Chechenia
Territorio do Cáucaso (17.300 km2; 780.400 h [estim 1999]), autoproclamado independente en 1991 trala disolución da URSS, aínda que a Federación Rusa sostén que depende da súa soberanía. A capital é Groznyj.
Xeografía
O territorio está drenado polo río Terek e polos seus afluentes, Assa, Argun e Askaj, que baixan do Gran Cáucaso. Posúe un clima continental seco. A súa base económica xira ao redor do binomio petróleo-gas e da agricultura. Cerca de Groznyj localízanse os principais xacementos petrolíferos (2.600.000 t [1996]). Na gandería destaca a cría de gando ovino, especialmente nas zonas de montaña. A agricultura baséase no cultivo de cereais, legumes, árbores froiteiras e viña. A industria é bastante deficitaria, pois depende de Rusia e das repúblicas veciñas. O compoñente étnico maioritario é o checheno (80%). Na estruturación da sociedade chechena ten un papel esencial o clan, entrelazado por vía matrimonial e con fortes vínculos territoriais, ademais dos xefes relixiosos e dos anciáns. A poboación chechena divídese en 131 clans, dos que 28 desempeñan un papel principal, que no 2001 aínda mantiñan esa función: foron os clans os que elixiron a Dudàiev como líder checheno en 1991. Este tipo de organización social exclúe as minorías non chechenas (rusos, armenios, ucraínos, inguxes, kumikos, nogais e avares), que supoñen o 20% da poboación que reside no país. A poboación rusa, aínda que é a minoría étnica máis importante, está en constante retroceso dende a década dos setenta debido á perda de importancia dos xacementos petrolíferos da rexión, aínda que o proceso se acelerou nos noventa, cando comezou a independencia. Durante o período soviético non existía relixión oficial; sen embargo, o islamismo sunita foi dende o s XVIII un referente na identificación nacional dos chechenos e fundamenta o sistema legal do proxecto de Constitución proposto polos independentistas. A lingua maioritaria é o checheno e a segunda lingua máis falada é o ruso.
Historia
Os chechenos eran un grupo nómade organizado en clans patriarcais que descenden de tribos que se refuxiaron nas montañas do Cáucaso ao fuxir da presión dos alanos. Ata o s XVIII estiveron sometidos principalmente aos príncipes mongois e kabardes, e a partir desa data foron dominados polos rusos. A poboación chechena sublevouse contra o Imperio Ruso entre 1785 e 1791, baixo o liderado de Mansur Ushurma, e de 1834 a 1859, guiada polo imán Šamil. En 1920, os bolxeviques eliminaron o emirato do Cáucaso Norte, no que se integraban os chechenos xunto con outros pobos, e constituíron a República Soviética das Montañas; en 1922 lograron o status de rexión autónoma, asociada a Inguxetia, e en 1934 acadaron o rango de República. En represalia pola presunta colaboración dos chechenos cos nazis, Stalin decidiu a deportación de 400.000 chechenos a Asia central en 1944 e a supresión da República. En 1957, no marco das rehabilitacións impulsadas por Khruščov, restableceuse de novo a República dos Chechenos e dos Inguxos. A comezos dos oitenta producíronse numerosos enfrontamentos entre os chechenos e os inguxos, polo que tivo que intervir o exército soviético para restablecer a orde. Ao abeiro das reformas emprendidas por Gorbačov en 1985, creouse a Confederación dos Pobos Montañeses do Cáucaso (CPMC), unha organización de carácter pancaucásico que axiña se dotou de milicias armadas. A finais de 1990 constituíuse o Congreso Nacional do Pobo Checheno (CNPCh), presidido por Dudàiev. Tralo frustrado golpe de estado de 1991 e coa intención de desfacerse da vella garda comunista, o Krenlim apoiou o CNPCh, que ordenou a disolución do Parlamento, a destitución do presidente Zavgaiev e a creación dun Consello Supremo Provisional. O primeiro de novembro de 1991, Dudàiev, apoiado polo 85% dos votos nas eleccións de outubro, proclamou a independencia da República. Como resposta, os inguxos solicitaron a creación dunha república federal separada da dos chechenos, aprobada polo goberno ruso en marzo de 1992, feito que motivou numerosos conflitos para delimitar as fronteiras. Así mesmo, os chechenos non asinaron o Tratado da Federación (31 de marzo de 1992) e en maio de 1992 os gobernos ruso e checheno asinaron un acordo polo que se retiraban as tropas rusas e se repartían os arsenais a partes iguais. Trala disolución do Parlamento en xuño de 1993, impúxose un goberno presidencialista e autoritario que levou a un conflito armado interno sen precedentes. En novembro de 1994, despois dun ano no que os combates arruinaron a economía chechena e provocaron o éxodo dun elevado número de persoas, o exército ruso decidiu a intervención no conflito. Non obstante , o que ía ser unha intervención de quince días converteuse nunha guerra de longa duración. O exército ruso controlou Groznyj a comezos de 1995; sen embargo, a guerrilla chechena continuou a loita ata o ano 1996, aínda despois da misteriosa morte de Dudàiev en abril de 1995. As numerosas baixas, tanto civís como militares, de ambos os dous bandos, obrigaron ao goberno ruso a negociar un acordo de paz asinado polo novo presidente checheno Zelimkhan Iandarbíev e polo xeneral ruso Aleksandr Lébed, que non resolvía a cuestión do estatuto final da República, aínda que recoñecía a súa independencia. As consecuencias da guerra foron catastróficas. O número de víctimas ascendeu a 5.000 por parte rusa e entre 50.000 ou 80.000 por parte chechena. Os refuxiados, segundo o Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados (ACNUR), aproximáronse a 400.000, principalmente nas repúblicas veciñas. Nas primeiras semanas bombardeáronse os depósitos das refinerías de Groznyj e destruíronse milleiros de toneladas de cru. En 1999, iniciouse unha guerra non declarada que derivou en múltiples conflitos que infrinxiron os dereitos humanos, tanto polo exército ruso como polo checheno, e nunha intensa campaña de intimidación contra os chechenos en Moscova e noutros lugares de Rusia, na que os chechenos eran presentados como bandidos e mafiosos. No informe A guerra sucia de Chechenia: desaparicións á forza, tortura e execucións sumarias (2001), elaborado por Human Rights Whatch (HRW), documéntase que soldados rusos torturaron, violaron e mataron a persoas non combatentes e que os detidos en “campos de filtración” foron víctimas de abusos terribles e sistemáticos. Así mesmo, os combatentes chechenos foron acusados de empregar a civís como “escudos humanos”. HRW demostrou, ademais, a existencia de fosas comúns onde os rusos enterraban a poboación civil chechena. Ante as protestas internacionais, Rusia prohibiu a entrada de observadores independentes na rexión e non autorizou unha investigación internacional.