China

China
Nome científico: [RepúblicaPopular China; nome oficial chinés: Zhonghua Renmin Gongheguo]

Estado de Asia oriental, que limita ao N coa República Democrática de Corea, Rusia, Mongolia, Kazakhstán e Kirguizistán, ao O con Taxikistán e Paquistán; ao S coa India, Nepal, Bhutan, Myanmar, Laos e Vietnam e ao L co Océano Pacífico (9.536.499 km2; 1.350.000.000 h [estim 2008]). Esténdese entre os 53°-18° de latitude N e os 73°-135° de lonxitude L. A capital é Pequín.
Xeografía física

Xeoloxía
Pola súa extensión, China presenta unha gran variedade de aspectos litolóxicos e morfolóxicos. Os relevos do SO e do NO pertencen ao período arcaico e os da China oriental son froito dos pregamentos caledoniano, herciano e alpino. O Cuaternario está presente nas chairas e nas concas interiores (a maioría son de orixe aluvial ou eólica) e na gran zona de loess das provincias de Shanxi, Shaanxi, Henan e Gansu. O vulcanismo está patente en Nanquan (conos volcánicos e correntes de lava) e nas costas de Bo Hai (basaltos).
Relevo
Morfoloxicamente, no relevo de China, hai un forte contraste entre o L e o O do país, unha liña SO-NL que vai do altiplano Yunnan aos montes Xiao Hinggan ling, divídeo en dous conxuntos ben diferenciados: a China occidental (ou China exterior) e a China oriental (ou China interior). A China occidental caracterízase por extensos altiplanos, de máis de 2.000 m de altitude, bordeados e a miúdo pechados por altas cordilleiras, aliñadas principalmente de L a O e atravesadas por correntes de auga que morren en concas pechadas, ocupadas por lagos salgados. Ao SO esténdese o Tibet, altiplano de 4.000 m de altitude media, envolto por cordilleiras como o Himalaia ao S, Tian Shan ao N e diversas aliñacións ao L que o separan do altiplano do Yunnan. A parte occidental está ocupada polo Xinjiang ou Turkestán chinés, que se estende ao N das cordilleiras de Altin Tagh e Pamir, no límite occidental, desde onde comeza a cordilleira de Tian Shan. Na banda setentrional esténdese o altiplano de Mongolia; na parte S, a Mongolia interior, é unha vasta extensión moi erosionada. A China oriental dun relevo máis variado, consta dunha serie de serras paralelas aliñadas de NL a SO, separadas polos vales dos ríos que flúen cara ao Pacífico e onde están tamén as chairas máis extensas e fértiles, como Manchuria ao NL, que é unha gran chaira fértil rodeada de montañas. O N presenta diferentes aspectos: na parte oriental o curso medio e inferior do río Huang (Amarelo) e as cuncas dos ríos Quinhai e do Yiyun forman a chaira chinesa. A rexión elévase gradualmente ata o Qin Ling e ao NO, cara ás terras altas, o solo está cuberto en certos lugares de finos sedimentos amarelos (loess), moi fértiles, depositados polo vento no altiplano mongol a inicios do Cuaternario e arrastrados polos ríos cara á chaira. Estes ríos formaron profundos desfiladeiros de paredes verticais que caracterizan a paisaxe da rexión. A rexión central de China, atravesada polo curso medio inferior do Iang-Tsé, é bastante montañosa, e as chairas limítanse aos vales do Iang-Tsé e os seus afluentes. O amplo val estréitase ao O (a Gran Gorxa), e despois duns 100 km ábrese unha ampla conca lacustre. A China meridional está formada por outeiros e altiplanos cortados por vales perpendiculares, principalmente a conca do río Xi e os seus afluentes, que forma un val de vertentes accidentais, aproveitadas como socalcos para o cultivo do arroz. As costas de China (8.000 km) son dun trazado irregular, predominantemente altas ao N (penínsulas de Liaodong e Shandong) e nas provincias montañosas do SL, baixas e areosas, onde abundan os portos naturais. Entre as zonas áridas destaca o deserto do Gobi (1.610 km2), que comprende toda a Manchuria (ó L do Gran Khingan) e as terras que o bordean. Trátase dunha meseta situada entre montañas cunha altitude que varía entre os 914 m ao L e os 1.524 m ao O.
Climatoloxía

A extensión de China é un dos condicionantes que motiva as diferencias climáticas entre as distintas rexións. O réxime monzónico caracteriza o clima da China oriental e o contraste térmico entre os ventos fríos do N e os cálidos do S produce, sobre todo no litoral, violentos furacáns. Manchuria ten un clima frío, con variacións térmicas considerables; ao N as temperaturas medias anuais son de -4°C, mentres que ao S son de 10°C. As precipitacións oscilan entre os 750 e os 1.000 mm anuais na China oriental e os 250 e 500 mm na occidental. As rexións centrais gozan dun clima temperado, con invernos pouco fríos, uns 6°C en xaneiro e con veráns calurosos, cunha media de 28°C. As precipitacións son abundantes no verán (de 750 a 2.000 mm anuais). A China meridional, tipicamente monzónica, ten temperaturas suaves no inverno (12-16°C en xaneiro), pero no verán, a causa da exposición marítima do L e a altitude, son máis baixas ca na China central. As precipitacións son abundantes (1.000 a 2.000 mm), a miúdo coa intensidade e a violencia de verdadeiros furacáns. No Tibet o clima é rigoroso, a causa da forte influencia altitudinal, con temperaturas moi baixas e fortes ventos. As precipitacións varían de 1.500 mm no S a 100 mm no NO. A China noroccidental ten un clima desértico, cunha grande oscilación térmica diaria e estacional que acada un carácter continental. No altiplano mongol o clima é moi rigoroso, con temperaturas comprendidas entre -8°C e -28°C en xaneiro e de 20°C a 24°C en xullo. Os ventos, fríos e secos, de inverno e primavera, son aquí máis intensos ca no resto de China.
Hidrografía
O sistema hidrográfico da China occidental é basicamente diferente ao da China oriental. O primeiro comprende unha serie de concas de drenaxe interiores, como a do Tarim, mentres que os ríos do segundo, sometidos aos monzóns, experimentan unha forte variación de caudal entre inverno e verán e as enchentes provocan grandes inundacións. A dirección dos ríos, de O a L, cara ao Pacífico, está determinada polos sistemas montañosos das rexións que atravesan. Os principais ríos son o Huang, o Mekong, o Iang-Tsé e o Xi Jiang; as súas concas ocupan a maior parte do país. Ao L atópanse gran número de lagos, entre os que destacan, pola súa extensión, o Chao, o Tai, o Hongze, o Poyang e o Liangzi.
Bioxeografía
En relación coas condicións climáticas que se transforman regularmente, hai climas húmidos e marítimos, con temperatura crecente de N a S, na China oriental, e climas continentais e moi duros nas terras interiores, cunha flora e unha vexetación extraordinariamente variadas. A inexistencia de barreiras importantes que dificulten as migracións na dirección N-S determinou que na China oriental a flora de bosque laurifolio e caducifolio da era Terciaria puidese chegar ata hoxe sen sufrir o empobrecemento que os períodos fríos do Cuarternario provocaron na flora temperada e subtropical de Europa e que por iso sexa incomparablemente máis rica. A rexión sino-xaponesa do bosque caducifolio, que se estende desde Manchuria á latitude de Nanquín, presenta alá onde o home non o destruíu, un bosque análogo ao da Europa media húmida, pero moito máis complexo e rico en especies. O verán, temperado e húmido, favorece unha vexetación abundante, que comprende carballos, castiñeiros, carpinus, nogueiras, olmos, ailantos, tilos, bidueiros, pradairos, freixos, etc, baixo os que se xera unha gran exuberancia de plantas herbáceas de sombra. Malia os fríos intensos do inverno, algúns grupos tropicais, como o dos bambús e o das xesneriáceas, aínda están presentes nestas selvas. Os solos areosos ou pobres poden estar cubertos de piñeirais. O bosque chinés ten moitos xéneros en común co bosque da Europa húmida, pero en xeral estes xéneros están representados aquí por especies diferentes. Cara ao interior do país, as coníferas son máis abundantes, as especies frías desaparecen e finalmente, pásase á estepa ou ao semideserto. A rexión austro-chinesa caracterízase polo bosque laurifolio, no que predominan especies de folla persistente, coriácea e relativamente grosa. Hai Quercus laurifolios, semellantes a aciñeiras, pero de folla máis grosa, lauriáceas, magnoliáceas, teáceas, etc. Tamén se dan os piñeiros e outras coníferas, e nos lugares máis frescos, o bosque de folla caduca, moi rico en especies, ocupa extensións considerables. A influencia tropical é intensa e aumenta progresivamente cara ao S, á vez que diminúe a importancia dos caducifolios. Entre as reliquias doutras épocas xeolóxicas que sobreviviron nesta rexión, a máis rica de todas as extratropicais do hemisferio boreal, está a Metasequoia e tamén o Ginkgo biloba, cultivado nos xardíns dunha gran parte do mundo. Proceden tamén destas terras da China temperada e do Xapón meridional o caqui, de folla caduca e moitas outras plantas de xardín. Onde non hai bosque aparece unha exuberante flora herbácea, que pode constituír herbais densos e sabanas de tipos variados. A diferenza da rexión mediterránea, a flora esciófila do bosque é moito máis rica ca a heliófila dos lugares abertos. O extremo meridional de China, aproximadamente desde a latitude de Cantón, é tropical, e pola súa vexetación corresponde xa á rexión malaia. Na China occidental, dunhas condicións extremadamente continentais, na rexión centroasiática, a flora é pobre e moi especializada. Non hai bosque, e a vexetación ten un carácter estépico ou, en extensións moito máis grandes, de semideserto ou de deserto. Nalgunhas áreas, as plantas superiores desaparecen case por completo. Os desertos centroasiáticos non posúen normalmente nin plantas anuais nin xeófitos. Neles só se manteñen algunhas matas resecas e pequenas herbas perennes xerofíticas. O violento contraste que existe entre a China árida e a China húmida, vese atenuado polo feito de que a densa poboación humana do pasado transformou unha gran parte das terras forestais en paisaxes agrícolas, sometidas a graves fenómenos de erosión do solo.
Xeografía económica

Economía
Despois da Revolución de 1949, o obxectivo principal da política económica foi a reconstrución do país segundo as directrices dunha economía socialista, que se iniciou coa expropiación aos terratenentes das súas terras, a cesión a cooperativas de produción e a socialización da industria. O primeiro plan quinquenal, de 1953 a 1958, realizado baixo a dirección soviética, deu prioridade á industria pesada e en cinco anos a produción de aceiro, electricidade e cemento duplicouse. En 1958, en lugar de continuar fiel ás directrices soviéticas, comezou o que tres anos despois se denominou o “gran salto adiante” (1958-1960), destinado a acadar unha grande industrialización, mediante o desenvolvemento simultáneo da agricultura, da industria e o aseguramento da igualdade económica e social. Este proceso introduciu dúas innovacións económicas: a industria pesada foi complementada co traballo de millóns de familias dedicadas á produción en diferentes sectores industriais e, doutra banda, á reorganización e colectivización da agricultura. Este proceso, sen embargo, consistiu de feito nunha transferencia masiva e inmediata de man de obra agrícola á industria. Co “gran salto adiante”, millóns de familias campesiñas tiveron que compaxinar o traballo agrícola co traballo industrial a domicilio e, para facelo posible, a agricultura que ocupaba o 80% da poboación activa colectivizouse mediante comunas á vez agrícolas, industriais, administrativas e de defensa, cada unha integrada por unhas 25.000 persoas. Os prexuízos para a economía, e moi especialmente para a agricultura, do gran salto adiante foron enormes e agraváronse a causa da retirada da axuda soviética e dunha serie de malas colleitas. Estímase que entre 1958 e 1960 morreron de fame uns 20 millóns de persoas. A evidencia deste fracaso motivou unha certa reestruturación da política económica e en 1961 o estado concedeu privilexios provisionalmente á agricultura a base de planos anuais. Os éxitos relativos destas correccións non puideron evitar desde 1966 (ano no que se reimplantaron os plans quinquenais) ata a morte de Mao (1976), que a actividade económica se obstaculizase pola Revolución Cultural, que deu prioridade á ideoloxía por riba do crecemento económico. Desaparecido Mao Zedong en 1976, o novo home forte do réxime, Deng Xiaoping, apostou decididamente polo cambio no proxecto de modernización da economía. Presentado en marzo de 1978, este proxecto centrábase nos eidos agrícola, industrial, tecnolóxico e militar, chamado por isto, das catro modernizacións. O primeiro efecto deste proxecto foi a entrada en masa das grandes multinacionais e de investimentos da maioría dos países desenvolvidos. Posteriormente, aplicáronse medidas de consolidación da economía, cun xiro na política económica en 1979, cara á liberación do mercado interior, o que provocou un crecemento notable pero desequilibrado. Para desenvolver os intercambios e sobre todo atraer o capital estranxeiro, nos dous plans quinquenais seguintes (1981-1985 e 1986-1990) instaláronse catro zonas económicas especiais no SL do país, case zonas francas, onde as actividades económicas se regulan integramente polo mercado. A zona especial de máis éxito foi a de Shenzhen, que se beneficiou da proximidade con Hong Kong, convertida nunha zona especial de singular crecemento unha vez reincorporada en 1997 a China. As outras tres son Zhuhai e os portos de Shantou e Xiamen. A acollida internacional foi tan favorable que o estado chinés estableceu outras zonas industriais especiais de segundo orde en diversas cidades costeiras e na illa de Hainan. A actividade destas zonas especiais repercutiu na economía xeral que, por outra banda, estaba sometida a un proceso de desregularización e liberalización graduais. A produción programada para 1985 acadouse en 1983, aínda que a inflación (5,8% [1985]) e as importacións (2.280 millóns $ USA [1986]) disparáronse. O sétimo plan (1986-1990) propoñía a apertura económica a 70 produtos básicos e consentía que as empresas produtoras dispuxeran libremente do 20% dos beneficios. Por outra banda, o goberno comezou a modificar os mecanismos económicos da propia administración e en lugar da expropiación das ganancias das empresas e da redistribución subseguinte, introduciu figuras típicas da economía capitalista, como por exemplo os impostos e os créditos. A liberalización, firmemente guiada e supervisada polo estado (como recollen, entre outros, os artigos 13 e 14 da Constitución de 1982, nos que se fai referencia á propiedade privada e á planificación económica respectivamente), converteu China nun dos mercados máis dinámicos do mundo e máis solicitados polos financeiros e polas empresas dos países desenvolvidos. A incorporación de Hong Kong (que basea a súa economía na industria aeronáutica, electrónica e petroquímica) e Macau (que basea a súa economía no turismo, nas manufacturas téxtiles e na fabricación de aparatos electrónicos) como rexións administrativas especiais, supuxo unha importante contribución á renovación da economía chinesa debido aos positivos niveis económicos desas antigas colonias occidentais. Así mesmo, a actuación de Hong Kong como centro financeiro global e como segundo destino das exportacións de Taiwán, deu lugar a que o goberno chinés aprobase (18.3.1997) as Actas Sobre as Relacións con Hong Kong e Macau, e establecese a Oficina para os Asuntos con Hong Kong. O crecemento da economía chinesa no seu conxunto, sen embargo, presentou algúns aspectos negativos, dos que o máis importante é o crecente divorcio entre a China desenvolvida, concentrada na costa e nas zonas especiais, e as inmensas terras do interior, onde aínda prevalecen condicións dun claro subdesenvolvemento. O dinamismo das grandes cidades e o empobrecemento de moitos agricultores, como consecuencia do desmantelamento do sistema colectivista, favoreceu un éxodo rural masivo cara ás cidades que provocou un fenómeno inédito en China, a aparición de sectores da poboación que viven debaixo do umbral da pobreza, que en 1999 se situaba ao redor do 10 % da poboación. A poboación activa chinesa, cifrada en 1997 en 742.843.000 traballadores, soportaba en 1995 unha taxa de desemprego total, que aumentou coa liberalización económica, do 2,9%; nese mesmo ano, estimábase que o número de desempregados nas cidades procedentes do campo era duns 150 millóns (aproximadamente o 25% da poboación activa rural). A inflación no ano 1997 era do 1,5%, mostrando un comportamento contrario en Hong Kong (-4% en 1999) e Macau (-3% en 1999). O PIB por habitante pasou de 240 $ USA en 1975 a 3.130 $ USA en 1997, mentres que en Hong Kong era de 23.100 $ USA (estim 1999) e en Macau de 17.500 $ USA (1998). A débeda externa pasou de 620.000.000 $ USA en 1975 a 146.700.000 $ USA en 1997. A moeda oficial é o yuan, co jiao e fen como moedas fraccionarias.
Agricultura e silvicultura
Os cambios de orientación económica que tiveron lugar en China desde o inicio dos oitenta repercutiron considerablemente na agricultura, tanto no que respecta á mellora de rendementos como ao retroceso da importancia deste sector no conxunto da economía. En 1982 ocupaba ao 71% da poboación activa e a achega ao PIB representaba o 34%. En 1994 estas porcentaxes retrocederan ao 54% e ao 21%, respectivamente. Os cultivos ocupan o 10,3% da superficie e concéntranse nas chairas de Manchuria, no N e no L, e nos outeiros do SO, as áreas máis favorecidas polo clima. En relación coa poboación, China dispón relativamente de pouca superficie útil, o que levou a unha insuficiencia crónica da produción agrícola e a unha dependencia da importación de alimentos que se chegou a superar na metade dos anos noventa (11% das importacións [1998]). Malia os esforzos para aumentar a produción e os rendementos (maquinaria, construción de pantanos, uso de insecticidas, fertilizantes, técnicas de selección, etc), gran parte da agricultura chinesa depende aínda dos métodos de cultivo tradicionais e só o 25% das explotacións poden considerarse modernizadas. Non obstante , conseguiuse controlar considerablemente as enchentes, responsables da perda das colleitas que castigaron tradicionalmente a agricultura chinesa e ao final de 1996 había máis de 20.000 pantanos en funcionamento. De 1949 a 1978, cando estivo vixente a economía planificada, a agricultura foi totalmente colectivizada e organizouse en comunas, grandes unidades de produción que agrupaban pequenas vilas e comunidades de campesiños co fin de volverse autosuficientes. Coas reformas implantadas en 1978, o estado iniciou, baixo o nome de sistema de responsabilidade, a supresión gradual do colectivismo. Estimulou o beneficio privado mediante o arrendamento de parcelas, a comercialización dos excedentes e mesmo a contratación de xornaleiros e a herdanza dos bens. Nos anos noventa, co acceso á propiedade da terra, a agricultura chinesa entrou definitivamente no sistema do mercado libre, o que provocou un importante éxodo rural, a miúdo con graves consecuencias sociais. O arroz, base da alimentación, é o cultivo principal, ocupa máis dun terzo da superficie cultivada, cun alto rendemento por hectárea, que pasou das 1.770 t/ha en 1970 ás 5.140 t/ha en 1985 e unha produción total en 1997 de 198.471.000 t; pero como se trata dun cultivo basicamente de subsistencia, freouse a súa expansión para permitir outros cultivos máis comerciais. As principais rexións produtoras están na conca do río Iang-Tsé, en Sichuan, Jiangsu e Guangdong (no delta do río Xi Jiang) e en Henan. O trigo, cultivado sobre todo na chaira dos ríos Huang e Liao, ocupa entre un terzo e un cuarto da área cultivada. Aínda que China é o primeiro produtor, cunha quinta parte da colleita mundial, a produción resulta insuficiente para unha poboación tan numerosa; en 1994 tivo que importar máis de 8.000.000.000 t, o que a situou no primeiro lugar da importación mundial. Outros cereais moi difundidos son o millo, en Manchuria, Hebei, Hunan e Sichuan (segundo lugar da produción mundial), a cebada e a avea, na conca do Huang e o sorgo (terceiro produtor mundial). Nos oasis do Xinjiang cultívase arroz, trigo e millo, na Mongolia interior, trigo, e no Tibet, cebada e centeo. Moi importantes para a alimentación son as patacas, cultivo no que ocupa o segundo lugar da produción mundial, os legumes e as patacas doces. China produce unha gran cantidade de plantas oleaxinosas, especialmente soia (típica de Manchuria), cacauetes, colza, xirasol, sésamo, ricino, noces de palma, cocos e semente de plantas téxtiles, moi importantes. China é o terceiro produtor mundial de azucre, sobre todo a partir da caña de azucre, cultivada no S, aínda que tamén ten un peso considerable a remolacha azucreira, nas zonas frías de Manchuria. O algodón cultívase nas chairas setentrionais, o iute en Zhejiang e Jiangsu, e o liño en Manchuria. Tamén é notable a produción de cánabo e ramio. O tabaco céntrase no baixo val do río Huang, en Shangdong e Henan. O cultivo de arbusto máis importante é o do té, bebida nacional, que se cultiva en Zhejiang, Anhui, Fujian e Hunan. Ten moita expansión a produción de froita: cítricos, bananas, pexegos, viña, piña, mazás e peras. O bosque cobre o 14% da superficie, sobre todo ao SO de Manchuria, onde se explota a madeira (cuarto produtor mundial) para a fabricación de pasta de papel e papel. Non obstante , as actividades forestais están limitadas, en parte pola extensión reducida do bosque, situado en zonas pouco accesibles.
Gandería
No sector gandeiro destaca o gando porcino (China tiña case a metade das cabezas de toda a cabana mundial en 1994), ovino, bois para carne e os búfalos. Tamén é moi importante a piscicultura. No interior, máis seco e con menos cultivos, e nas zonas agrícolas máis pobres, a terra dedícase á gandería, principalmente ovellas, cabras, asnos e mulos. Nos prados e nas estepas dos territorios periféricos e nas zonas montañosas predomina a gandería nómade: ovina, bovina e cabalar. Unha actividade tradicional importante é a cría de vermes da seda: en 1997 China abastecía a nivel mundial ao 73% de toda a seda normal e case toda a chamada tussah, producida no S de Manchuria.
Pesca
A pesca, tanto a marítima, a máis importante, como a fluvial, foi tradicionalmente a principal fonte de proteínas animais en China. Segundo os informes da FAO, a media anual de consumo humano directo de produtos pesqueiros é de 21 kg, o que significa que a proteína procedente do peixe representa a cuarta parte do total de proteínas animais inxeridas no país. Nos anos noventa, co 15% das capturas mundiais, era o primeiro país pesqueiro; en 1997 ocupaba o primeiro posto por produción total (36.529.071 t). A partir da ampliación da zona económica exclusiva ás 200 millas actuais, China mellorou en termos absolutos a súa posición no sector NO do Pacífico (área 61), o que lle permitiu un incremento da súa produción; ademais, dende 1986 está pescando no Atlántico central (área 34) e no Pacífico NL (área 67). Cos datos dispoñibles para a década dos noventa (1991-1997), China é un exportador neto, tanto con respecto á cantidade (2.314.145 t exportadas fronte a 962.205 t importadas) como ao valor (o valor das súas exportacións foi de 6.172.277.000 $ fronte aos 4.149.428 $ das súas importacións); sen embargo, en 1997 o valor das súas importacións (828.731.000 $) foi superior ao das súas exportacións (815.096.000 $). Os principais portos pesqueiros, Tianjin (Tientsin), Qingdao, Cantón, Yantai, Lüda, Xangai, son grandes centros de conservas e salgado que abastecen a todo o país.
Minería
O país, rico en fontes de enerxía e minerais, dispón de grandes depósitos de carbón hulla (primeiro produtor mundial) e lignito (sexto produtor) espallados por todo o territorio, sobre todo ao N (Hebei, Shandong, Shanxi, Jiangxi e Manchuria), onde están as maiores reservas. En 1995, o 75% da enerxía proviña do carbón, cunha produción que representa a terceira parte do total mundial, 1.360.730.000 t (1996), mentres que o petróleo, en plena expansión (sexto produtor) con xacementos en Manchuria, Sichuan e principalmente, Xingiang, tivo unha produción de 155.800.000 t en 1996. O resto da produción enerxética deriva das centrais hidroeléctricas, pouco aproveitadas (6%) e do gas natural (1,18%), explotado maioritariamente nas reservas do SO (Sichuan). En conxunto, China é case autosuficiente no que respecta á enerxía; en 1995 só o 3,5% das importacións correspondía a combustibles. En 1994 a minería ocupaba ao 1,7% da poboación activa. Gracias á enorme extensión do país, as reservas de minerais son abundantes e variadas. Ademais do carbón, petróleo e gas natural, China dispón de xacementos minerais moi importantes, especialmente de mineral de ferro (segundo produtor mundial) en Manchuria, Mongolia Interior, Shanxi, Hebei e Hubei. Outros minerais importantes son o manganeso, a bauxita, o grafito mineral (primeiro produtor mundial), o tungsteno, o zinc, o estaño (Yunnnan, Guangxi Zhuang), a magnesita (Manchuria), o antimonio (Hunan), o molibdeno, o amianto (terceiro produtor mundial), os fosfatos e o uranio.
Industria
A industria, que en 1995 representaba o 50% do PIB, é a principal riqueza de China e o sector no que se baseou o desenvolvemento acelerado que iniciou o país a partir da década dos oitenta. Así, o crecemento global do PIB industrial entre 1980-1993 foi do 11,5% anual, en contraste co crecemento global do PIB, que no mesmo período foi do 9,6%. Malia isto, só o 15,6% da poboación activa está empregada neste sector. Como na maioría dos estados comunistas, o goberno esforzouse en dotar ao país do equipamento necesario para unha industrialización acelerada, con preferencia pola industria pesada. A siderurxia concéntrase no río Iang-Tsé (Huangshi e Wuhan), Ma’anshan, Taiyuan, Xangai (coa principal industria do aceiro) e Pequín. Nos anos noventa, China compartía con Xapón o liderado mundial na produción e fundición de aceiro. Tamén é moi activa a metalurxia: aluminio (oitavo produtor mundial), zinc, chumbo, cobre, magnesio, estaño (cuarto produtor) e níquel. A industria mecánica, moi importante, concéntrase en Manchuria (Harbin Shenyang, Lüda) e nos grandes centros de Taiyuan, Wuhan, Pequín, Tianjin, Nanquín e Xangai. Tamén son importantes a elaboración de automóbiles, motores, material ferroviario, máquinas de coser, maquinaria agrícola, téxtil, bicicletas, material eléctrico e electrónico (sector no que China conseguiu un gran prestixio), material fotográfico e satélites de comunicación. A industria química de base sitúa ao país no sexto lugar mundial, coa produción de ácido sulfúrico e clorhídrico, sosa cáustica, benzol, fertilizantes, caucho, etileno, así como a petroquímica dos plásticos e das fibras artificiais e sintéticas. Esta industria química céntrase nos grandes núcleos industriais como Harbin, Changchun, Lüda, Tianjin, Nanquan, Xangai, Chongqing e Cantón. Tamén son importantes as industrias de fabricación de cemento (segundo produtor mundial), vidro e papel de xornal. A industria lixeira, cun desenvolvemento máis lento, foise modernizando ultimamente e dobrou a súa produción. Aínda que está dispersa por todo o país, concéntrase nas grandes cidades costeiras (Xangai, Tianjin e Cantón) e alí onde é máis doado conseguir materias primas. A industria téxtil creou establecementos modernos a carón dos tradicionais (Lüda, Yingkou, Liaoyang, Xangai, Pequín, etc). China é o primeiro produtor mundial de fiados de algodón e un dos grandes produtores de fiados, tecidos de la, seda e fibras sintéticas (sexto do mundo).
Comercio exterior
Ata o inicio dos anos oitenta, cando se levaron a cabo as medidas de liberalización, o intercambio comercial co exterior caracterizouse por un lixeiro predominio da exportación sobre a importación, especialmente os bens de consumo, que alcanzaban en 1974 un valor de 42.000.400.000 $ USA. A apertura aos mercados exteriores dispararon as importacións, que en 1985 se incrementaron nun 54% e provocaron un déficit do 22% na balanza comercial. Posteriormente, sen embargo, a forte orientación exportadora da industria chinesa procurou inverter esta tendencia. A partir de 1990, o saldo comercial foi positivo, o 3,3% en 1997. Os principais produtos de importación son a maquinaria e o equipamento de transporte (44,6%), os produtos semielaborados, expecialmente téxtiles, gomas e metais (24,3%), materias primas (6,4%), carburantes (3,5%) e produtos alimentarios (2,7%). Os maiores provedores son Xapón (17,8%), EE UU (17,7%), Alemaña (3,9%) e a República de Corea (3,6%). Estas importacións alcanzaron en 1996 un valor de 138.833 millóns $ USA. A composición das exportacións é semellante á das importacións: os produtos semielaborados representaron o 19,2% das vendas no estranxeiro, seguidos da maquinaria e do equipamento de transporte (18,1%), produtos alimentarios (8,3%), produtos químicos (5,2%), combustibles e lubricantes (3,4%) e materias primas (3,4%). Os principais clientes son Xapón (22,8%), Taiwán (12,2%), EE UU (12,1%), a República de Corea (3,6%), Alemaña (6,2%) e Rusia (3%). O saldo exportador foi en 1996 de 151.047 millóns $ USA.
Transportes e comunicacións
As comunicacións interiores utilizan aínda os medios tradicionais. As liñas de ferrocarril, que é un monopolio estatal, sumaban un total de 65.000 km en 1998. As liñas principais son, de N a S, as de Pequín-Cantón (con máis de 2.300 km) e en dirección L-O, a liñas Pequín-Baotou-Laonzhou, da que parte un enlace co Transiberiano a través de Mongolia e a liña Xangai-Vietnam, orixinariamente tramo final do Transiberiano. En 1994 entrou en funcionamento a primeira liña de alta velocidade, que une as cidades de Cantón e Shenzhen. As estradas, case inexistentes en 1949, experimentaron unha grande expansión e en 1997 dispoñía de 1.186.000 km, dos que 1.043.000 estaban asfaltados. Os ríos navegables utilízanse moito para o transporte, tanto de pasaxeiros como de mercadorías. En 1996 había uns 110.562 km de vías fluviais navegables, 40.000 para grandes barcos. Destaca o Iang-Tsé e os seus afluentes, con máis de 1.000 km navegables. Tamén son navegables o Xi, o Amur e o Beihe, río de Pequín que é unha gran canle de 1.782 km que enlaza co Iang-Tsé. A mariña mercante de China é unha das primeiras do mundo, dispón de 2.948 barcos (1995), coa particularidade de que só dedica unha sexta parte da tonelaxe á navegación de altura. A aviación, moi necesaria dadas as grandes dimensións do país, dispón dunha rede en rápida expansión (519.000.000 km [1995]) e favorece as comunicacións entre a China oriental e a occidental, así como as internacionais. Hai máis de 80 aeroportos internacionais, o primeiro deles é o de Pequín. As compañías aéreas, aproximadamente unhas 40, son maioritariamente de titularidade estatal. A bicicleta é o vehículo máis utilizado.
Xeografía humana

Demografía
China é o terceiro país do mundo en superficie e o primeiro polo número de habitantes (21% do total mundial). A poboación experimentou un rápido crecemento (1.003.937.078 h en 1982, 1.218.700.000 h en 1996 e 1.350.000.000 h en 2008) como consecuencia do alto índice de natalidade, aínda que nos últimos anos manifesta un claro retroceso (16,4‰ [1997]). O índice de mortalidade era do 7,1‰ en 1997 e unha tasa de mortalidade infantil que se disparou nos últimos anos, sendo en 1997 do 39 ‰. Na estrutura por idades, obsérvase que o 25% da poboación ten entre 0-14 anos, o 68% entre 15-68 anos e o 7% con máis de 65 anos. A evolución da pirámide de idades mostra unha certa tendencia á diminución do peso relativo da poboación menor de 15 anos, en 1996 era do 27,7%. En boa parte, esta tendencia foi consecuencia das medidas de control da poboación levadas a cabo polo goberno chinés, entre as que destaca é coñecida política do fillo único e os programas que proporcionan información sobre o control da natalidade e os métodos anticonceptivos. O crecemento natural é do 9,3‰ (1997) e a esperanza de vida era de 69,8 anos no mesmo ano.
Poboamento
O peso da poboación rural é moi importante, cun 80,6% en 1996. A distribución da poboación é moi desigual e a densidade media (133,4 h/km2 resulta unha magnitude pouco significativa polo gran contraste entre a China do L e a China do O. Tres cuartas partes da poboación concéntranse en catro grandes áreas: a gran chaira do río Huang (300 h/km2 ao N, o val medio e baixo do Iang-Tsé (500 h/km2, a conca do Sichuan (700 h/km2 e a China do Sur (500 h/km2. Algunhas das cidades máis importantes do país reuniron ao seu redor aglomeracións urbanas considerables, é o caso de Chongquing (2.266.772 h na cidade e 30.420.000 h [1990] na aglomeración), Xangai (7.496.509 h e 14.570.000 h), Pequín (6.840.000 h e 12.400.000 h) e Tientsin (4.574.689 h e 9.530.000 h), segundo o censo de 1990. Entre as cidades máis importantes destacan: Hong Kong (7.116.302 h [2000]), Shenyang (3.603.712 h [1990]), Wuhan (3.284.229 h [1990]), Cantón (2.914.281 h [1990]), Harbin (2.443.398 h [1990]) e Nanjing (2.090.204 h [1990]). Outros núcleos importantes con poboacións superiores a un millón de habitantes son Anshan, Changchun, Changsha, Chengdu, Guiyang, Hangzou, Harbin, Jilin, Kunming, Lanzhou, Nanchang, Quingdao, Shijiazhuang, Taiyuan, Tangshan, Urümqi, Xi’an e Zengzhou.
Sociedade e goberno

Diversidade étnica

A República Popular China é un estado unitario multinacional segundo a Constitución de 1982. No artigo cuarto recoñécense os mesmos dereitos para todas as nacionalidades; ademais, o goberno central comprométese a protexer os intereses das minorias étnicas que compoñen a República. Etnicamente, entre a poboación chinesa poden establecerse dúas grandes divisións entre os han e os demais grupos; ademais a diáspora chinesa ten un peso importante a nivel internacional. Os han (nome establecido oficialmente tralo triunfo da Revolución de 1949 en referencia á dinastía Han) son a etnia maioritaria en China, ademais da máis numerosa do mundo. Os han constitúen o 91,2% da poboación total do país; sen embargo, non é unha etnia uniforme: o grupo maioritario é o mandarín (836.000.000, 70% da poboación), seguido doutros grupos minoritarios como o wu (77.175.000, 7,5%), o cantonés ou yue (46.305.000, 4,5%), o xiang (36.015.000, 3,5%), o hakka (25.725.000, 2,5%), o gan (25.580.000, 2%) e o min (10.537.000, 1,2%). Xunto cos han, en China conviven máis de 55 etnias minoritarias que, segundo o censo etnográfico de 1982, sumaban 67 millóns de individuos. Xeograficamente, estas minorías ocupan a periferia do estado chinés e incorporáronse máis tarde, a miúdo mediante a asimilación forzosa, á cultura chinesa. Estas minorías son agrupables entre as seguintes familias: a altaica (que inclúe os tungús, mongois e turcos), a indoeuropea (taxikos e rusos de Singkiang), a sinotibetana (miao-yiao, tibetano-birmano e tai-kadai), a austroasiática (palaung-wa e mon-khmer) e a austronesia (atayálico, tsuico e paiwánico). Os máis diferenciados destes son os tibetanos (0,4%), os mongois (0,4%) e os uygures (0,6%), con lingua, escritura e relixión propias, e mesmo a organización social, que ocupan grandes territorios, principalmente rexións autónomas. Outras minorías corresponden aos pobos do SL, onde están máis da metade das minorías nacionais, moi espalladas xeograficamente, de organización social moi pouco centralizada e nos que a poboación, dirixida por un caudillo, constitúe a unidade política básica. Os miaos (0,6%), son os principais representantes destas etnias meridionais, ás que hai que engadir os zhuangs, que son a etnia non chinesa máis numerosa (1,4%), aínda que a súa cultura atópase nun estado moi avanzado. Outra minoría é a representada polos huis (0,8%), que viven espallados por todo o territorio, cunha certa concentración no centro do estado, na rexión autónoma de Ningxia Hui, que o goberno chinés creou especificamente para eles. Finalmente, os manchú (0,9%), orixinarios da rexión histórica de Manchuria, ao NL do estado chinés. Hai tamén outros once grupos etnolingüísticos integrados por un número de individuos que oscilan entre un millón e seis millóns cada un deles (yis, tujias, dongs, coreanos, etc). No caso das tres principais rexións autónomas, o Tibet, a Mongolia Interior e o Turkestán oriental, a existencia dunha considerable resistencia á asimilación desencadeou unha durísima represión por parte das autoridades chinesas, que suplantaron os dirixentes autóctonos, sexa coa súa eliminación sexa ao forzalos ao exilio, como é o caso, sobre todo, do Tibet. Pero a ameaza máis grave para a identidade destes pobos é, sobre todo, os traslados masivos de poboación chinesa a estas zonas do O, onde a poboación autóctona perde peso progresivamente. A diáspora chinesa está composta por aproximadamente 50 millóns de individuos que son o resultado duns movementos migratorios que comezaron antes da era cristiá e se deberon a motivos diversos (intercambios comerciais, conquistas militares no SL asiático, agresións estranxeiras sobre a poboación chinesa, etc). A súa distribución xeográfica é a seguinte: Asia (90,3%), América (6,5%) e Europa (2,1%). Os termos máis empregados para referirse aos chineses da diáspora son huaqiao (‘súbditos chineses residentes non estranxeiros’) e huayi (‘chineses saídos da emigración’), co que os antropólogos pretenden diferenciar dúas realidades diferentes, pois aínda que algúns huayi, aproximadamente o 85% dos chineses da diáspora, esqueceron a súa lingua, manteñen as formas culturais chinesas e fortes lazos sociais e económicos entre eles.
Diversidade lingüística
En China fálanse máis de cincuenta linguas diferentes que se poden agrupar en linguas han e linguas non han ou minoritarias. No primeiro grupo inclúense as diferentes linguas chinesas que se falan en China (a lingua do norte ou mandarín, o wu, o xiang, o gan, o min do norte e o min do sur, o yue ou cantonés e o hakka ou kejia). Os falantes da lingua han representan o 95% da poboación total (un 75% para o mandarín e un 25% para as demais linguas), mentres o 5% restante falan as linguas non han (nas que se inclúe, entre outras, o ruso e o coreano). Estas linguas minoritarias, que pertencen ás familias lingüísticas sinotibetana (entre outras linguas destaca o amdo, bai, jiarong, kham, qiang, tibetano e yi), daica (entre outras, o bouyei, hlai, lingao e zhuang), austroasiática (entre outras, o blang e bugan), austronesia (o tsat), hmong-mien (entre outras, o bunu, hmong e iumen) e altaica (entre outras, o uygur, o mongol e o kirguizo). Todas elas utilizan unha escrita común aínda que os falantes non se entenden entre si; as diferencias que existen no léxico e na pronuncia son equiparables ás que ofrecen, por exemplo, as linguas románicas. En canto á política lingüística chinesa pódese dicir que foi variando segundo as flutuacións políticas. Deste modo fálase de catro períodos importantes: 1949-1956, 1956-1965, 1966-1976 (a revolución cultural), e desde 1976. O primeiro período centrouse en dous puntos fundamentais de planificación: a creación do Comité de Reforma das Linguas Minoritarias (1951), que recolleu un inventario das linguas, as súas grafías e outros aspectos lingüísticos, e a creación da Asociación para a Reforma da Lingua (1949) que, en 1954, pasou a denominarse Comité para a Reforma da Lingua e que traballa sobre o chinés; en outubro de 1955 nunhas conferencias sobre a estandarización do chinés moderno definiuse o termo putonghua (lingua común). Ademais garantíronse os dereitos lingüísticos dalgunhas minorías ao desenvolverse o ensino na súa lingua, ao proporcionarlles un alfabeto (polo xeral derivado do alfabeto latino) ás linguas non escritas e ao iniciarse un proceso de alfabetización na súa lingua. Mentres, nas rexións da etnia han, o ensino ofrecíase nas linguas locais. O segundo período (1956-1965) caracterizouse polo programa putonghua ou lingua común. Esta lingua común, que se basea na pronuncia de Pequín, na sintaxe das linguas do norte e no vocabulario e na literatura moderna en baihua, vaise converter, dende 1956, na única lingua de ensino das rexións de lingua han e a partir dese momento vai ser a lingua promocionada e apoiada oficialmente. Con este obxectivo, o goberno adoptou varias medidas: a publicación dunhas Directrices do Consello de Estado dirixidas aos adultos e aos nenos; a apertura dun centro de formación de mestres en Pequín; e difusión de información sobre a lingua común na prensa e na radio. Ademais este programa incluía tamén a reforma da grafía. As minorías, pola contra, seguían cunha política de ensino bilingüe. No terceiro período (1966-1976) seguiuse co programa putonghua e coa súa popularización. No cuarto período (desde 1976), marcado politicamente pola morte de Mao Zedong e a volta ao poder de Deng Xiaoping, produciuse un cambio na orientación lingüística que significou a ampliación do programa putonghua á televisión e as minorías nacionais volven atopar as prerrogativas que perderan (publicacións, etc).
Relixións
Desde a súa fundación, o réxime comunista chinés foi en principio hostil a todas as relixións, tanto ás autóctonas como ás estranxeiras. Non obstante , esta hostilidade non sempre supuxo unha persecución efectiva: os imperativos políticos de cada momento determinaron a política oficial cara á relixión, que oscilou entre a represión e a tolerancia. Así, mentres durante a Revolución Cultural se pecharon todos os lugares de culto sen distinción de confesións, a partir de 1978 o estado mantivo unha posición máis tolerante, recollida explicitamente na Constitución de 1982. Cómpre dicir, sen embargo, que a vixilancia continuou e que a represión relixiosa foi habitual naqueles casos nos que o credo mantén lazos con disidencias políticas, como é o do lamaísmo no Tibet. As relixións autóctonas de China son o taoísmo e o confucianismo. En 1980 estimábase que aproximadamente un 20% da poboación chinesa (uns 200 millóns de persoas) pertencían ao que xenericamente se cualificaba como “relixións tradicionais”. O taoísmo é, en parte, unha relixión organizada que orixinalmente ten unha orientación naturalista, resalta a espontaneidade e ten unha forte tendencia cara ao misticismo. Pola súa banda, o confucianismo é máis un código ético e unha tradición que unha relixión propiamente dita, o papel marxinal que ten a divindade fixo que se chegase a cualificar de “relixión agnóstica”. Aínda que non dispón dunha organización ou dun clero claramente definidos, desde o s II a C ata o establecemento do comunismo, o confucianismo foi a relixión oficial do estado chinés e os seus preceptos e rituais impregnaron a vida pública. A relixión con máis tradición é o budismo, que se estendeu por China sobre todo ao final da dinastía Han, no s III d C e entre os ss IV e VI mesmo foi relixión imperial. O budismo chinés creou as súas propias sectas, deu lugar a correntes orixinais e difundiu a doutrina en Corea e Vietnam. O lamaísmo, unha variante do budismo, introduciuse no Tibet no s VII, onde formou unha teocracia e posteriormente, no s XIV, estendeuse tamén a Mongolia. Baixo a presión comunista, milleiros de monxes, encabezados polo Dalai-lama, exiliáronse en 1959. Desde entón o goberno chinés alternou a represión con intentos de atraer e integrar ao clero budista no estado comunista. O Islam, que ten uns 20 millóns de seguidores, practícase sobre todo no Turkestán oriental, onde se introduciu no s VII. A cristianización foi obra dos misioneiros xesuítas e en 1900 os cristiáns eran uns 9 millóns (5 millóns de católicos e 4 millóns de protestantes). O goberno comunista tentou desde o comezo cortar as relacións da Igrexa católica con Roma e en 1957 fundouse a Asociación Católica Patriótica Chinesa, destinada a substituír ao Vaticano na organización dos católicos en China.
Educación
O sistema educativo chinés, aínda que maioritariamente é de titularidade pública non é completamente gratuíto e xa no 1980 se autorizou a creación dos primeiros centros de ensino privados. A educación primaria adoita comezar aos sete anos e ten unha duración duns cinco anos. A secundaria impártese tamén en cinco anos e está dividida en dous ciclos, de tres e dous anos. Desde 1985 hai probas de selección para acceder á educación superior e, despois das axitacións estudiantís de 1989, o goberno introduciu filtros de tipo ideolóxico no acceso á universidade. O sistema educativo renovouse en 1979 e instaurouse a escolarización obrigatoria durante nove anos en case todo o territorio. En 1996 había 136 millóns de escolares no ensino primario e 50 millóns no secundario, mentres que o ensino superior cursábano uns 3 millóns de alumnos. En 1992 había unhas 130 universidades, ademais doutras institucións técnicas e especializadas de ensino superior. Coas invasións occidentais, os chineses esforzáronse por dominar as técnicas europeas e en 1861 abriuse en Pequín unha escola de linguas onde se ensinaba inglés e francés e, máis tarde, alemán e ruso, xunto con matemáticas, astronomía, dereito internacional, meteoroloxía, química, etc. En 1903 elaborouse un plan de educación superior de tipo occidental e coa abolición en 1905 dos exames de estado desapareceron todos os vestixios da educación tradicional e abriuse o camiño ás universidades de tipo europeo e xaponés.
Medios de comunicación
En China, a información está controlada polo estado. A prensa escrita é competencia do ministerio de Cultura e a radio e a televisión pertencen ao ministerio de Radiodifusión. A supervisión dos contidos, sen embargo, está centralizada pola comisión de Propaganda do Comité Central do Partido Comunista, que dispón de delegacións en todas as divisións administrativas. En 1992 había unhas 1.755 publicacións de aparición diaria e a tiraxe total era duns 50 millóns de exemplares. Unha modalidade amplamente usada en China para a transmisión de noticias é o dazibao, un cartel colocado en puntos concorridos e empregado basicamente como instrumento de propaganda política. A televisión está bastante desenvolvida, con centros emisores e estudios nas cidades principais. A Radio Nacional, fundada en 1945, é o medio de comunicación social máis estendido e con máis capacidade de penetración na poboación.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano en 1998 situaba a China entre os países cun desenvolvemento humano medio (ocupa o 99º posto cun índice do 0,706). Este Indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 70,1 anos; o índice de alfabetización de adultos é do 82,8% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 72%; e o PIB real por habitante (PPA) é de 3.105 $ USA.
Goberno e política

A República Popular de China proclamouse o primeiro de outubro de 1949, logo dunha guerra civil que enfrontou os comunistas, dirixidos por Mao Zedong, e os nacionalistas de Chiang Kai-shek. Segundo a Constitución do 4 de decembro de 1982, China é un estado socialista de partido único, o Zhongguo Gongchandang (ZG, Partido Comunista de China), baixo a guía do marxismo-leninismo e do pensamento de Mao Zedong. En 1993 introduciuse na Constitución o principio de “economía socialista de mercado” e as enmendas de 1999 introduciron o dereito á propiedade privada, o principio de estado de dereito, o desenvolvemento público dos procesos xudiciais e maiores garantías para os cidadáns nos seus preitos coa administración pública. O poder executivo está formado polo presidente e o vicepresidente da República, elixidos para un período de cinco anos polo Congreso Nacional do Pobo; o primeiro ministro, xunto con catro viceprimeiros ministros, nomeados polo presidente para un mandato de cinco anos e confirmados polo Congreso Nacional do Pobo; e o Consello de Estado, nomeado polo primeiro ministro e confirmado polo Congreso Nacional do Pobo. O poder lexislativo corresponde ao Quanguo Renmin Daibiao Dahui (Congreso Nacional do Pobo), composto por 2.979 membros elixidos para un período de cinco anos polos congresos populares das 23 provincias, das cinco rexións autónomas, dos catro concellos administrados polo goberno central, das dúas rexións administrativas especiais e das forzas armadas. O Congreso Nacional do Pobo, que se reúne unha vez ao ano, comprende no seu seo un Comité Permanente formado por 155 membros que actúa no período entre sesións. O sistema xudicial está baseado nun amplo corpus xurídico que comprende normas consuetudinarias e leis escritas. O órgano xudicial superior é a Corte Suprema Popular, elixida polo Congreso Nacional do Pobo para un período de cinco anos; ademais, existen tribunais especiais que entenden sobre asuntos militares, marítimos e ferroviarios. A pena de morte está en vigor para numerosos delitos. Na década dos noventa documentáronse ao redor de 18.000 execucións, cantidade probablemente moi inferior á cifra real. Segundo os informes elaborados por Amnistía Internacional, durante 1999 a campaña contra a disidencia pacífica foi a de maior alcance e dureza de toda a década. Milleiros de persoas foron detidas arbitrariamente pola policía e algunhas foron condenadas a longas penas de prisión, logo de xuízos inxustos, ou enviadas a campos de traballos forzados. A tortura e os malos tratos foron prácticas habituais. Así mesmo, tomáronse medidas enérxicas como parte dunha campaña de dous anos “contra a superstición”. Ratificou ou adheriuse aos seguintes tratados: Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos (PIDCP), asinado en outubro de 1998 pero aínda non ratificado; Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais, asinado pero aínda non ratificado; Convención contra a Tortura e Outros Tratos ou Penas Crueis, Inhumanos ou Degradantes, que efectúa a declaración prevista no artigo 28, pola que non se recoñece a competencia do comité contra a tortura para examinar as denuncias de carácter individual; Convención sobre o Estatuto dos Refuxiados (1951); Protocolo sobre o Estatuto dos Refuxiados (1967); e Convención sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación contra a Muller. A Constitución de 1982 salienta o papel reitor do Zhongguo Gongchandang (ZG, Partido Comunista de China), principal artífice da revolución de 1949. Fundado o primeiro de xullo de 1921 en Xangai, estivo liderado por Mao Zedong ata a súa morte (1976); posteriormente, os seus líderes foron: Hua Guofeng (1976-1981), Hu Yaobang (1981-1987), Zhao Ziyang (1987-1989) e Jiang Zemin (1989). Os órganos executivos do partido son: o secretario xeral, cargo que apareceu no XII Congreso (1982); o Comité Permanente, formado por sete membros (incluído o secretario xeral); e o Buró Político, formado por 22 membros (incluído o secretario xeral). Do Comité Central, con 193 membros, dependen, entre outras, as comisións de Asuntos Militares, de Disciplina, de Relacións Internacionais, de Organización e de Propaganda; ademais, designa os candidatos ás eleccións locais e aproba o nomeamento de candidatos ao Congreso Nacional do Pobo. Entre o 6 de xullo de 1976 e o 5 de marzo de 1978 os líderes do partido exercían os poderes executivos do estado. En 2001 tiña 60 millóns de afiliados, o 5,1% da poboación total de China. Entre os xornais que controla o partido cómpre salientar o Renmin Ribao, o órgano do Comité Central do partido cunha tiraxe de 2.300.000 exemplares, e Qiu Shi, de contidos teóricos. Xunto co ZG, en China están legalizados outros partidos que se manteñen baixo a guía do marxismo-leninismo e o pensamento de Mao: Jiu San Xuehui (Asociación 3 de setembro), Taiwan Minzhu Zizhi Tongmeng (Liga para o Autogoberno de Taiwán), Zhongguo Guomindang Geming Weiyuanhui (Partido Revolucionario da China Nacionalista), Zhongguo Minzhu Cujin Hui (Asociación Chinesa para a Promoción da Democracia), Zhongguo Minzhu Jianguo Hui (Asociación Chinesa para a Constrición da Democracia), Zhongguo Minzhu Tongmeng (Liga Democrática de China), Zhongguo Nonggong Minzhudang (Partido Democrático dos Traballadores e Labregos de China) e Zhongguo Zhi Gong Dang (Partido Chinés para o Interese Público). Así mesmo, outros partidos de ámbito nacional permanecen ilegalizados: China Democracy Party, Chinese Workers-Labor Party, Inner Mongolian People’s Party e National Democratic Party of Tibet. Nas rexións administrativas especiais existe o multipartidismo e están legalizados partidos de diversas ideoloxías. En Hong Kong, os partidos que defenden a integración con China son o Liberal Party (Partido Liberal), o Democratic Alliance for the Betterment of Hong Kong (Alianza Democrática para o Melloramento de Hong Kong) e a Hong Kong Progressive Alliance (Alianza Progresista de Hong Kong); os prodemocráticos son: Democratic Party (Partido Democrático), Frontier Party (Partido da Fronteira) e Citizens Party (Partido dos Cidadáns). En Macau, os partidos que defenden a integración con China son a Associação Promotora para a Economia de Macau e a União Promotora para a Progreso; os restantes (Associação de Novo Macau Democrático, Convergência para o Desenvolvimento, União Geral para o Desenvolvimento de Macau e União para o Desenvolvimento) forman plataformas cívicas das que non consta unha posición precisa. Administrativamente, o país está dividido en 23 provincias (entre as que as autoridades inclúen Taiwán como provincia segregada que algún día deberá reintegrarse á patria común), cinco rexións autónomas (Guangxi, Nei Mongol, Ningxia, Xinjiang e Xizang ou Tibet) e catro concellos (Chongqing, Pequín, Tianjin e Xangai). Cada unha destas unidades administrativas recoñecidas legalmente (as rexións non teñen valor administrativo), teñen institucións de goberno, lexislativas e xudiciais propias. Ademais, Hong Kong e Macau, recoñecidas como rexións administrativas especiais baixo o principio de “un país dous sistemas”, teñen un sistema político propio, baseado na democracia e no multipartidismo, e gozan dunha ampla autonomía agás en asuntos estranxeiros e defensivos. En Hong Kong, o sistema xudicial baséase no dereito común inglés, e en Macau, no portugués. China acadou en novembro de 1997 un acordo con Rusia que puxo fin ao contencioso que mantiñan ambos países polos límites territoriais, polo que se redefinían 4.000 km de fronteira, entre Mongolia ao mar de Xapón, ao longo dos ríos Argun, Amur, Sungari e Ussuri. Non obstante , con Taxikistán (antiga república da URSS, coa que iniciara o conflito que resolveu con Rusia) aínda non están definidas as fronteiras. Con Vietnam asinou en decembro de 1999 un acordo fronteirizo, aínda non publicado, polo que se definían as fronteiras territoriais. Coa India mantén unha vella disputa polo territorio de Aksai Chin, reivindicado pola India baixo soberanía chinesa, e polo de Arunachal Padresh, reivindicado por China e baixo soberanía india. Así mesmo, 33 km de fronteira común coa República Democrática de Corea, que corresponden ao monte Paektu-san, aínda non están definidos. As illas e as augas territoriais son tamén obxecto de numerosas disputas. As illas Spratly, no mar da China Meridional, son parte dunha complicada disputa na que as partes implicadas son Malaisia, Filipinas, Taiwán, Vietnam e Brunei; as illas Paracel, habitadas por chineses e ricas en xacementos de fosfato, están ocupadas por China e son reclamadas por Vietnam e Taiwán; as illas Senkaku, baixo administración xaponesa, son reclamadas por Pekín; con Vietnam mantén aínda diverxencias respecto ás fronteiras marítimas no golfo de Tonquín. Forma parte dos seguintes organismos internacionais: Cooperación Económica en Asia-Pacífico (APEC) e ONU.
Historia

A prehistoria e a historia primitiva
Ó Pleistoceno medio (500.000 a C) corresponden os achados do Sinanthropus pekinensis, homínido emparentado co Pitecanthropus erectus de Xava, que foi atopado en Zhoukoudian, ao SO de Pequín. O home de Pequín coñecía o uso do lume e probablemente practicaba a antropofaxia. Noticias recentes falan de fósiles humanos atopados en Yuanmou (Yunnan) e en Lantian (Shanxi), de 1.700.000 e de 800.000 anos de antigüidade. No ano 1978 descubriuse o cranio de Dali (Shaanxi), forma próxima á de Neandertal, cunha antigüidade atribuída de 150.000 anos. Non se sabe se estes fósiles teñen industrias líticas asociadas. A dos estratos vellos de Zhoukoudian comprende machadas, raspadeiras discoidais, raspadores e burís toscos, cun gran parentesco coa pebble culture de terras máis meridionais. As afinidades entre sinántropo e pitecántropo fan pensar nunha progresión dos homínidos desde o S cara ao N. Esta idea baséase no achado do Gigantopithecus no S de China e nos de Dingxian (Shanxi) e Changyang (Hubei). Rexeitada a existencia dun Paleolítico Medio en Ordos, cómpre considerar a presenza probable dun hiato entre o Paleolítico Inferior e o Paleolítico Superior en China. O xacemento máis considerable do Paleolítico recente é aínda a parte superior de Zhoukoudian, con estratos que se sitúan entre o 25.000 e o 10.000 a C. Semella desta mesma época o lugar de Chatan Gol (na volta do río Amarelo), pero a súa industria non é de follas, senón microlítica. Ao S do río Azul non hai achados que documenten a presenza do Homo sapiens, pero parece presaxialas a de Ziyang (Sichuan). Este Paleolítico Superior chinés relaciónase co siberiano da Mongolia interior e do S do lago Baikal. En canto ao poboamento epipaleolítico de China -con xacementos importantes en Mongolia, Manchuria e Shanxi- é patente que se reparte en dúas grandes áreas: a das estepas ao N, e a das selvas e o bosque ao S. Entre as dúas tivo lugar o fenómeno revolucionario do Neolítico chinés. A transición do Mesolítico ao Neolítico -posesión da pedra pulida e dunha agricultura incipiente- produciuse na zona dos ríos Wei e Fen, e na cunca media do río Amarelo. A cultura de Yangshao, nome dun xacemento da provincia de Hunan, puido ser ben estudada desde 1952 en Pampo, preto de Xi’an (Shaanxi). O cultivo principal era o paínzo, pero tamén o alpiste e outras plantas, como o cánabo, que servía para tecer. Os traballos facíanse con sachos e paos cavadores, de pedra e de madeira. Ademais, criábanse porcos, cans, bóvidos, ovellas e aves. A pesca e a caza continuaron co seu papel importante na alimentación. A industria de Pampo conseguiu un grao elevado de perfección. Moitas pezas presentan un fondo pintado de cor vermella con representacións de caras humanas e de peixes e uns 30 símbolos, que se soen considerar como o antecedente máis antigo da cultura chinesa. A importancia desta industria de barro fixo que a cultura de Yangshao se chamase tamén cultura da cerámica pintada (do 5000 ao 4000 a C). Os arqueólogos chineses manteñen que o seu sistema social era matriarcal. No ano 1959 individualizouse en Dawenkou outra fase neolítica máis recente, que se estende pola provincia de Shandong e polo N de Xiangzhou. Está emparentada coa cultura, moito máis ampla, de Longshan, coñecida desde 1923, que se distribúe pola cunca inferior do río Amarelo. Caracterízase por unha cerámica fina e brillante, de cor negra, chamada tamén cultura da cerámica negra. Foi a primeira que utilizou o torno e nela hai obxectos de ornamento de xade e de marfil. Os centros neolíticos da cunca do río Amarelo e as zonas inmediatas expandíronse cara a outras rexións chinesas: o foco do río Iang-Tsé e a cultura de Longshan (áreas central e meridional), que perduraron ata o comezo do primeiro milenio a C. O paso do Neolítico ao Calcolítico está representado pola cultura da cerámica gris, ben documentada en Xiadon (Shaanxi), cos comezos titubeantes do traballo do metal e cunha cerámica con vasos de paredes finas e decoración barroca. Algunhas das lendas chinesas máis antigas parecen referirse a este estadio cultural, como por exemplo a que explica como se formou a liga tribal do río Amarelo, da que foron elixidos xefes Huangdi, Yao, Shun e Yu.
Primeiras dinastías
Ó morrer Yu, o seu fillo Zhi herdou o poder. Crebou así a lei consuetudinaria da elección, e fundou a dinastía Xia, a primeira da historia chinesa (2250-1766 a C), que gobernaba unha civilización agrícola e patriarcal. As evidencias históricas iniciáronse coa dinastía Shang (1770-1050 a C), co seu centro nas chairas do curso medio do Huang. Esta etapa representa a Idade de Bronce chinesa, cunha economía baseada fundamentalmente na agricultura (trigo, orxo e arroz) e cun sistema de goberno liderado pola figura dun rei, que presidía unha clase aristocrática e elixía os gobernantes territoriais. A dinastía Zhou (1050-221 a C) fundouna Wu Wang no val do Wei, na fronteira occidental de China. Pronto se estableceu unha rede feudal encabezada por señores con cargo hereditario. Cara ao 770 a C, a invasión de nómades do Norte obrigou aos Zhou a trasladar a capital a Luoyang (na provincia de Henan), co que se iniciou o período dos Zhous do Leste (tamén chamado das “primaveras e os outonos”) entre o 722 e o 481 a C. Certos señoríos aliáronse con grupos bárbaros e conformaron estados practicamente independientes: Qin (provincia de Shaanxi), Jin (Shanxi), Qi (Shandong), Chu (Hubei) e Song (Henan), serían coñecidos como os “cinco supremos”. No 249 a C abdicou a dinastía Zhou ao tempo que proliferaron as guerras de anexión dos grandes reinos sobre os máis débiles. Neste período comezou en China a utilización do ferro, o desenvolvemento do comercio e o xurdimento de grandes movementos filosóficos (confucianismo, taoísmo). Desde finais do s IV a C, os príncipes de Qin iniciaron unha próspera campaña de anexión que os levou a conquistar toda China e a titularse emperadores.
A dinastía Qin (221-206 a C)
A dinastía iniciouse co Emperador Qin Shi Huangdi. Qin acometeu a organización dos antigos principados segundo un novo concepto centralista e unificado: creou 36 provincias, construíu un sistema radial de estradas, a miúdo con criterios militares, e unificou os pesos e as medidas, a moeda e a escritura. Conquistou un vasto territorio cara ao sur, ata a rexión cantonesa (Nanhai) ao tempo que detivo as incursións estranxeiras coa construción da Gran Muralla, que se estendeu ata as fronteiras do NO ao longo de máis de 2.000 km. Tratou de asegurar a estabilidade do Estado transformando aos campesiños arrendatarios en propietarios, que pagaban un imposto fixo e igualitario. Pero as obrigas importunaban aos grandes propietarios e os esforzos militares e as grandes obras arruinaron o tesouro. Á morte do emperador, o descontento plasmouse na revolta do 209 a C. O Imperio afundiuse na anarquía e un gran propietario, Liu Bang, accedeu ao trono coa fundación dunha nova dinastía.
A dinastía Han (206 a C-220 d C)
Liu Bang trasladou a capital a Chang’an (actual Xi’an), en Shaanxi. A dinastía dos Han anteriores ou occidentais restableceu e perfeccionou a administración central, recortou o poder da nobreza, impuxo unha lexislación uniforme, creou colonias militares nas rexións ameazadas polos bárbaros nómades e organizou un pesado sistema fiscal, a base de traballos forzados e de prestacións militares. Unha vez consolidados, os emperadores Han iniciaron unha política de conquistas: anexión de Fujian (110 a C), toma de Cantón e Tonquín (111 a C) e conquista de Corea (108 a C). O reinado máis destacado foi o de Xiao Wudi (141-87 a C), que reforzou o carácter centralista do estado coa creación de “conselleiros” en cada un dos principados locais e a designación de funcionarios por concurso, o que deu orixe ao mandarinato. Conseguiu unha vitoria decisiva sobre os nómades xiongnu, e moitas poboacións fronteirizas evolucionaron cara a unha adaptación ás formas chinesas que permitiu estender as rutas comerciais (sal, ferro, seda, cereais, etc) ata a Asia central e meridional. Con todo, as campañas militares obrigaron aos emperadores a endebedarse coa nobreza terratenente, cada vez máis poderosa. Diversas medidas monetarias e comerciais, como o monopolio estatal do ferro e do sal, destinadas a reunir cartos, non evitaron esta dependencia do trono. Tras unha breve usurpación do poder por parte de Wang Man (9-23 d C), fundador da dinastía Xin, Huang Wudi reinstaurou a estirpe dos Han, agora posteriores ou orientais e trasladou a capital a Luoyang, máis ao L. Estes emperadores abandonaron a política expansiva dos seus antecesores e o poderoso sistema defensivo do NO fendeu. A partir do s I apareceron novas tribos bárbaras procedentes do Tibet e de Mongolia. Nas provincias máis arredadas da capital, a autoridade imperial foi desaparecendo e xurdiu un sistema sociopolítico semellante ao feudal. Durante o s I, non obstante, aínda dirixiron expedicións cara a Asia central, ata Pamir, co fin de manter abertas as rutas comerciais. Estas campañas puxeron en contacto aos chineses co budismo, que penetrou devagar no Imperio, malia a oposición dos taoístas e grazas ao apoio que recibiu dos emperadores Han. A invención do papel e os avances en diversos campos do saber (alquimia, medicina e astronomía) completaron esta etapa de esplendor cultural. Cara ao ano 184 estalaron revoltas populares nas provincias occidentais, animadas polos taoístas, que querían substituír a administración imperial por outra de signo teocrático, revoltas que coincidiron con novos ataques dos bárbaros setentrionais. O emperador, sen recursos nin practicamente autoridade, entregou o poder efectivo aos xenerais e aos gobernadores provinciais, é dicir, ás grandes familias terratenentes. A unidade imperial quedou así aniquilada unha vez máis.
Dos tres reinos aos Tang
Tres reinos xurdiron sobre o antigo imperio dos Han: Wei (220-265), nas provincias do norte, Wu (222-280), no sueste e Shu (221-263), no sudoeste. O intento de unificación por parte da estirpe dos Xi Jin (procedentes do reino wei) arredor do 280 non prosperou debido ás invasións dos xiongnu, que penetraron desde o norte. Entre o 316 e o 581 abriuse o período chamado das “Seis dinastías”, cunha China bipolarizada entre o norte, ocupado por pobos bárbaros de orixe turco-mongol e turco-tungú ou tabghach, e o sur, onde se sucederon seis familias reais: Xi Jin (420), Song (420-479), Qi (479-502), Liang (502-577), Cheng (577-589) e Sui (581-618), encargada de recompoñer a unidade do Imperio. A dinastía Sui (581-618) estableceu a capital en Chang’an. Os Sui levaron a cabo un importante labor administrativo, de obras públicas e expansivo: restableceron o sistema administrativo centralizado dos Han, repararon a Gran Muralla, construíron un sistema de canais, que posteriormente daría lugar o Gran Canal entre o delta do Yanngzi ata Luoyang, e reasentaron o control chinés sobre o norte de Vietnam e sobre as tribos de Asia central. Pero, malia a prosperidade existente, as guerras contra os turcos e os coreanos desprestixiaron a dinastía Sui, e a partir do 615 estalaron diversas revoltas, ata que no 618 o emperador foi derrotado e substituído pola dinastía Tang, familia nobre de Shanxi que contou coa axuda turca.
A dinastía Tang (618-907)
Fundada por Li Yuan, a dinastía Tang supuxo unha época de apoxeo chinés, sobre as bases establecidas polos Sui, dos que continuaron as súas obras. Reestruturaron e ampliaron os órganos do goberno imperial e local, dentro dunha administración centralizada. O constante crecemento urbano e o desenvolvemento do baixo Iang-Tsé permitiron unha política expansionista contra Corea, Indochina e Asia central. A derrota dos nómades turcos e dos tibetanos abriu novamente o paso dos exércitos chineses ata Pamir, Afganistán e a India noroccidental. Os principados de Bukhara e de Samarcanda recoñeceron a soberanía chinesa. Mongolia e Manchuria pasaron a control chinés, pero Corea non foi ocupada ata o ano 660, malia que houbo diversas expedicións. Os estudios xeográficos melloraron as rutas comerciais continentais, e permitiron que se desenvolvera un importante comercio exterior con Asia central e occidente (rutas de caravanas), e unha incipiente economía monetaria. Unha das consecuencias principais deste movemento foi a intensificación das relacións co resto dos pobos, culturas e relixións asiáticas. Cómpre destacar sobre todo a difusión do nestorianismo, por obra da Igrexa siria oriental ou persa, que no s VII xa creara diversas sés episcopais e que continuou a súa expansión e florecemento ata ben entrado o s XIII. No ano 624 promulgouse unha nova lei agraria, que atribuía terras libres a campesiños xornaleiros, o que fixo medrar a produción agraria. O imposto per capita que pagaban os propietarios por cada parcela de terra era a fonte principal de ingresos do goberno, e o servizo militar periódico que se lles esixía era a base do poder militar. A presión impositiva, a repartición arbitraria de terras e as particións hereditarias provocaron o abandono de numerosas parcelas, o que fixo diminuír a recadación do tesouro e mermou a eficacia das forzas armadas. A partir da segunda metade do s VIII, a dinastía entrou en crise, interrompeu as relacións con Asia central e as rutas comerciais cortáronas as novas tribos estranxeiras, sobre todo tibetanas e birmanas. No 751, o exército chino foi derrotado polos árabes, e no 755, houbo de facer fronte á rebelión de An Lusan (gobernador da rexión de Pequín). A mediados do s IX, o control efectivo da dinastía limitábase á provincia de Shaanxi. O poder imperial foise debilitando nas diversas provincias e, tanto a antiga aristocracia de orixe bárbara, como os altos funcionarios substituíronse por outros chegados das clases inferiores. Isto provocou unha onda xenófoba, un retorno aos vellos costumes (neoconfucianismo) e a persecución do budismo e de cultos estranxeiros.
As cinco dinastías e os dez reinos
No ano 875, o xeneral Huang Zhao encabezou unha revolta popular, que finalmente aniquilou a unidade imperial no ano 907. Ao norte sucedéronse cinco dinastías e o sur dividiuse en dez reinos. Non obstante, o baixo Iang-Tsé mantivo o seu desenvolvemento e mesmo acadou unha gran prosperidade, como o demostran as riquísimas tumbas desta época. Tamén comezou o uso da imprenta e se perfeccionou a moeda fiduciaria. Pola contra, os bárbaros Kitan, instalados ao NL (reino Liao), ameazaron desde o ano 937 a toda China. Desde o punto de vista sociopolítico, esta etapa significou a liquidación da aristocracia terratenente de tradición militar, que foi o principal apoio da dinastía Tang. Por outra banda, independizáronse diversos territorios fronteirizos como Annam e Tonquín. O reino Kitan adoptou as formas chinesas e isto permitiulle asumir o control dunha boa parte das rutas comerciais con Asia Central, o que lle deu prestixio ata nas capitais europeas.
A dinastía Song (960-1279)
No ano 960 subiu ao trono imperial o primeiro monarca da dinastía Song, Zhao Kuangyin, procedente do reino Kaifeng. Os Song empregaron as súas forzas para ocupar o S, pero tiveron que manter constantemente un forte exército na fronteira setentrional, e mesmo pagar tributos para comprar a paz, unha vez rematada a reunificación. Isto fixo que os Song tivesen que apoiarse nas tropas mercenarias e na súa garda persoal. Durante os ss XI e XII sucedéronse os progresos técnicos (pólvora, uso dos tipos móbiles na imprenta, reloxos, etc), náuticos (áncoras, temón, barcos de gran tonelaxe, etc), monetarios (pezas de cobre, letras de cambio, etc) e agrícolas (introdución do algodón, melloras no cultivo do arroz, etc), que potenciaron a modernización da sociedade chinesa. O estado reforzou, sen embargo, os seus monopolios sobre o sal, o té, o alcohol, etc, o que obrigou a aumentar a burocracia e multiplicou os impostos comerciais, ata o punto de superar os agrarios. A expansión comercial e urbana afectou especialmente ao baixo Iang-Tsé, a Sichuan e ás costas suroccidentais, onde xurdiron grandes cidades, como Guanzhou ou Fuzhou. Cara ao ano 1124, os djurchets (tribos tungús) substituíron aos kitans e fundaron o imperio Jin, que ocupou case toda a China setentrional, ata o baixo Iang-Tsé. A corte chinesa, dividida entre conservadores e renovadores, quedou paralizada e isto fixo que en 1126 os Jins ocupasen a capital, Kaifeng, capturasen o emperador Song e levasen a Pequín un gran botín. A capital dos Song trasladouse en 1135 a Hangzhou, máis ao S, mentres que o xeneral Yefei conseguía diversas vitorias sobre os Jin, vitorias anuladas en gran parte pola persistencia das disputas cortesás, entre os partidarios de pactar cos Jins e os partidarios da guerra. Finalmente, no s XIII, a formación de grandes latifundios no baixo Iang-Tsé, que as medidas imperiais non lograron impedir, provocaron tensións sociais e revoltas agrarias que debilitaron aínda máis o poder dos Song. Tanto os Jin como os seus antecesores, os Kitan, combinaron os ataques de cabalería, propios dos pobos nómades, coas técnicas de sitio aprendidas dos chineses. Isto outorgoulles unha gran superioridade militar e facilitoulles a conquista das ricas chairas do S. Os Jin foron finalmente vencidos no ano 1215 polos mongois de Genguis Khan, que decontado atacaron China. Os Song do S resistiron aínda ata 1273, pero en 1276, os mongois completaron a súa ocupación do S do Imperio e da capital, Hangzhou. En 1300 sometérase todo o Imperio. O neto de Genguis Khan, Khublai, foi o iniciador da dinastía Yuan.
A China mongoloide (dinastía Yuan) (1280-1368)
Os emperadores mongois desta dinastía foron os primeiros monarcas de orixe non chinesa, aínda que as institucións chinesas os asimilaron cunha relativa facilidade, e continuaron a política de obras públicas e a comercial. A corte imperial instalouse en Pequín (1260), cidade que se converteu nun importante punto de encontro entre asiáticos, musulmáns e europeos (o máis coñecido, o comerciante xenovés Marco Polo, realizou varias viaxes ao Imperio Mongol). Os mongois melloraron as comunicacións, coa reconstrución do Gran Canal, e a implantación do sistema de correos mongol, e volveron abrir Asia central ao comercio chinés. No interior do Imperio, as cidades comerciais e artesás prosperaron, pero no campo producíronse fortes loitas sociais, a causa da expropiación de terras para os señores mongois, da inflación, e da presión impositiva. As décadas de 1330-1340 estiveron marcadas polas malas colleitas e a fame no norte de China, e por fortes inundacións do Huang. Os levantamentos populares sucedéronse en case todas as provincias; unha destas revoltas, a dos Turbantes Vermellos, aproveitouna un señor rural de Anhui, Zhu Yuanzhang, para proclamarse emperador e fundar a dinastía Ming (1368).
A dinastía Ming (1368-1644)
A dinastía Ming revitalizou a civilización chinesa durante tres séculos. A agricultura e o comercio evolucionaron favorablemente e retomouse a política de obras públicas. Elaboraron un catastro e dividiron o Imperio en quince provincias, cada unha supervisada por tres comisionados (un financeiro, un militar e un xudicial). O aumento poboacional e da administración provocou un aumento do número de funcionarios, e entraron a formar parte deste corpo administradores que non pertencían á aristocracia terratenente. Os Ming organizaron numerosas expedicións marítimas co fin de reavivar o comercio exterior: os portos de Indochina, Xapón, Xava e Sumatra, India, Malaisia, Ceilán, Adén, o golfo Pérsico e mesmo os de África oriental recibiron barcos chineses de gran tonelaxe, feito que demostrou a evolución e a perfección dos coñecementos náuticos chineses. A mediados do s XV, as ameazas dos mongois e dos piratas xaponeses obrigaron ao desgaste militar e económico da dinastía, que iniciou o seu declive. Desde o s XVI, a chegada de europeos foi constante. Os primeiros en chegar foron os portugueses (1521), que en 1557 adquiriron unha factoría comercial en Macau. En 1619, os holandeses asentáronse en Taiwán. Chegaron tamén os primeiros xesuítas, e con eles, a predicación do cristianismo, que non arraigou. Durante a segunda metade do s XVI os ataques dos mongois e dos xaponeses combináronse coas intrigas cortesás e a bancarrota do estado, que non podía soster os gastos militares e os da corte. Un aumento drástico dos impostos orixinou diversas revoltas no campo, que se uniron ao malestar dos sectores artesáns e urbanos en xeral, e do exército por mor das dificultades nos abastecementos e nos pagamentos. Cando os rebeldes chegaron a Pequín (1664), as tropas Ming atopábanse na Gran Muralla intentando frear a invasión dos manchús, que obtiveran recentemente o poder en Manchuria. Os Ming ofreceron unha forte resistencia ao S e en Formosa, onde se mantiveron grazas ao grupo do pirata Zheng Chenggong (ou Koxinga). As derradeiras tropas Ming foron vencidas definitivamente en Yunnan en 1661 e en 1683 os manchús ocuparon Formosa.
A derradeira dinastía chinesa

Os manchús instauraron unha nova dinastía, a Qing, que seguiu a organización política baseada nos Ming, aínda máis centralizada. Crearon o Gran Consello, máximo órgano administrativo, que se encargaba dos asuntos militares e políticos do estado, baixo a supervisión directa do emperador. O Emperador Kangxi (1662-1722) preocupouse polos aspectos culturais (fíxose célebre polo seu dicionario) e pola expansión chinesa por Asia central, onde tivo que vencer aos mongois de Junghariya, aliados e protectores dos lamas tibetanos, que pasaron tamén á soberanía manchú. Os exércitos chineses chegaron ao lago Balkhaš, ocuparon unha parte do Turkestán, Nepal, Birmania, Siam, Tonquín, Annam, Corea, etc, e declaráronse vasalos dos Qing. Cómpre mencionar o rápido crecemento demográfico. China pasou de 150 millóns de habitantes en 1600 a 300 millóns en 1709 e a 430 millóns en 1835. Isto xerou unha corrente migratoria que se estendeu polos territorios fronteirizos e por Indochina, Insulindia, Asia central e outras zonas asiáticas e mesmo americanas. Ata a segunda metade do s XVIII, o Imperio Qing foi próspero, estable e pacífico. Pero cara ao 1758 estalaron diversas revoltas de minorías étnicas e relixiosas, sobre todo de musulmáns, de campesiños e de sectas secretas, como o Lotus Branco. Ademais, houbo que enviar numerosas expedicións contra os vietnamitas, os birmanos, os nepaleses, etc, e os gastos militares e a corrupción na corte arruinaron unha vez máis o estado, que endureceu a súa tolerancia anterior. Non obstante , os manchús mantiveron unha estreita colaboración cos xesuítas desprazados a China. Estes contactos perfeccionaron os coñecementos lingüísticos, agrícolas, técnicos, astronómicos, xeográficos, médicos, etc. Os misioneiros acadaron altos cargos na corte imperial coas grandes potencias coloniais, especialmente de corte diplomático, e mesmo fabricaron canóns modernos que permitiron resistir a presión rusa ao N. A prohibición por parte da Santa Sé dos chamados ritos chineses fixo crebar esta colaboración. A comezos do s XIX, a explosión demográfica, que se detivo cara ao ano 1850, comprometeu o sistema de goberno centralizado dos manchús e interrompeu a etapa de prosperidade. A corrupción administrativa, a pesada lexislación, a presión social e a depreciación da moeda de prata chinesa fronte á de ouro europea, así como a crecente competencia naval, comercial, industrial e financeira das potencias occidentais, que comezaban a súa Revolución Industrial, acabou de dislocar o modelo económico vixente. A presión europea, sobre todo desde Macau, medrou unha vez rematadas as guerras napoleónicas; pero a tradición autárquica dos chineses, a obriga de tratar sempre con intermediarios locais e a limitación de portos abertos ao comercio foráneo trabaron a acción dos comerciantes occidentais. Só os rusos conseguiron algúns privilexios a partir de 1727. En 1839, o emperador decretou a prohibición do opio, obxecto principal, xunto co té e a seda, do comercio británico, o que deu lugar á primeira Guerra do Opio (1842-1842). Ao rematar o conflito, polo Tratado de Nanquín, China abriu cinco portos ao comercio inglés: Cantón, Amoy, Fuzhou, Ningpo e Xangai, cedeu Hong Kong a esta potencia e outorgou moitas facilidades comerciais e consulares, de xeito que os europeos habitaban en barrios non sometidos á xurisdición chinesa. Norteamericanos, franceses, belgas e suecos obtiveron tamén senllos tratados comerciais. A Segunda Guerra do Opio (1856-1858), pechada co Tratado de Tianjin, abriu once portos máis aos europeos e norteamericanos, e concedeulles novas facilidades diplomáticas e comerciais, así como a práctica libre do cristianismo. Mentres, os rusos ocuparon amplas zonas de Manchuria ata os ríos Amur e Ussuri, e impuxeron diversos tratados bilaterais, que os favoreceron. Os europeos introduciron tropas e barcos de guerra en China e obtiveron o control dalgunhas ramas administrativas, como a recadación dos dereitos das alfándegas. Un débil intento de resistencia en 1859 foi contestado coa ocupación de Pequín. Esta situación debilitou notablemente o prestixio e o poder do emperador. Cara ao ano 1850 comezaron a xurdir revoltas populares, expresión da crise política e social, do rexeitamento ás inxerencias estranxeiras e da presenza de grupos mafiosos nos portos e de sociedades secretas. Na China meridional e central estalou a rebelión dos Taiping (1850-1864), seita comunitaria cristiá-taoísta que propugnaba reformas antifeudais. Os rebeldes ocuparon Nanquín (1853) e estableceron un réxime igualitario, unha reforma agraria moi radical e diversas medidas de modernización, pero foron derrotados en 1864. Outras revoltas internas estalaron á vez, e se o Imperio non se afundiu naquel momento foi grazas á desunión de todas estas forzas disgregadoras e ao apoio dos occidentais (fundamentalmente británicos e norteamericanos). Estes proporcionaron material militar, instrutores e apoio loxístico para salvar a dinastía que tanto os favorecera. A finais do s XIX a dinastía Qing non tiña xa practicamente poder efectivo. En 1894, os xaponeses presionaron sobre Corea e a guerra estalou (1894-1895). A campaña foi desastrosa para os chineses que perderon Corea, Port Arthur e unha parte de Manchuria. Polo Tratado de Shimonoseki (1895) cedeu outros territorios a Xapón, como por exemplo Formosa, fíxolle concesións mercantís e pagoulle unha indemnización. China converteuse nunha sorte de colonia (os rusos e os xaponeses ao N, os alemáns en Shandong, os ingleses no val do Iang-Tsé, os franceses ao SO, etc). Todas estas potencias dispoñían de bases militares que lles permitían obter outras concesións; concedéuselle a Rusia o dereito á construción do Transiberiano, así como os dereitos económicos de Manchuria. Outros dereitos de exclusividade para a construción de ferrocarrís e a explotación de minas déronselles a Alemaña, Francia, Gran Bretaña e Xapón. No s XIX, a estrutura social e política chinesa non variara en relación co século anterior. As clases populares dependían simultaneamente dos terratenentes e dos funcionarios que, por outro lado, monopolizaban o poder económico e cultural. A miseria era habitual entre as clases baixas e as guerras civís e as catástrofes naturais decimaron a poboación ata o punto de deter a explosión demográfica anterior. Cara a 1898, un grupo de reformadores ilustrados intentou un plan de reformas destinado a converter China nunha monarquía constitucional e modernizar a súa economía e o sistema educativo. Conservadores e moderados opuxéronse decididamente a estas medidas e, por outra banda, os movementos populares non conectaron con estes núcleos reformistas, que tampouco fixeron nada para ampliar a súa base política. Ao cabo de tres meses, os chamados “cen días”, o exército anulou este esforzo modernizador co desterro dos inspiradores e co restablecemento da situación anterior. A crecente penetración das potencias occidentais e do Xapón, todas en plena expansión colonial, motivou que as sociedades secretas e os movementos populares adquirisen un aire xenófobo e o convencemento de que constituían a única saída posible para China. A reacción máis violenta estivo a cargo da sociedade secreta dos chamados bóxers. Estes, aliados coa corte imperial, foron derrotados polos occidentais (1900), que un ano máis tarde impuxeron un protocolo que determinaba durísimas sancións pecuniarias e que acabou por abrir o país aos capitais europeos e xaponeses. O goberno chinés retomou entón o programa reformista de 1898 e esforzouse en modernizar a administración, a educación media e superior, o exército, a mariña, as relacións exteriores, etc. En 1907, iniciouse unha reforma constitucional ao estilo xaponés, con asembleas provinciais e outra nacional con carácter consultivo, reforma que se aprazou a causa da morte do emperador. Non obstante , os cambios non convenceron aos modernistas radicais, que optaron pola vía republicana e revolucionaria, nin aos movementos tradicionalistas, que acusaban de debilidade á dinastía manchú. No ano 1905, xaponeses e rusos combateron en territorio chinés na Guerra Ruso-Xaponesa e os primeiros anexionaron, como consecuencia da súa vitoria, a Manchuria meridional. Unha nova agresión occidental, a negativa dos EE UU a admitir máis inmigrantes chineses, tamén en 1905, non foi nin sequera protestada oficialmente. Os republicanos animaron diversas coalicións con sociedades secretas e con outros grupos modernistas, todos inimigos da dinastía manchú. A coalición Tongmenhui, antecedente do Guomindang (Partido Nacionalista), estableceu un programa unitario: soberanía popular, derrocamento da dinastía imperial e proclamación da república, reforma agraria e benestar do pobo. O Tongmenhui desprazou a influencia das monarquías reformistas, moi activas desde Xapón e influentes en sectores como o exército e as escolas. As sociedades secretas estenderon a idea republicana entre as clases populares. Este movemento, certamente confuso e pouco organizado, promoveu diversas revoltas entre 1905 e 1911.
A República de China
O movemento revolucionario previo á instauración da República iniciouse en 1911, liderado por Sun Yatsen. A rebelión triunfou en Wuqang e estendeuse por todo o país, favorecida polo clima de animadversión á dinastía manchú, servil ante os intereses foráneos. En xaneiro de 1912, diversos delegados das provincias rebeldes reuníronse en Nanquín, proclamaron a fundación da República de China e elixiron a Sun Yatsen como presidente do goberno provisional. Os sectores conservadores frearon o proceso liberal-democrático agrupados baixo a figura do xeneral Yuan Shikai, que foi nomeado presidente (1912). Yuan Shikai encabezou un goberno ditatorial, procedeu á disolución do Parlamento, derrogou a Constitución, e ilegalizou o Guomindang. Trala morte de Yuan (1916) iniciouse unha etapa coñecida como dos “señores da guerra”, caracterizada pola atomización do poder, en mans dos señores feudais e dos gobernadores provinciais. China mantívose nun estado de guerra civil latente, cun goberno central manipulado polas potencias imperialistas occidentais e Xapón, que intentaron durante a Primeira Guerra Mundial manter posicións de supremacía sobre o territorio chinés. Trala fin do conflito e o desacordo de China respecto do Tratado de Versailles (os países capitalistas recoñecían a Xapón o dereito de suceder a Alemaña nos antigos privilexios en Shandong), tivo lugar o movemento do “Catro de Maio”, iniciado como unha axitación estudantil contra o nepotismo e os valores tradicionais da sociedade china. Despois do movemento, os intelectuais uníronse cos obreiros e, animados pola Revolución Rusa de 1917, fundaron periódicos en todo o país co fin de divulgar o marxismo-leninismo entre os traballadores. Un congreso celebrado en Xangai en xuño de 1921 fundou formalmente o Partido Comunista de China (PCCH), que pasou a dirixir a Revolución Chinesa, e contou con Mao Zedong como membro fundador. O partido comunista decidiu a formación dunha fronte unida revolucionaria, e estableceu unha base de cooperación co Guomindang. Isto permitiulle a organización dunha expedición militar conxunta contra os “señores da guerra” do NL. Trala morte de Sun (1925), a tarefa revolucionaria compartírona dúas forzas que pronto entraron en conflito: o PCCH, dirixido por Mao, e o Guomindang, liderado por Chiang Kai-shek. Entre 1927 e 1937, o Guomindang constituíu un goberno provisional en Nanquín e lanzouse á reunificación do país coa aproximación aos sectores máis conservadores e ás potencias neocolonialistas. Os comunistas reagrupáronse na zona central de China e iniciaron unha campaña de propaganda no medio rural, impaciente polas reformas agrarias. Organizaron unha rede de soviets locais e en 1931 proclamaron unha República Soviética China no sueste do país. Ao ser atacados polas forzas do Guomindang iniciaron a coñecida como “Longa Marcha” (1934-1935) de 10.000 km, cara á rexión setentrional-central de Yen’an. A invasión de Manchuria (1932) polos xaponeses, onde organizaron o estado de Manchukuo, forzou a conclusión das loitas internas de modo que en 1937 se formou unha alianza entre o Guomindang e os comunistas, que perdurou ata a derrota xaponesa na Segunda Guerra Mundial; sen embargo, en 1946 reanudouse a guerra civil. A mobilización do campesiñado, incorporado ao Exército Vermello, a crise interna do réxime nacionalista e a figura de Mao, convertido no máis fiel continuador de Sun Yatsen, deron como resultado o triunfo dos comunistas, que proclamaron en Pequín a República Popular China (1 de outubro de 1949) e a derrota do Guomindang, que se refuxiou na illa de Formosa, con Chiang Kai-shek á cabeza.
A República Popular de 1949 a 1976
O 1 de outubro de 1949 Mao proclamou a República Popular de China. A primeira etapa (1949-1953) caracterizouse polo intento de integración nacional e de construción do socialismo a través da nacionalización de empresas, os inicios da reforma agraria e reformas sociais. Desde 1952, lanzouse a campaña das “3 antis”: corrupción, despilfarro e burocratismo, seguida da das “5 antis”, contra o suborno, a sabotaxe, a fraude fiscal, o roubo de bens estatais e a obtención fraudulenta de bens do estado. A segunda etapa (1953-1965), abriuse cunha nova Constitución (1954) e a elección de Mao como presidente da República (1954-1959). Levouse adiante o proceso de reconstrución económica, a través de plans quinquenais, que tiñan por obxecto estatalizar a industria e colectivizar a agricultura. O primeiro, entre 1953 e 1957, potenciou fundamentalmente a industria pesada, en detrimento do sector agrícola, organizado en cooperativas agrarias, que ocupaban a máis do 90% dos campesiños. O segundo, desde 1958, intentou incrementar a produción agrícola, restrinxir o consumo e acelerar a industrialización. Este plan de crecemento coñeceuse co nome de “Gran Salto Adiante”, e tiña como peza fundamental as comunas populares, sistema autárquico no que conviviron nove de cada dez campesiños chineses. A mediados dos cincuenta, a oposición ao sistema fíxose evidente na Campaña das Cen Flores (1956), na que se criticou a concentración do poder político por parte do partido e se cuestionou o modelo económico de crecemento. En 1959, Liu Shaoqi substituíu a Mao na presidencia da República, e, ese mesmo ano, rompéronse definitivamente as relacións coa Unión Soviética, que lle retirou o seu apoio técnico e militar. A última etapa (1965-1976) estivo marcada pola Revolución Cultural, e polo enfrontamento entre Mao e os revisionistas. Desde os anos setenta comezou un novo proceso de reconstrución nacional no eido económico, con especial atención á agricultura, o que permitiu aos campesiños o acceso ás terras. En política exterior, intentou recuperar os territorios que consideraba dentro das fronteiras históricas de China. Así, anexionou o Tibet (1951), interveu en Nepal (1960), e entrou en guerra coa India (1962). Apoiou o socialismo no oriente asiático, en Corea do Norte (conflito 1950-1953) e Vietnam (1947-1954). Trala ruptura coa URSS, uniuse ao movemento dos Non Aliñados, e tomou parte na Conferencia de Bandung (1955), e na Conferencia de Alxer (1965). Desde os anos setenta, mellorou as súas relacións co mundo occidental, o que se reflectiu na súa admisión na ONU, en 1971, e na firma de acordos comerciais con países capitalistas.
China despois de Mao Zedong

Trala morte de Mao e a eliminación política da “banda dos catro”, xefes da extrema esquerda, a vida política china seguiu centrada na loita entre dúas liñas, a maoísta e a reformista, polo control do partido. O novo equipo dirixente, liderado por Hua Guofeng, lanzou a campaña das catro modernizacións: agricultura, industria, defensa e tecnoloxía, e preconizou a apertura ao exterior, tanto económica como cultural. En 1977, foron rehabilitados algúns dos dirixentes víctimas da Revolución Cultural, entre eles Deng Xiaoping, que se converteu en elemento clave da nova orientación. Deng intentou compaxinar a liberalización da economía e o respecto aos Catro Principios: vía socialista, ditadura do proletariado, liderado do PC e marxismo-leninismo, é dicir, liberalismo económico e rixidez político-ideolóxica; esta combinación creou constantes tensións entre os neoconservadores e os demócratas. O culto á personalidade perdeu protagonismo na vida pública, ao instaurarse a dirección colectiva e unha serie de organismos de control do partido: un comité central con poder executivo, unha comisión central de conselleiros e unha comisión de inspección. En decembro de 1982 aprobouse unha nova Constitución, na que se restablecía a figura do presidente da República (cargo abolido en 1975), e se separaban as funcións do partido das do estado, o que lle daba unha especial preponderancia á asemblea popular nacional. A política practicada por Deng xerou un rápido crecemento económico, pero tamén fortes tensións sociais, orixinadas polos desequilibrios entre as masas urbanas e entre o campo e a cidade. Nos anos oitenta sucedéronse as protestas populares polos efectos negativos da reforma económica, a corrupción política e a demanda dunha maior democratización. As manifestacións de maio-xuño de 1989, precedidas polas de 1979 e 1986, adquiriron un carácter emblemático ao coincidir co setenta aniversario do primeiro movemento democrático en China (maio de 1919) e coa visita a China de Mikhail Gorbačov. Á manifestación estudiantil, uníronse outros sectores sociais (obreiros, funcionarios, etc), que se concentraron na praza de Tian’namen (Pequín), onde foron violentamente disoltos polas forzas do exército, que realizaron numerosas detencións e causaron gran número de víctimas mortais. Nos anos seguintes, paralelamente ao extraordinario crecemento económico, agraváronse os conflitos internos, entre os que destacaron o da corrupción do funcionariado, a disidencia política, os conflitos laborais, e os desafíos nacionalistas ao rexime, especialmente entre os tibetanos e os uigures. En 1993, o secretario xeral do PCCH, Jiang Zemin, foi designado presidente do estado, cargo que renovou en 1998. Convertido no novo home forte do réxime, mantivo a continuidade coa liña iniciada por Deng, morto en 1997. En 1999, levouse a cabo unha reforma da constitución a través da que se recoñeceu a propiedade privada como base do desenvolvemento do país. En política exterior, en 1991 rematou o conflito bélico intermitente que, desde 1979, enfrontaba a China e Vietnam por territorios fronteirizos e pola súa influencia en Camboxa. En 1991 chegou a un acordo sobre fronteiras coa Federación Rusa. Durante os anos noventa, China manifestou unha vocación hexemónica no Extremo Oriente. Reiterou abertamente a súa vontade de anexión a Taiwán e en 1995, ocupou unilateralmente uns illotes no mar de China, que eran fonte de litixio internacional. Ademais, levou a cabo diversos ensaios nucleares, fronte ás protestas da comunidade internacional. En 1997, en cumprimento dos acordos tomados co Reino Unido en 1984, Hong Kong foi reintegrada a China. En 1997, firmou un acordo con Taiwán para reabrir as rutas marítimas directas, interrompidas desde 1949. En 1999 a colonia portuguesa de Macau incorporouse á soberanía chinesa. As relacións co mundo occidental, especialmente cos EE UU, manteñen un dobre xogo: se ben xeralmente estes estados condenan o réxime chinés e a violación dos dereitos humanos, a condición de China como mercado mundial emerxente e praza inversora de primeira orde, debilita e amortigua as presións internacionais favorables á introdución de medidas democratizadoras.