Chipre
Estado insular do Mediterráneo oriental, situado a uns 100 km ao S da península de Anatolia. Estendida entre os 34° e os 36° de latitude N e os 32° e 34° de lonxitude L, abrangue unha superficie de 9.251 km2 nos que acolle unha poboación de 771.000 h (estim 1998). A capital é Nicosia. Trala súa independencia (16.8.1960) a illa acolleu un único estado; sen embargo, as tensións entre as comunidades grega e turca levaron á ocupación da parte setentrional polo exército turco (15.7.1974) e a proclamación do Estado Federado Turcochipriota (13.2.1975), que logo se converteu en República Turca de Chipre Setentrional (15.11.1983), que só está recoñecida por Turquía.
Xeografía física
Terceira en extensión das illas do Mediterráneo, Chipre está constituída basicamente por dúas cordilleiras que a atravesan en dirección L-O, separadas pola gran chaira central de Mesaria. A cadea montañosa do N, chamada cordilleira de Kirencia ou Pendadakhtilos, ten unha lonxitude duns 129 km e se prolonga ata a península do Karpathos e o cabo de Hagios Andreas. A chaira central esténdese desde o golfo de Morfú ata o de Famagusta e, practicamente falta de vexetación natural, constitúe o celeiro de Chipre. No SO a outra cordilleira, o macizo de Tróodos, cuberto de abondosa vexetación, ten algúns cumes importantes, entre os que destaca o Olimpos, que se eleva ata aos 2.100 m. As costas son rochosas e abruptas, sobre todo o N, onde as montañas de Kireneia caen en picado sobre o mar, pero tamén son numerosas as praias e as fondas baías. O clima da illa é mediterráneo, con predominio do tempo seco e cuns cambios de estacións moi marcados: os veráns son calorosos e soleados, cunha temperatura media de 29°C en Mesaria e 22°C no macizo de Tróodos, e unhas máximas de 36°C e 28°C, respectivamente. Os invernos adoitan ser suaves, posto que Chipre se atopa baixo a influencia de depresións lixeiras, que atravesan o Mediterráneo entre o anticiclón continental de Eurasia e a zona de baixas presións do N de África. As temperaturas oscilan entre os 10°C de Mesaria e os 4°C de Tróodos. As precipitacións rexistran unha media duns 500 mm anuais e, excepto no macizo de Tróodos, son inexistentes as nevadas. A rede hidrográfica é practicamente nula: o Pedieos e o Idalias, que desaugan no golfo de Famagusta, e o Kurris, que o fai en Episkopí, son en realidade torrentes que teñen un curso normal só nos meses de inverno. A vexetación e a fauna son as típicas do ámbito mediterráneo do Vello Mundo.
Xeografía económica
Economía
O PIB do conxunto do país acadou en 1995 os 8.607 millóns de dólares. O PIB por habitante era nese ano de 13.410 dólares. O desemprego situábase en 1996 nunha taxa do 3,3% (o 6,5% no N turcochipriota). A partir de 1980 a recuperación económica da zona meridional foi notable: o PIB medrou o 4,2% de media durante o trienio 1982-1984, mentres que permanecía estancado na zona setentrional, boicoteada internacionalmente, sobre todo desde a declaración unilateral de independencia en 1983. En 1997 a diferenza no crecemento das dúas entidades mantíñase: mentres o conxunto do país medraba un 3,5%, na zona turca só o facía nun 0,5%. A débeda externa do conxunto do país cífrase en 1.800 millóns de dólares (1996). A inflación anual tamén reflicte os contrastes entre o S e o N. Mentres na zona grecochipriota o custo da vida se incrementou no 1997 nun 3,1%, na zona turca o incremento dos prezos chegou ao 87,5%. Chipre atópase na zona da libra esterlina e ten como moeda a libra chipriota. Na zona ocupada está vixente a lira turca.
Recursos e sectores de actividade
O sector primario ocupa ao 10% da poboación activa e achega o 4% do PNB. A agricultura ten que loitar contra a falta de auga, debido a que os cursos de auga son de carácter torrencial, as rochas porosas e as chuvias estacionais. A pesar de todo, o 47% da superficie do país está ocupada polos cultivos. A división da illa en 1974 deixou no N, turcochipriota, a maior parte das explotacións de cereais, cítricos, ervellas bravas e tabaco. O S e o centro, que tiña que manter a máis de 150.000 grecochipriotas refuxiados, diversificou e modernizou a economía. No N a porcentaxe de poboación ocupada no sector agropecuario chega ao 23% e a súa participación no PIB ao 11% (1996). Os cultivos alimentarios principais son o trigo, a cebada, a avea, os legumes, as hortalizas (tomates, cebolas, cenorias) e a froita non cítrica (mazás, peras, pexegos, ameixas e bananas). Tamén é característico o cultivo das ervellas bravas. As patacas temperás, cultivadas ao SL e ao NL, acadan unha produción anual de 228.000 toneladas (1997) e supoñen a principal exportación agraria (o 5% das vendas totais de Chipre), xunto cos cítricos, sobre todo laranxas, pomelos e limóns. O segundo cultivo máis estendido son as améndoas, cunha produción de 134.000 toneladas anuais, e o terceiro é a cebada, con 128.000 toneladas. Nas vertentes das montañas predomina a viña, que orixina a exportación de viño e pasas (recóllense 97.000 toneladas de uva en cada vendima). Outros cultivos importantes son a oliveira, o tabaco e o algodón. Hai gando ovino (250.000 cabezas en 1997) e caprino (220.000 cabezas) nas partes altas, onde o traballo agrario aínda se fai con asnos (5.000 cabezas) e mulos (2.000 cabezas). Pero o principal armentío gandeiro constitúeo o porcino, con 379.000 cabezas. A pesca tradicional de esponxas vai desaparecendo, substituída pola de peixe; no ano 1996 capturáronse 2.639 toneladas. Do subsolo extráense piritas de ferro e de cobre, sobre todo en Mavrovuní, mineral que se elabora en Xerós e do que se obtén concentrado de cobre. Hai asbesto en Ano Amíandos e cromita en Skuritissa, ademais de gres, bentonita e sal. A minería, que representaba ata 1973 preto dos dous tercios das exportacións, quedou desarticulada, de xeito que se abandonou a exportación de concentrados de cobre. A principal produción mineira é o mármore, do que se extraen 21.000 m3 anuais (1996). A industria é principalmente de transformación dos produtos locais: alimentaria, téxtil, de tabaco, de cemento e tamén de produtos químicos, non obstante desenvolveuse considerablemente, excepto na zona N, a pesar de que a electricidade procede exclusivamente do petróleo importado. Tamén se desenvolveron notablemente as industrias relacionadas coa construción (cemento, ladrillos, mosaicos) estimuladas polas destrucións de 1974 e, sobre todo, polas necesidades de vivendas para os refuxiados e de novos equipamentos turísticos. En conxunto, o sector secundario ocupa o 23% dos traballadores (a mesma porcentaxe na zona turcochipriota) e proporciona o 20% do PIB (o 18% no territorio da República Turca de Chipre Setentrional). O sector servicios, centrado fundamentalmente na mariña mercante e na atención ao turismo, xera o 67% dos empregos e fornece o 76% do PIB do conxunto da illa, cifras que no sector ocupado polos turcos diminúen ao 54% e 71% respectivamente. O turismo é un sector bastante dinámico, favorecido pola súa situación na zona subtropical mediterránea: en 1996 recibiu 1.950.000 turistas que ingresaron 1.670 millóns de dólares.
Transportes e comunicacións
A rede de estradas comprende 10.654 km, dos que 5.385 km están asfaltados. Despois da invasión turca, que motivou a paralización do trazado da autoestrada Morfú-Nicosia, un 40% das estradas principais quedou na zona turca, como a autoestrada Nicosia-Limassol, con tráfico intenso. Os portos principais son o de Famagusta (zona turca), Limassol e Larnaca, pero a clausura do de Famagusta ao tráfico internacional levou ao de Limassol ao primeiro lugar. A mariña mercante é a nota máis destacada da economía chipriota: o país posúe unha flota de 1.674 buques (1995) cun total de 9.196 millóns de toneladas de rexistro bruto e cunha flota importante de petroleiros. En canto ás comunicacións aéreas, o aeroporto de Larnaca está aberto ao tránsito internacional. Na zona turca, o aeroporto de Ercan, que substituíu o internacional de Nicosia, xa clausurado, ten un movemento máis restrinxido.
Comercio exterior
O comercio exterior presenta unha balanza comercial claramente deficitaria. O S importa petróleo bruto e refinado, fiados e tecidos, e manufacturas variadas, sobre todo do Reino Unido, Francia, Italia e o norte de Turquía. O N dirixe as exportacións, principalmente cítricos, ao Reino Unido. O S exporta artigos de vestido e calzado, patacas e abastecementos para barcos e avións ao Reino Unido, Líbano e Libia principalmente. O turismo é unha fonte importante de recursos e mitiga en parte o déficit da balanza comercial que rematan de pagar as dúas bases militares británicas do sur e as remesas dos chipriotas emigrados. Na zona setentrional a balanza comercial presenta un déficit de 284 millóns de dólares (1996).
Xeografía humana
Demografía
O crecemento demográfico verificouse no período 1992-1997 a un ritmo medio do 1,7%. O crecemento natural acadou en 1996 unha taxa do 6,4‰, resultado dunha relativamente elevada taxa de natalidade (13,1‰) e unha baixa taxa de mortalidade (6,7‰), favorecidas sobre todo pola mocidade da poboación. A esperanza de vida ao nacer é de 75 anos para os homes e 80 anos para as mulleres.
Poboamento
A porcentaxe de poboación urbana acada o 54,1%. As áreas máis poboadas corresponden á capital e ás cidades máis importantes, que son portos de mar. Nicosia, capital do país, atópase dividida en dous sectores: o grecochipriota (Lefkōsía) acolle 196.000 h (1996), mentres que o turcochipriota (Lefko ṣ a) ten 42.767 h (1996). Na xerarquía urbana séguenlle Larnaca e Limassol (as dúas na zona grega), Famagusta e Kyreneia (na zona turca), e Pafos (grega).
Sociedade e goberno
Diversidade étnica e cultural
A poboación da illa está formada por unha ampla maioría grega (78%) e por unha minoría turca (18%). A intervención turca de 1974 provocou o desprazamento duns 200.000 gregos que permanecen en situación de refuxiados na zona grega da illa. Despois desta intervención produciuse un reasentamento da poboación que levou a maioría dos gregos (99,5%) a establecerse na área controlada polo goberno grecochipriota e a maioría dos turcos (98,7%) a asentarse na área turcochipriota. Así mesmo, a situación política xurdida trala proclamación da República Turca de Chipre Setentrional (1983), obrigou ao goberno turco a trasladar a numerosos colonos procedentes de Asia Menor á área turcochipriota, aos que se suman 30.000 militares turcos. Cos elementos gregos e turcos conviven en Chipre outras minorías (sobre todo maronitas, armenios e descendentes dos británicos), que constitúen o 4% da poboación e residen maioritariamente (99,2%) na área grecochipriota. Así mesmo, existe unha importante diáspora chipriota, que se concentra nas principais zonas industriais de Europa e dos EE UU. A Constitución de 1960 recoñece a liberdade relixiosa; sen embargo, a mesma división étnica reflíctese na influencia das diferentes crenzas relixiosas. A relixión máis estendida é a cristiá ortodoxa (78%), practicada maioritariamente pola comunidade grega, seguida pola musulmana-sunita (18%), maioritaria na comunidade turca. O resto da poboación practica outras relixións minoritarias, como a maronita, a armenia (na que coexisten os cultos católico e monofisita) e a anglicana, sobre todo entre os británicos e os seus descendentes. As linguas oficiais do estado son o grego e o turco, mentres que o inglés, lingua oficial durante o dominio británico, úsase como segunda lingua. Así mesmo, as comunidades maronita e armenia falan as súas propias linguas.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano en 1998 situaba a Chipre entre os países cun desenvolvemento humano alto (ocupa o 22º posto cun índice do 0,886). Este Indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 81 anos; o índice de alfabetización de adultos é do 96,6% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 72%; e o PIB real por habitante (PPA) é de 17.482 $ USA.
Goberno e política
Independente do Reino Unido dende 1960, Chipre é unha República rexida pola Constitución do 16 de agosto de 1960, na que se lles recoñecían os mesmos dereitos tanto á comunidade grega como á turca. Os gobernos do Reino Unido, Grecia e Turquía, comprometéronse formalmente a protexer a independencia e a unidade territorial e a garantir o cumprimento da Constitución. Non obstante , como consecuencia das tensións provocadas a raíz da decisión de Makarios III, que en 1963 pretendeu reformar a Constitución para evitar a duplicidade administrativa que garantía a igualdade de dereitos da minoría turca da illa (feito que provocou que a minoría turca se retirase do goberno nacional e establecese as súas propias autoridades), agravadas a partir da instauración da Ditadura dos Coroneis en Grecia (1967), Turquía ocupou o norte da illa (20.7.1974) e favoreceu a proclamación do Estado Federado Turcochipriota (13.2.1974), logo convertido en República Turca de Chipre Setentrional, que se dotou dunha Constitución (5.5.1985). Co obxecto de resolver o conflito entre as dúas comunidades estableceuse un diálogo, auspiciado polo secretario xeral da ONU, Kofi Annan, entre os gobernos grecochipriota (que co apoio da UE e da ONU se declarou a prol dunha federación bicomunal e bizonal dotada dunha soberanía e un carácter internacional únicos) e turcochipriota, que mantiña unha postura confederada; pero no 2000 as conversas quedaron conxeladas. O único estado recoñecido internacionalmente é a República de Chipre e os seus poderes executivo, lexislativo e xudicial réxense pola Constitución de 1960. O poder executivo está formado polo presidente da República, que debe pertencer á comunidade grega, e o vicepresidente, que procede da minoría turca, e son elixidos por sufraxio universal para un período de cinco anos. Non obstante , dende o abandono do goberno pola minoría turca en 1963 en resposta á decisión de Makarios III de reformar a Constitución, o cargo de vicepresidente está vacante. Ademais, forman parte do poder executivo o Consello de Ministros da área grega e o Consello de Ministros da área turca, formalmente suspendido dende 1963, en ambos os dous casos designados polo presidente da República en ausencia do vicepresidente, que concorría nesa decisión. Dende o 13 de febreiro de 1975, Rauf R. Denktash actúa como “presidente” da área turcochipriota na que comparte o poder executivo cun primeiro ministro elixido por sufraxio universal para un período de cinco anos. O poder lexislativo correspóndelle á Vouli Antiprosópon/Temsilciler Meclisi (Cámara de Representantes), formada por 80 membros elixidos por sufraxio universal para un período de cinco anos, segundo a seguinte composición: 56 membros elixidos entre a comunidade grega; e 24 membros elixidos entre a comunidade turca, que permanece vacante dende 1964. Non obstante , dende a división da illa, a Cámara de Representantes componse dos 56 membros da comunidade grega, e de 3 membros elixidos en representación das minorías relixiosas (maronita, católica e armenia). Na área turcochipriota o poder lexislativo reside no Temsilciler Meclisi (Cámara de Representantes), composto por 50 membros elixidos por sufraxio universal para un período de cinco anos. O sistema xudicial baséase no dereito común británico con modificacións provenientes do dereito civil. O órgano xudicial superior é a Corte Suprema, que mantén a duplicidade de áreas. A pena de morte está abolida dende 1999. Aínda que a paz é fráxil na illa, os dereitos políticos e as liberdades civís están garantidas na República de Chipre; sen embargo, na República Turca de Chipre Setentrional non existen esas mesmas garantías. Así mesmo, as autoridades militares pro-turcas cometeron dende 1974 numerosas violacións dos dereitos humanos sobre a minoría grega e maronita. Ratificou ou adheriuse aos seguintes tratados: Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos (PIDCP); Protocolo Facultativo do PIDCP; Segundo Protocolo Facultativo do PIDCP relativo á abolición da pena de morte; Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais; Convención contra a Tortura e outros Tratos ou Penas Crueis, Inhumanas ou Degradantes, realizando as declaracións previstas no artigo 22, polo que se recoñece a competencia do Comité contra a Tortura para recibir e examinar denuncias individuais de violacións do Convenio; Convención sobre o Estatuto dos Refuxiados (1951); Protocolo sobre o Estatuto dos Refuxiados (1967); Convención sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación contra a Muller; Convenio Europeo para a Protección dos Dereitos Humanos e das Liberdades Fundamentais (1950), realizando as declaracións previstas no artigo 25 (polo que se recoñece a competencia da Comisión Europea de Dereitos Humanos para examinar denuncias individuais de violacións do Convenio) e no 46 (polo que se recoñece a obrigatoriedade da xurisdición do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos para todos os asuntos relativos á interpretación e aplicación do Convenio); Convenio Europeo para a Prevención da Tortura e das Penas ou Tratos, Inhumanos ou Degradantes (1987). En Chipre non existen partidos políticos que teñan representación política en ambas as dúas áreas. Os partidos políticos máis importantes na área grecochipriota son: Dimokratikos Sinagermos (DISY, Coalición Democrática), conservadora, na que está incluído o Komma Fileleftheron (KF, Partido Liberal), liberal, que xunto co Dimokratikon Komma (DIKO, Partido Democrático), liberal, forman o goberno da República de Chipre. O principal partido da oposición e o segundo partido na Cámara de Representantes é o Anorthotikon Komma Ergazemenou Laou (AKEL, Partido Progresista do Pobo Traballador), comunista. Outros partidos minoritarios do arco parlamentario son o socialdemócrata Socialistiko Komma Kyprou-EDEK (EDEK, Partido Socialista de Chipre) e o liberal Kinima ton Eleftheron Dimokratikon (KED, Movemento dos Demócratas Libres). Na área turcochipriota cómpre salientar o conservador Ulusal Birlik Partisi (UBP, Partido da Unidade Nacional) e o centrista Demokrat Partisi (Partido Democrático), que xuntos forman o goberno da República Turca de Chipre Setentrional e constitúen a maioría absoluta na Cámara de Representantes, e o socialista Cumhuriyetçi Türk Partisi (CTP, Partido Republicano Turco), historicamente na oposición. Dende as hostilidades de 1974 a illa está dividida en dúas áreas autónomas, a área grecochipriota, controlada polo goberno recoñecido internacionalmente, que ocupa o 59% da illa, e a área turcochipriota (37% da illa), separadas ambas por un espazo amortecedor baixo control da ONU (4% da illa). Non obstante , o goberno grecochipriota só recoñece seis distritos (Famagusta, Kyrenia, Larnaca, Limassol, Nicosia e Paphos), dos que Kyrenia está integramente na área turcochipriota, que tamén comprende a maior parte do distrito de Famagusta e pequenas porcións dos distritos de Nicosia e Larnaca. A capital, Nicosia, atópase igualmente dividida en dúas zonas, os seus límites están controlados por forzas da ONU. Existen ademais dúas bases aéreas baixo a soberanía do Reino Unido na área baixo control grecochipriota (Akrotiri e Dhekelia). A República Turca proclamada na área turcochipriota non está recoñecida internacionalmente e forma parte legal da República de Chipre, que é membro dos seguintes organismos internacionais: Commonwealth, Consello de Europa, ONU e Organización para a Seguridade e a Cooperación en Europa (OSDE); dende 1997 é candidata oficial á integración na UE.
Historia
Primeiros poboadores e período colonial antigo
Os primeiros indicios de poboamentos humanos, no Neolítico, apareceron no VIII milenio a C, nos lugares de Khirokitia, Limniti ou en Kalavasos-Tenta. Este período acerámico rematou abruptamente arredor do 6000 a C por causas descoñecidas, pero cara ao 4500 a C, apareceu unha nova cultura que semella importada da área de Palestina. O calcolítico, que comezou ao redor do 3500 a C como unha continuación da cultura local, logo da destrución orixinada por un terremoto no 3800 a C, caracterizouse polo aumento da poboación e o comezo da explotación do cobre. Coa chegada de poboción procedente de Anatolia, que marcou o comezo da Idade do Bronce, produciuse unha mellora na explotación e no traballo do cobre na illa. Durante o Bronce Antigo (2500/2300-2000 a C), aumentou a densidade de poboación ao redor das zonas mineiras. O Bronce Medio (2000-1600 a C) definiuse polo desenvolvemento de relacións comerciais pacíficas, que ao final dese período estiveron marcadas pola tensión e as loitas dos hyksos no Mediterráneo oriental. No Bronce Final (1600-1100 a C) as cidades medraron, grazas a un contexto pacífico e á prosperidade orixinada polo comercio. Cara ao 1250 a C producíronse unha serie de invasións que devastaron a illa e remataron coa chegada de grupos de gregos micénicos no 1200 a C. Estes introduciron unha nova cultura e unha lingua, que predominou na cultura chipriota entre o 1100 a C e o 750 a C. A chegada dos fenicios a Chipre ao redor do 800 a C, fuxindo dos asirios, supuxo unha nova achega de elementos culturais e poboacionais asiáticos. A illa dividiuse en dez reinos gobernados por un monarca que conservou certa autonomía baixo as sucesivas dominacións que sufriu a illa. Os invasores asirios, que dominaron a illa entre o s VIII a C e o 569 a C, intégranse na etapa arcaica de Chipre (700 a C-475 a C) e despois dun efémero dominio exipcio (569 a C-546 a C) caeu nas mans dos persas. O período clásico chipriota (475 a C-325 a C) coincide en parte coa etapa de opresión das cidades chipriotas polos persas (546 a C-332 a C). Despois da insurrección das cidades gregas de Xonia contra os persas (497 a C) sufriu unha dura represión, na que os persas favoreceron os fenicios fronte aos gregos. O goberno de Evágoras I (411 a C-374/373 a C), o primeiro monarca de orixe grega dende a revolta, axudou a soster un sentimento panhelénico alimentado polos intentos militares dos gregos de recuperar a illa.
Do período helenístico ao bizantino.
Durante a etapa helenística (325 a C-30 a C), a illa, que fora recuperada polos persas despois da Paz de Antálcidas (386 a C), colaborou nas campañas de Alexandre o Grande e acadou, a cambio, a súa liberdade. Logo da súa morte integrouse no reino de Exipto, gobernado polos Ptolomeos (294 a C-58 a C), ata a conquista romana. Chipre foi conquistada por Catón o Menor no 58 a C e integrouse na provincia oriental romana de Cilicia. Xulio César e Marco Antonio devolvéronllela aos exipcios e, trala derrota de Cleopatra, integrouse de novo no Imperio Romano, polo que se converteu nunha provincia autónoma senatorial, gobernada por un procónsul, a partir do ano 22 a C. Durante a ocupación romana produciuse unha rebelión contra Roma dos xudeus da illa xunto cos de Cirene e os de Exipto, a finais do goberno de Traxano (115-116). A violencia do movemento foi contestada cunha dura represión imperial. Axiña penetrou o cristianismo desde Antioquía e Paulo e Bernabé, acompañados de Marcos, predicaron nesta zona no ano 45 e converteron o cónsul romano Serxio Paulo. A igrexa chipriota dependeu da de Antioquía ata o Concilio de Éfeso (431), cando se recoñeceu a autonomía da Igrexa de Chipre e foi confirmada definitivamente polo emperador Zenón no ano 488. Incluída dentro do Imperio Bizantino pola división de Teodosio (395), recuperou a súa prosperidade económica durante o goberno de Xustiniano, favorecida polas construcións de infraestruturas e o desenvolvemento da industria da seda. Ocupada por Mu’awiyah, gobernador de Siria (649), sufriu novos ataques musulmáns, ata que no 688 a illa foi declarada neutral e os impostos cobrados dividíronse entre bizantinos e musulmáns. O Emperador bizantino Nicéforo Focas recuperouna no 967, e converteuse nun destacado centro comercial que recibía as mercadorías de Beirut, Damasco, Persia ou Exipto e as distribuía polo Occidente.
O período franco
A illa foi conquistada polo monarca inglés Riccardo I Corazón de León durante a Terceira Cruzada e vendeullela logo aos cabaleiros templarios. Unha sublevación dos chipriotas no 1192 levounos a ofrecerlla ao destronado monarca de Xerusalén, Guido de Lusignan, quen instalou na illa a súa corte. A Guido sucedeuno o seu irmán Amalrico, chamado Amalrico II de Xerusalén, que organizou o reino seguindo os principios feudais: instalou unha aristocracia de orixe francesa e unha xerarquía relixiosa católica. Malia as intervencións externas do Emperador Federico II, que dirixiu os asuntos chipriotas e relegou a Enrique I de Chipre ata o 1232, durante o s XIII introducíronse no reino os costumes, a lingua e as institucións propias de Occidente. O éxito económico que viviu a illa durante o s XIV viuse reforzado pola súa posición como derradeiro centro latino do Oriente, logo da caída definitiva de San Xoán de Acre (1291), que serviu de intermediario entre os centros comerciais de Pisa, Venecia, Xénova e Florencia cos musulmáns e o Extremo Oriente. A prosperidade da illa neste período veu unida ás melloras no goberno, que permitiron unha certa liberdade relixiosa dos chipriotas xunto co seu acceso a cargos de oficiais no exército. A colonia mercantil xenovesa de Chipre desempeñou un destacado papel político ao proporcionarlles préstamos aos monarcas chipriotas. No 1373 dominaron a illa e fixeron prisioneiro o Rei Pedro II e a pesar da alianza de Milán e Venecia, o seu sucesor Xacobe I tivo que cederlles Famagusta aos xenoveses no 1383 pola contía das débedas e permaneceu en poder destes ata 1464. A situación empeorou durante o s XV e, xunto cos problemas no exterior, Chipre sufriu o saqueo dos exipcios e converteuse na súa tributaria en 1426. Os enfrontamentos por cuestións relixiosas entre a igrexa grega e a latina marcaron o reinado de Xoán III de Chipre. O derradeiro monarca de orixe francesa, Xacobe II de Chipre, reconquistou Famagusta, que estaba baixo a tutela xenovesa, gobernou coa axuda dos gregos e restableceu o uso da súa lingua na administración. Buscou unha alianza con Venecia e consolidou a súa posición casando coa veneciana Catarina Cornaro. Logo do falecemento do monarca (1473) e do seu fillo, Catarina foi persuadida para doarlle o Reino de Chipre á República de Venecia (1489); pero, despois de superar a oposición da nobreza local, dos poboadores de orixe grega e da propia igrexa, dominou a illa ata 1570.
O período otomano
Os turcos dirixidos por Lana Mustafa invadiron a illa nese ano e, despois da masacre dos defensores venecianos de Famagusta, conquistaron a illa o 1 de agosto de 1571 e anexionárona ao Imperio Otomano. A presenza dos turcos na illa engadiulle un novo elemento étnico á poboación da illa e favoreceu inicialmente a situación dos grecochipriotas, que puideron adquirir as terras que traballaban, ao mesmo tempo que permitiu o culto da Igrexa ortodoxa que asegurou a fidelidade da poboación e gardou o legado cultural. A política fiscal turca e a crecente corrupción do sistema, que gravou excesivamente os gregos e os turcos pobres, provocaron numerosas revoltas e levantamentos ata que no 1670 Chipre pasou á xurisdición do almirante da flota otomana; tres anos despois pasou á xurisdición do Gran Visir, que incrementou os impostos nunha etapa de pandemias, malas colleitas e tremores de terras. Buscando unha saída, moitos emigraron e outros subleváronse ao mando de Khalil Agha, que fracasou no seu intento. Durante a Guerra de Liberación Grega (1821) a administración turca castigou os cristiáns ortodoxos e executou, entre outros, a catro bispos e numerosos clérigos o 9 de xullo de 1821. A situación mellorou dende mediados do s XIX e introducíronse algunhas reformas administrativas, como a creación dos consellos de distrito, que incluían entre os seus membros a gregos e otomanos.
Administración británica e descolonización
O goberno de Londres asinou un acordo con Turquía (4.6.1878) polo que se aseguraba o dereito de ocupación e administración da illa, que continuaría baixo a soberanía otomana. A poboación grecochipriota, maioritaria na illa, reclamou das autoridades británicas a enosis ou integración no Reino de Grecia desde 1879, pero só obtivo unha reforma da administración, onde tiveron cabida representantes das dúas comunidades, e unha redución da forte presión fiscal. Cando o Imperio Otomano se uniu aos Imperios Centrais na I Guerra Mundial, o Reino Unido anulou o acordo de 1878 e anexionou Chipre ás súas posesións (5.11.1914). Os británicos ofrecéronlle Chipre a Grecia en outubro de 1915 pola súa entrada na guerra a carón dos aliados pero Atenas rexeitou a oferta. Despois da guerra os británicos aplicaron un conxunto de medidas modernizadoras que favoreceron a economía e a educación. Polo Tratado de Lausanne (24.7.1923) Turquía recoñeceu a soberanía británica sobre Chipre, que se converteu nunha colonia dotada dunha Constitución non democrática (1925) e dirixida por un gobernador. Durante os anos seguintes os grecochipriotas tentaron incrementar as súas liberdades constitucionais. No 1929 estableceuse a Unión Nacional Radical de Chipre, que buscaba a liberación dos británicos e a unión con Grecia e emitiu unha proclama de protesta contra os británicos en outubro de 1931, que foi seguida dunha sublevación da comunidade grega. O gobernador sir Richmond Palmer reaccionou impoñendo o estado de excepción, suprimindo o consello lexislativo, prohibindo o ensino da historia grega nas escolas e apresando ou deportando a políticos e relixiosos. As protestas contra o réxime continuaron pero a situación non se modificou ata o comezo da Segunda Guerra Mundial, cando os británicos pediron a colaboración da poboación da illa. Despois da guerra, ao abeiro da Carta Atlántica, os grecochipriotas reclamaron de novo a adhesión a Grecia. Os británicos rexeitaron a demanda pero aceptaron o retorno dos deportados en 1931 e a reconstitución do sínodo da Igrexa ortodoxa de Chipre; ademais, propuxeron a promulgación dunha carta constitucional que outorgase a autonomía limitada. Os grecochipriotas rexeitaron a proposta e dirixidos polo bispo de Citio, futuro arcebispo Makarios III, organizaron un plebiscito que manifestou a súa vontade de unión con Grecia (1950) e déronlle a coñecer a súa situación á ONU. A negativa británica a ceder a illa pola súa situación estratéxica, xunto coa oposición de Turquía á unión, levou á Organización Nacional dos Combatentes Chipriotas (EOKA) á loita armada, iniciada en abril de 1954. As campañas terroristas, que contaron co apoio da Igrexa ortodoxa, intensificáronse durante os anos seguintes e os británicos responderon coa deportación do arcebispo Makarios III e o estado de emerxencia na illa. Os EE UU interviñeron e forzaron unhas discusións preliminares, entre os representantes dos gobernos de Atenas e Ankara, nunha conferencia da OTAN. Estes contactos conduciron ao Acordo entre Grecia e Turquía (11.2.1959) que incluía as liñas fundamentais que debía desenvolver a Constitución da República de Chipre. Este Acordo desenvolveuse no Tratado de Garantía, asinado, dunha parte, pola República de Chipre e, doutra, polo Reino Unido, Grecia e Turquía (19.2.1959) en Londres, no que se garantía a independencia, a integridade territorial e a seguridade da república, así como o cumprimento da súa Constitución.
A independencia
De acordo cos puntos pactados en Zúric e Londres (16.8.1960), proclamouse a independencia de Chipre. O primeiro goberno da nova república estaba dirixido polo presidente, o arcebispo Makarios III, e polo vicepresidente, o turcochipriota Fazil Küçük. No seu mandato aprobouse a Constitución que foi asinada polo derradeiro gobernador británico, os cónsules de Grecia e Turquía e o presidente e vicepresidente de Chipre. En setembro de 1960 foi admitida na ONU, na Commonwealth en marzo de 1961, e no Consello de Europa en maio de 1961. As relacións entre a maioría grecochipriota e a minoría turca comezaron en 1961 cando os deputados turcos rexeitaron votar a lei fiscal, feito que provocou unha paralización constitucional, que se agravou en 1963 cando Makarios III presentou os Trece Puntos para modificar a Constitución, eliminando a duplicidade administrativa e executiva. O obxetivo do presidente Makarios III era facer viable e acelerar o proceso económico da illa. Isto motivou graves enfrontamentos coa minoría turca en nadal de 1963. O conflito estendeuse aos gobernos de Grecia e Turquía, que mobilizaron os seus exércitos; pola súa banda, a ONU interveu establecendo en marzo de 1964 a Forza das Nacións Unidas de Mantemento da Paz en Chipre (UNFICYP) co mandato de restablecer a normalidade e axudar a manter a orde pública. A tensión diminuíu a partir de 1967 polo abandono temporal de Makarios III da idea da integración, a raíz da implantación en Atenas dunha ditadura militar. Makarios foi reelixido presidente en 1968 e en 1973, pero o 15 de xullo de 1974 foi desprazado do poder por un golpe militar da Garda Nacional, que actuou como instrumento da Ditadura dos Coroneis grega. Niko Sampson, presidente provisional do novo goberno, era favorable á unión.
A división da illa
A reacción turca á nova situación política na illa foi a invasión da parte setentrional entre o 20 de xullo e o 15 de agosto de 1974, que desprazou os poboadores de orixe grega alegando a necesidade de garantir a integridade da comunidade turcochipriota. Como consecuencia da ocupación do norte da illa polo exército turco, uns 200.000 grecochipriotas víronse forzados a abandonar as súas propiedades polas intimidacións e a política de opresión implantadas polos turcos. Os habitantes que se opuxeron e tentaron conservar as súas propiedades foron trasladados a diversos enclaves na península de Karpass, onde permanecen no ano 2001. As zonas ocupadas recibiron poboadores turcos trasladados desde poboacións de Asia Menor, co propósito de xustificar cun aumento da comunidade turca a creación dunha federación. Trala invasión turca, cunha unidade estatal xa consolidada, o 23 de agosto volveu á presidencia Makarios III e permaneceu como presidente en funcións Glafkos Clerides ata o 7 de decembro, que se mantivo no cargo ata a súa morte en 1977. As autoridades turcochipriotas proclamaran unilateralmente o Estado Federado Turco de Chipre (13.2.1975), dun suposto carácter laico e federal, co apoio de Ancara e presidido por Rauf Denktash. O 12 de marzo de 1975 a ONU publicou unha resolución na que solicitaba de todos os estados o respecto da soberanía, independencia e integridade territorial da República de Chipre. Nese mesmo ano produciuse un intento negociador, coñecido como o Terceiro Acordo de Viena (4.8.1975), que reuniu ao líder turcochipriota Rauf Denktash e ao representante da comunidade grecochipriota Glafkos Clerides. Froito deste acordo permitiuse, entre outras medidas, o traslado das poboacións de orixe grega e turca dunha a outra zona de influencia. En febreiro de 1977 reuníronse Makarios III e R. Denktash co fin de unificar ambas as zonas nunha república federal e de carácter bicomunal non aliñada, pero o intento reunificador fracasou. Spiros Kiprianou sucedeu ao presidente Makarios III o 3 de agosto de 1977 e impulsou a celebración de novas negociacións con Denktash para recobrar a unidade e independencia política de Chipre, que se produciron baixo os auspicios do secretario xeral da ONU, Kurt Waldheim, e se plasmaron no Acordo dos 10 puntos do 19 de maio de 1979. O goberno turcochipriota proclamou de forma unilateral a independencia do Estado Federado Turco de Chipre co nome de República Turca de Chipre do Norte (RTChS) en novembro de 1983. A nova república, que non foi recoñecida pola ONU, iniciou un proceso constituínte que culminou coa redacción en 1984 dunha constitución e a súa aprobación posterior en referendo en 1985. R. Denktash continuou como presidente da república turca e foi reelixido para o cargo en 1985. No territorio grecochipriota S. Kiprianou foi reelixido presidente no ano 1983 e logrou melloras no terreo económico, pero foi incapaz de acadar un acordo co goberno turcochipriota para a reunificación da illa, malia as conversas que mantivo na ONU baixo os auspicios de Javier Pérez de Cuellar. Nas eleccións presidenciais de 1988 resultou vencedor o independente Georgios Vassiliou, quen iniciou unha nova rolda de conversas, fomentadas pola ONU, na procura da reunificación da illa. Nas eleccións do 14 de febreiro de 1993 resultou elixido presidente Glafkos Clerides, candidato do DISY, que asinou unha alianza militar con Grecia enmarcada na “doutrina da defensa mútua” e iniciou unha política de defensa máis agresiva. O presidente da República Turca de Chipre do Norte, R. Denktash, foi confirmado no seu cargo nas eleccións do 22 abril de 1995. A situación de tensión entre ambas as comunidades agravouse dende agosto de 1996, logo dunhas manifestacións antiturcas nas que faleceron varios grecochipriotas. En xaneiro de 1997 viviuse unha nova fase do enfrontamento motivado pola compra, por parte dos chipriotas, de armamento ofensivo con alcance ata Turquía. A ONU presentou en 1997 como solución ao problema o proxecto dunha federación bicomunal, unha grega e outra turca, dotadas de amplas autonomías e iguais poderes, dentro do marco dunha federación dotada cun único carácter internacional. A proposta, que recibiu os apoios da UE e do goberno grecochipriota, non foi aceptada polo goberno turcochipriota nin por Turquía en represalia polo acordo entre Chipre e a UE para conseguir o acceso á organización nun futuro próximo e a negativa da UE ao ingreso turco. Glafkos Clerides, reelixido presidente o 15 de febreiro de 1998, á fronte dun gabinete de coalición buscou a unidade nacional e a defensa dos intereses da comunidade grega. A coalición que o levou ao poder rachou, logo do abandono do EDEK, descontento pola política conciliadora do presidente cos turcos. A situación actual da illa, dividida entre dous estados, supón un problema de organización no futuro da UE, pois a República de Chipre forma parte do primeiro grupo de países candidatos para entrar na UE dende 1997, mentres que a petición de entrada de Turquía permanece en suspenso.