupan un terzo do territorio, sobre todo nas áreas de montaña. Son principalmente de carácter centroeuropeo: carballeiras nas terras baixas e faias e coníferas a maior altura.
Xeografía económica

Economía
O territorio da República Checa concentra gran parte dos recursos e achega a maior parte do PIB da antiga Checoslovaquia socialista (aproximadamente as tres cuartas partes). Antes da ruptura deste Estado, o afundimento do bloque socialista propiciou unha transición acelerada cara á economía de mercado, que se complicou coa crise económica que acompañaba a fin do réxime socialista e coa baixa rendibilidade dalgunhas das grandes empresas estatais. En 1998 rexistráronse os resultados económicos máis mediocres desde o nacemento do Estado, coa caída do PIB ata un 2,2%. O paro aumentou de forma espectacular; alcanzou en 1997 o 4,7% da poboación activa. Levouse a cabo un proceso de privatización, o ritmo e a forma dependían do tipo de empresa ao que se lle aplicaba, e en 1994 máis do 80% das empresas estaban privatizadas. Malia as dificultades, pola infraestrutura e diversificación da súa economía, a República Checa é un dos estados do antigo bloque soviético mellor situado para realizar o cambio a unha economía de libre mercado. Forma parte do primeiro grupo de estados candidatos a entrar na UE. A súa inflación en 1997 era do 8,4% e tiña un déficit externo de 20.094.000.000 $ USA (1996). A renda per cápita é de 4.740 $ USA (1996) e posúe unha poboación activa de 5.640.000 (1997). A moeda de curso legal é a coroa checa.
Recursos e sectores de actividade
A maior parte da poboación activa concéntrase no sector servicios (60%), mentres que o sector primario e secundario ocupan o 5% e o 35%, respectivamente. O 42,3% do solo é superficie cultivable e as zonas agrícolas máis importantes localízanse nos vales dos ríos Elba e Vlatva. As colleitas principais son as de azucre, trigo, patacas, colza, mel, avea e millo. A viña e a produción de viño tamén teñen certa importancia ao SL de Moravia. Na gandería destaca a cría de gando caprino, ovino e porcino. Este sector transformouse despois de que os gandeiros e agricultores tivesen a posibilidade de ter en propiedade as súas propias explotacións; sen embargo, a maior parte do terreo segue en mans do Estado e das cooperativas. A explotación forestal ten importancia especialmente nas montañas do SO de Praga e nas serras do SL, aínda que nos últimos anos a polución producida polas industrias malogrou moitos bosques. En conxunto, o sector agrícola ten un bo nivel de mecanización e unha considerable integración entre produción e transformación. O sector industrial está moi diversificado; nel destacan a metalurxia, a maquinaria (aceiro, coque, ferro colado, chumbo, automóbiles (Škoda), motocicletas, téxtiles da pel e confección, maquinaria agrícola e industrial) e a explotación dos seus recursos mineiros, principalmente carbón (no val de Ostrava-Karviná, Plzeň e Oslavany), uranio, mercurio e petróleo. Tamén hai reservas de ferro ao N de Moravia e en Bohemia central. O turismo é un sector importante grazas aos seus recursos paisaxísticos e naturais, ao legado cultural (a propia Praga) e ás áreas con culturas ben diferenciadas como Silesia.
Comercio exterior
O país depende do comercio co exterior, aínda que a balanza comercial non é moi deficitaria (-2.583 $ USA [1991]). As principais exportacións son os equipamentos, maquinarias, alimentos e bebidas (34%); e entre as importacións salientan os produtos químicos, combustibles e lubricantes (86%). Ten relacións comerciais con diversos países, sobre todo cos da Europa central e do L.
Transportes e comunicacións
A rede de comunicacións é boa; posúe 55.875 km de estradas (1995), un sistema de ferrocarrís, mediante o que se realiza a maior parte do tráfico comercial (9.435 km [1996]) e dispón de 303 km de vías navegables internas (1995) ben aproveitadas. Polo Elba desenvólvese parte do comercio con Alemaña e os barcos de pequeno calado poden navegar polos afluentes como o Morava, o Vlatva e o Ohře, que comunica a Silesia checa coa polaca.
Xeografía humana

Demografía
Ten un crecemento demográfico negativo en 1996 (-2,1%) debido a un índice de natalidade inferior (8,8‰ [1997]) ao de mortalidade (10,9‰). O número de fillos por muller é baixo (1,5 [1996]). É o estado máis poboado de Europa Central, despois de Alemaña, cunha elevada densidade de poboación de 133 h/km2(1991).
Poboamento
A poboación é eminentemente urbana (65,4% [1995]), concentrada principalmente nas rexións industriais e agrícolas máis ricas como a Bohemia setentrional e a Moravia setentrional, mentres que a Bohemia meridional ten a densidade máis baixa (uns 60 h/km2). Máis do 70% da poboación vive en cidades pequenas e medianas, só Praga supera o millón de habitantes (1.209.855 h [1995]); séguena en importancia, Brno (388.900 h [1996]), Ostrava (324.800 h [1996]), Plzeň (171.200 h [1996]), České Budějovice (99.708 h [1996]) e Zlín (83.026 h [1996]). Existen tamén zonas moi pouco poboadas nalgunhas terras fronteirizas, especialmente nos Sudety, por mor da deportación que sufriu a comunidade alemá despois da Segunda Guerra Mundial.
Sociedade e goberno

Diversidade étnica e cultural
Os checos (81,2%), moravos (13,2%) e silesianos (0,4%) configuran un grupo humano homoxéneo que constituíu a base étnica sobre a que se estableceu a República Checa. Outros grupos minoritarios, aínda que maioritarios nos estados fronteirizos, son os eslovacos (3,1%), polacos (0,6%), alemáns (0,5%) e húngaros (0,2%). Os xitanos (aproximadamente o 0,5%) son unha minoría étnica marxinada que posúe os maiores índices de pobreza, analfabetismo e desemprego. A lingua oficial é o checo, mentres que o ruso e o inglés se estudian como segundas linguas no ensino. Tamén se falan o alemán, o bávaro, o polaco e o romani. A Constitución checa non recoñece ningunha relixión como oficial e garante a liberdade de culto. A relixión maioritaria é a cristiá, practicada polo 47,7% da poboación (39,2% católicos, 4,6% luteranos, 3% ortodoxos e 1,7% husitas), e existe unha pequena comunidade xudía de 15.000 ou 18.000 membros. Así mesmo, como herdanza do pasado socialista, o 39,8% da poboación declárase atea e o 13,4% non se identifica.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano en 1998 situaba a República Checa entre os países cun desenvolvemento humano alto (ocupa o 34º posto cun índice do 0,843). A esperanza de vida no nacemento é de 74,1 anos; o índice de alfabetización de adultos é do 99,0% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 74%; e o PNB real por habitante (PPA) é de 12.362 $ USA.
Goberno e política
Integrada na República Socialista Checoslovaca, a República Checa formouse o primeiro de xaneiro de 1993, logo de separarse consensuadamente de Eslovaquia. Despois da Revolución de Veludo (1989), instaurouse un réxime democrático e ratificouse unha nova Constitución (16 de decembro de 1992) que entrou en vigor o mesmo día da independencia e que dotaba o Estado dun aspecto unitario, democrático e de dereito. O poder executivo está formado polo presidente da República, elixido polo Parlamento por cinco anos; o primeiro ministro, designado polo presidente; e o Consello de Ministros, elixido tamén polo presidente a partir dunha proposta do primeiro ministro. O poder lexislativo corresponde ao Parlament Čské Republiky (Parlamento da República Checa), constituído polo Poslanecká Snæmovna (Congreso dos Deputados), formado por 200 membros elixidos por sufraxio universal de acordo cun sistema proporcional co límite do 5% para un período de catro anos, e o Senát (Senado), formado por 81 membros elixidos para un período de seis anos, dos que 1/3 se renova cada dous. O sistema xudicial baséase nos códigos austrohúngaros e xa non rexe a teoría legal marxista-leninista. O órgano xudicial superior é o Tribunal Supremo; así mesmo, hai tribunais superiores que entenden de asuntos de distrito e rexionais. Para vixiar a constitucionalidade da lexislación vixente existe un Tribunal Constitucional formado por 15 xuíces elixidos polo presidente. Non acepta a xurisdición da Corte Internacional de Xustiza da Haia. Non está en vigor a pena de morte. Están recoñecidos os dereitos políticos e as liberdades civís; sen embargo, segundo o informe de Amnistía Internacional, a minoría xitana foi obxecto de continuas agresións. Esta violación dos seus dereitos, cometida tanto polas forzas de seguridade como pola poboación civil, non é denunciada por algúns medios de comunicación e partidos políticos que favorecen a xenofobia. Ratificou ou adheriuse aos seguintes tratados: Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos (PIDCP); Protocolo Facultativo do PIDCP; Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais; Convención contra a Tortura e Outros Tratos ou Penas Crueis, Inhumanos ou Degradantes, e efectuou a declaración prevista no artigo 22 (pola que se recoñece a competencia do Comité contra a Tortura para examinar as denuncias enviadas a título individual); Convención sobre o Estatuto dos Refuxiados (1951); Protocolo sobre o Estatuto dos Refuxiados (1967); Convención sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación contra a Muller; Protocolo de Roma para a creación do Tribunal Penal Internacional; Convenio Europeo para a Protección dos Dereitos Humanos e das Liberdades Fundamentais (1950), e realizou as declaracións previstas no artigo 25 (polas que se recoñece a competencia da Comisión Europea de Dereitos Humanos para examinar denuncias individuais de violacións do Convenio) e no 46 (pola que se recoñece a obrigatoriedade da xurisdición do Tribunal europeo de Dereitos Humanos para todos os asuntos relativos á interpretación e aplicación do Convenio); Convenio Europeo para a Prevención da Tortura e das Penas ou Tratos Inhumanos ou Degradantes (1987) e o Sexto Protocolo do Convenio Europeo para a Protección dos Dereitos Humanos e das Liberdades Fundamentais referente á abolición da pena de morte (1983). Os partidos políticos máis importantes son: Česká Strana Sociálne Demokratická (CSSD, Partido Socialdemócrata Checo), fundado en 1878, é o partido do goberno e o seu secretario xeral é o primeiro ministro Milos Zeman; Občanská Demokratická Strana (ODS, Partido Cívico Democrático), conservador, fundado en 1991 logo dunha escisión no seo do Foro Cívico, é o principal partido da oposición e o seu secretario xeral é Václav Klaus, primeiro presidente da República Checa. Outros partidos con presenza parlamentaria son: Komunistická Strana Čech a Morava (KSČM, Partido Comunista de Bohemia e Moravia), comunista, fundado en 1921; Krestanská a Demokratická Unie-Československá Strana Lidova (KDU-ČSL, Unión Demócrata Cristiá-Partido do Pobo Checoslovaco), democristián, fundado en 1989; Unie Svobody (US, Unión pola Liberdade), conservador; e Občanská Demokratická Alliance (ODA, Alianza Cívica Democrática), conservador. Así mesmo, é un referente histórico o Občanského Fóra (OF, Foro Cívico), formación política liderada por Václav Klaus que encabezou a protesta contra o réxime comunista en 1989 e que protagonizou a Revolución de Veludo. Administrativamente, o país divídese en 73 distritos e 4 concellos (Brno, Ostrava, Plzen e Praga). Liechtenstein reclama a restitución de 1.600 km2confiscados á súa familia real en 1918; sen embargo, as autoridades checas non recoñecen os reclamos territoriais anteriores á instauración do réxime comunista en 1948. Así mesmo, algúns sudetes reclaman a título individual a devolución das súas terras confiscadas trala súa expulsión durante a Segunda Guerra Mundal. Os problemas suscitados con Eslovaquia na delimitación das súas fronteiras resolveuse en 1998 e ratificouse nos parlamentos nacionais no 2000. Forma parte destes organismos internacionais: ONU, Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE), Organización para a Seguridade e a Cooperación en Europa (OSCE), goza dun estatuto especial na Unión Europea Occidental (UEO) e está asociado á Unión Europea, á espera do seu ingreso posiblemente no 2005.
Historia

Prehistoria e historia antiga
A presenza humana máis antiga procede de Beroun (Bohemia), un xacemento ao aire libre con 1,5 Ma no que se descubriu unha asociación entre material lítico (82 artefactos, dos que o 92% son lascas) e faunístico (Leptobos sp). Destaca, ademais, a cova de Stránská Skála (Moravia), de onde procede abundante material lítico, sobre todo lascas e núcleos, e fauna plistocénica, que apunta unha cronoloxía próxima aos 0,8 Ma. O primeiro substrato étnico que chegou ao territorio da República Checa foi unha tribo de orixe celta, os boios, ao redor do s VI a C. Dotados dunha estrutura ben organizada, atopáronse restos de poboados fortificados en Závist e en Hradiště, nas proximidades de Praga. A comezos da era cristiá, a presión das tribos xermanas dos cuados e dos marcomanos, empurrou os celtas, que abandonaron o territorio. Durante o goberno do Emperador Marco Aurelio (161-180 d C), os límites fronteirizos do Imperio fixáronse no Danubio. O asentamento de pobos de orixe eslavo nos territorios de Bohemia e Moravia produciuse entre os ss V e VI, e a mediados do s VII, foron sometidos polos ávaros, un pobo de orixe asiática asentado nas chairas húngaras. O comerciante de orixe franca Samo dirixiu a insurrección das tribos eslavas orientais contra o Imperio Ávaro entre o 623 e o 631. Á morte de Samo, os ávaros recuperaron o poder ata o ano 805, período no que o país foi invadido polos francos dende o oeste. Moimir fundou o ducado de Moravia e dirixiuno entre o 830 e o 846, como súbdito franco; o seu sobriño Rotislav (846-870) liberouse da dependencia do reino franco e comezou unha política independente, na que se achegou ao Imperio Bizantino.
O Gran Imperio Moravo
A comezos do s IX estableceuse nestes territorios o Imperio da Gran Moravia, limitado inicialmente ao sur da Moravia, chegou a incluír a Eslovaquia, Bohemia e partes dos territorios de Austria e Hungría. Para reducir a influencia xermánica, o príncipe Rotislav achegouse ao Imperio Bizantino, que enviou aos misioneiros Cirilo e Metodio. Chegaron a Nitra (Eslovaquia) no 863 e organizaron unha Igrexa morava autónoma, cunha lingua e liturxia propias baseadas no culto bizantino. As presións de Lois o Xermánico, que tentou someter a Rotislav en varias campañas, fracasaron ata a traizón do sobriño de Rotislav, Svatopluk, que entregou o seu tío ao monarca franco (870). A Gran Moravia, gobernada por Svatopluk, continuou unha política de expansión sobre Eslovaquia, Bohemia, Silesia e os Sudety, e acadou o recoñecemento da Santa Sé (880). Coa morte de Metodio (885) a Igrexa perdeu a autonomía e foi destruída polos húngaros (906). A cultura do Gran Imperio Moravo influíu notablemente no desenvolvemento da cultura e da relixión entre os eslavos do leste e do sur durante a Idade Media.
A dinastía Przemysl (s IX-1306)

A tribo dos checos impúxose ás outras tribos de orixe eslava e estableceu nos arredores de Praga un pequeno estado gobernado pola familia dos Przemysl. Esta dinastía creou un corpo de cabalería como forza de choque, formada por guerreiros profesionais, e converteu os castelos en bases permanentes desde as que se iniciou a administración común dun estado independente; tamén favoreceu a chegada de misioneiros do bispado de Maguncia que impuxeron a liturxia católica xunto coa escritura latina. Durante o goberno do príncipe Venceslao I, o Estado consolidouse e establecéronse relacións pacíficas cos xermanos. Asasinado polo seu irmán o duque Boleslau de Bohemia (929), o Estado someteuse ao emperador xermánico Otón I o Grande (950), pero conservou unha dinastía propia. Na primeira metade do s XI o panorama era de grande inestabilidade, froito das guerras entre polacos e bohemios e das loitas sucesorias na nobreza de Bohemia. Os problemas con Polonia concluíron coa cesión de Silesia no 1054, mentres que a nobreza adquiriu maior poder coa instauración do seniorato e do dereito de primoxenitura. Vratislav foi recoñecido como monarca de Moravia e Bohemia polo emperador xermánico Enrique IV (1086). A paulatina chegada de comerciantes de orixe xermana, favorecidos polo privilexio de Ladislao II en 1170, axudou ao crecemento das cidades nas que apareceu unha incipiente burguesía. Otakar I Przemysl recibiu do papa a Bula Dourada de Sicilia (1212) que decretaba a creación do Reino de Bohemia e establecía que os príncipes de Bohemia eran monarcas hereditarios; así mesmo, recolleuse tamén neste texto a indivisibilidade do reino xunto coas normas que regulaban as súas relacións co Sacro Imperio Romano Xermánico. Bohemia converteuse nun dos estados máis importantes dentro da estrutura do Imperio Xermánico. A vitoria de Przemysl II sobre os húngaros (1251), seguida da anexión de Austria, marcou o inicio do apoxeo da dinastía dos Przemysl, que chegou durante o reinado de Otokar II (1253-1278). Este monarca emprendeu unha política colonizadora e expansiva coa fundación de máis de 60 cidades e a anexión dos territorios de Estiria, Carintia, Carniola e parte de Eslovaquia (1260-1261) que se debilitou cando Otokar II se negou a recoñecer a Rodolfo de Habsburgo como emperador. Este feito provocou a derrota militar na Batalla de Marchfeld (1278) e a conseguinte perda do territorio de Moravia e Bohemia que pasou a mans de Otto de Brandeburgo. O herdeiro, Venceslao II, accedeu ao poder no 1283 e restableceu a orde no territorio ao impulsar a explotación das minas de prata de Kutná Hora. Coa súa coronación como rei de Polonia (1300), a dinastía acadou a cota máis alta de poder; sen embargo, co asasinato de Venceslao III (1306) as súas posesións incorporáronse ao Imperio Xermánico.
Da dinastía dos Luxemburgo á dinastía Jagellón
A dinastía dos Luxemburgo chegou ao poder logo de varios anos de loitas, cando Xoán de Luxemburgo (1310-1346) foi coroado como rei de Bohemia, tralo seu matrimonio con Isabel, filla de Venceslao II. Estendeu as posesións do reino ao incorporar os territorios da Alta Lusacia e parte da Silesia. O seu fillo Carlos IV de Luxemburgo (1346-1378), levou o reino de Bohemia ao cumio do poder e prestixio, converteu o bispado de Praga en arcebispado, creou a Universidade (1348) e promoveu o desenvolvemento do emprego da lingua vernácula desde a chancelería imperial. Coroado emperador no 1355, emprendeu unha política de expansión patrimonial, pola que adquiriu os territorios do Palatinado Superior (1353), Silesia e Lusacia (1368) e no 1373 Brandenburgo. A dureza das condicións económicas e políticas durante o reinado de Venceslao IV (1378-1419), unidas á corrupción do clero, favoreceron a aparición dun movemento reformista con implicacións relixiosas, nacionais e sociais dirixido por Jan Hus, predicador da capela de Belén (Praga), que morreu queimado na fogueira polos seus intentos de reformar a Igrexa (1415) e que inspirou o movemento husita. Os seus seguidores subleváronse despois da súa morte e arrasaron conventos, apoderáronse de varias cidades e enfrontáronse coas tropas do monarca. Coa expulsión dos relixiosos alemáns e a secularización dos bens da igrexa, os husitas dividíronse e foron derrotados na Batalla de Lipany (1434). Como consecuencia, a Igrexa perdeu o poder e os monarcas non consolidaron a súa situación ata o reinado de Xurxo de Poděbrady (1458). Despois deste reinado, Ladislao II, da dinastía polaca dos Jagellón, foi elixido monarca de Bohemia. Durante o seu goberno e no do seu fillo, producíronse conflitos entre as cidades reais e a nobreza, e entre a igrexa husita e a minoría católica. No reinado de Luís I Jagellón, Bohemia uniuse temporalmente con Hungría, ata a súa morte na Batalla de Mohács (1526).
Os checos baixo os Habsburgo
A dinastía dos Habsburgo acadou a coroa de Bohemia no 1526 polo matrimonio entre Ana Jagellón e Fernando I Habsburgo. A coroa pasou a Carlos V xunto co título de emperador de Alemaña. O emperador impuxo a unidade relixiosa no reino de Bohemia e restableceu os xesuítas. Durante o goberno de Rodolfo II (1576-1611), a cidade de Praga converteuse nun importante centro cultural e capital do Imperio. A tensión entre os protestantes e os Habsburgo aumentou e chegouse ao enfrontamento coa Segunda Defenestración de Praga o 23 de maio de 1618. Bohemia, protestante, elixiu rei ao elector palatino Federico V; Fernando II reaccionou cun ataque a Bohemia que rematou coa derrota da nobreza checa na Batalla da Montaña Branca o 8 de novembro de 1620. A consecuencia desta derrota, a nación checa perdeu a súa autonomía, instaurouse a Contrarreforma e emprendeuse unha recatolización forzosa do país. Durante os ss XVII e XVIII a vella nobreza de orixe checa fuxiu, acompañada de parte da poboación, polo que se instalou en Bohemia-Moravia unha nobreza de orixe estranxeira e diversas institucións relixiosas. Como consecuencia da Guerra dos Trinta Anos, Bohemia sufriu desordes políticos e o país foi arrasado, feito que condicionou o seu futuro desenvolvemento. Pola pragmática sanción do Emperador Carlos VI (1713) estableceuse a indivisibilidade dos países gobernados polos Habsburgo e aceptouse a sucesión feminina na figura da súa filla María Tareixa. Despois da Guerra de Sucesión de Austria, María Tareixa chegou ao trono de Bohemia no 1743. Empurrada pola crise do sistema feudal e polas necesidades fiscais do Estado, acometeu unha serie de reformas administrativas, continuadas por Xosé II, que supuxeron para os checos a imposición dun modelo de poder centralizado cun claro carácter xermánico, unido á toma dunha serie de medidas a prol do campesiñado e ao recoñecemento do dereito ao culto dos protestantes. Durante os gobernos de Leopoldo II e Francisco II, o poderío austríaco debilitouse polas campañas contra Napoleón; unha certa tolerancia na liberdade de expresión unida ás melloras na educación favoreceron o espertar do nacionalismo checo.
A consolidación da República Checoslovaca
O proxecto dun estado independente apareceu na Revolución de 1848, cando o Congreso paneslavo presidido por Palackÿ, reclamou unha solución federal que dera aos checos unha autonomía política e cultural no seo de Austria. O goberno austríaco reaccionou violentamente e dispersou o Congreso. As aspiracións de independencia reaviváronse a finais do s XIX e os austríacos fixeron unha serie de concesións: a baixada dos impostos, a igualdade das linguas checa e alemá na administración e na xustiza, e a creación da Universidade checa en Praga. Durante a Primeira Guerra Mundial, os líderes checos Tomáš Garrigue e Edward Beneš organizaron en Londres un Comité Checo (1915) que foi a orixe do Consello Nacional Checoslovaco formado en París (1916). Acadaron o apoio dos EE UU en 1918 e, posteriormente, o Consello Nacional no Exterior asumiu as funcións do goberno provisional e recibiu o recoñecemento dos países aliados e do Comité Nacional de Praga. O 28 de outubro de 1918, o Comité Nacional de Praga tomou o poder e proclamou a República Checoslovaca, designou a Masaryk presidente da República e redactou unha Constitución. Nos tratados de Versailles e Saint-Germain (1919) fixáronse as fronteiras do novo estado que incluía as minorías alemana, rutena e húngara. O estado acometeu a reforma agraria en 1919, pola que expropiou numerosos latifundios pertencentes aos estranxeiros. Concluíu a Pequena Entente (1920-1921) con Romanía e Iugoslavia e buscou unha alianza con Francia (1924). O conflito coa poboación de orixe alemá agravouse pola intervención do partido nazi de Konrad Henlein, sostido polo Terceiro Reich, e motivou o acordo defensivo de Beneš con Moscova (1935). Despois da anexión de Austria en marzo de 1938, Reino Unido e Francia, ansiosas por evitar a guerra con Alemaña, forzaron ao goberno de Praga a aceptar as pretensións de Berlín e, polo Pacto de Múnic (29-30 de setembro de 1938), Alemaña ocupou os Sudety en outubro de 1938, e Polonia e Hungría apoderáronse da rexión de Teschen, do S de Eslovaquia e da Rutenia carpática. O presidente Beneš dimitiu e o novo goberno, dirixido por Emil Hacha, outorgoulles a autonomía a Eslovaquia e Rutenia. Alemaña invadiu o país en marzo de 1939, implantou o protectorado de Bohemia e Moravia baixo o control do Reichsprotektor Von Neurath e induciu aos eslovacos a declarar a independencia, encabezados polo bispo católico Jozef Tiso. Durante a Segunda Guerra Mundial, Beneš e o fillo de Masaryk formaron en Londres un Comité Nacional Checoslovaco, recoñecido polos aliados, pero desilusionados pola postura das potencias occidentais, asinaron un acordo de colaboración con Stalin (1943) no que se cedía a parte oriental e a Rutenia carpática á URSS. Os progresos do exército soviético permitiron a organización dun goberno provisional en Košice (Eslovaquia) o 3 de abril de 1945. Trasladado a Praga o 16 de maio, Beneš foi elixido presidente da República e formou un goberno de coalición que nacionalizou a banca e as industrias básicas e expulsou á minoría alemá e húngara. Klement Gottwald, líder do partido comunista, converteuse no presidente dun goberno de coalición nas eleccións de maio de 1946. A URSS vetou a adhesión de Checoslovaquia ao plan Marshall en xuño de 1947 e os enfrontamentos no goberno provocaron a dimisión dos ministros non comunistas, polo que se formou un novo goberno o 20 de febreiro de 1948. O Partido Comunista, que controlaba a policía, os sindicatos e os medios de comunicación, mobilizou os seus membros e detivo a dirixentes doutros partidos. O presidente Beneš, ante a presión popular, nomeou un novo goberno comunista (25 de febreiro de 1948) e Gottwald promulgou unha nova Constitución, que estableceu unha democracia popular, e sucedeu a Beneš despois da súa dimisión en xuño de 1948. Checoslovaquia converteuse nun estado satélite da URSS, subordinouse ás directrices económicas do COMECON e sufriu as purgas no Partido Comunista Checoslovaco na década de 1950. Á morte de Stalin, a apertura dos réximes comunistas xunto coa crise política e económica, obrigaron ao presidente Antonín Novotný a modificar a política económica, potenciar a industria lixeira e a apertura aos mercados occidentais.
A Primavera de Praga
A principios de 1968, despois de que un sector do Partido Comunista optase polo cambio dos seus dirixentes, renovouse a secretaría xeral, que recaeu en Alexander Dubček. Dende ese momento, Dubček e os seus colaboradores (Ota Šik, Černik, etc) iniciaron un proceso no que se pretendía, en palabras de Dubček, construír un socialismo de rostro humano. As liñas xerais foron a liberalización do réxime e a democratización do partido; así mesmo, en xaneiro de 1968 promoveron unha reforma constitucional que convertía a Checoslovaquia nun estado federal con dous gobernos autónomos cos mesmos dereitos: o estado checo (Bohemia e Moravia) e o eslovaco (Eslovaquia). Estes feitos, coñecidos na historiografía occidental co nome de Primavera de Praga, inquietaron a Moscova, que presionou os dirixentes checos para deter o proceso das reformas. O día 21 de agosto de 1968 as tropas do Pacto de Varsovia ocuparon Checoslovaquia, Dubček foi substituído por Gustáv Husák (1969), os contactos co exterior restrinxíronse e os sindicatos sometéronse ao partido. En xaneiro de 1977, logo de varios anos de oposición na clandestinidade, un grupo de opositores ao réxime comunista, entre os que figuraban intelectuais como Václav Havel e líderes obreiros como Hajek, asinaron a Carta 77, que denunciaba a ausencia de dereitos humanos no país. O goberno reaccionou co encarceramento dos asinantes dese manifesto; sen embargo, a oposición continuou no exilio.
A Revolución de Veludo
No 1989, a poboación, animada pola política aperturista de Gorbačov, amosou o descontento en grandes manifestacións antisovieticas e Václav Hável, líder de Občanského Fóra, asumiu a dirección das negociacións co goberno comunista. A comezos de decembro o partido comunista abandonou o poder e formouse un goberno de unidade nacional. Gustav Husák dimitiu (10 de decembro de 1989) e Dubček foi elixido presidente do novo Parlamento, mentres Havel era nomeado xefe do Estado (29 de decembro de 1989). O novo goberno iniciou a democratización política, introduciu a economía de mercado (que provocou a primeira crise na industria automobilística) e restableceu a liberdade de comunicación. As primeiras eleccións libres producíronse en xuño de 1990 e outorgaron a vitoria á coalición Forum Contra a Violencia e ao seu equivalente eslovaco Público Contra a Violencia (VNP). Nas eleccións municipais de decembro, o Foro só venceu en Eslovaquia, onde se organizaron manifestacións de protesta pola discriminación lingüística do eslovaco. A desaparición da planificación estatal orixinou dificultades nas reformas económicas e na introdución da economía de mercado. Coa aprobación dun esbozo de Constitución en marzo, que garantía a continuidade da federación, medraron as reticencias dos dirixentes eslovacos respecto á futura ordenación do estado, no que temían un excesivo predominio dos checos, superiores económica e demograficamente. Por outra banda, ambas as dúas repúblicas diferían na estratexia do proceso de privatización, que Eslovaquia pretendía levar a cabo a un ritmo máis lento. O sentimento secesionista da República eslovaca dificultou os intentos de acordo e nas eleccións de xuño a división consolidouse co triunfo do Partido Cívico Democrático en Bohemia e Moravia, e do Movemento por unha Eslovaquia Democrática en Eslovaquia. O Parlamento negociou as condicións de disolución da Federación e Havel, desconforme coa separación, dimitiu en xullo de 1992. En decembro, o Parlamento checo adoptou unha nova Constitución. O 31 dese mesmo mes declarouse a disolución de Checoslovaquia que orixinou os estados soberanos da República Checa e de Eslovaquia o 1 de xaneiro de 1993.
A República Checa
Trala ruptura de Checoslovaquia en dous estados independentes, en xaneiro de 1993 constituíuse a República Checa como estado unitario, democrático e de dereito. O ex-presidente Havel foi elixido presidente da nova República, apoiado pola coalición de dereitas. O goberno, dominado polo Partido Democrático do primeiro ministro Václav Klaus, vencedor nas eleccións de xuño de 1992 da antiga República Federal de Checoslovaquia, seguiu coa tarefa de implantar unha economía capitalista e recibiu axudas occidentais. A súa diplomacia achegou lazos con Alemaña, malia os enfrontamentos pola cuestión dos Sudety, e con outras nacións occidentais. Os desacordos con Eslovaquia sobre o destino dos bens e os recursos comúns na antiga República unificada socialista, produciron certa tensión que rematou coa sinatura de diversos tratados de cooperación. As relacións entre ambas as dúas nacións arrefriáronse, cun descenso notable dos intercambios comerciais. Nas eleccións lexislativas de 1998, o Partido Social Demócrata venceu o Partido Democrático Cívico e formou un inestable goberno en minoría. A súa entrada na OTAN o 12 de marzo de 1999, sen referendo previo, contou coa oposición da maioría da poboación incluído o presidente da Asemblea Nacional, Václav Klaus. A guerra dos Balcáns afectou negativamente ás súas relacións económicas. Forma parte do Grupo de Visengrad xunto con Eslovaquia, Polonia e Hungría, que pretende a creación dun espazo económico integrado en Europa Central.