Chirico, Giorgio de

Chirico, Giorgio de

Pintor grego. Estudiou debuxo e pintura no Politécnico de Atenas entre 1900 e 1902. Trala morte do seu pai en 1904 chegou a Italia; residiu durante un tempo en Múnic, onde estudiou na Academia de Belas Artes, e entre 1911 e 1915 en París. En 1912 expuxo por primeira vez no Salon d’Automne e en 1913 no Salon des Independants. En 1915 regresou a Italia para participar na Primeira Guerra Mundial; dous anos máis tarde coñeceu a Carlo Carrá e xuntos iniciaron a pintura metafísica. A súa obra atopábase dentro da liña característica da pintura metafísica que seguiu ata 1919 e que se considerou como precursora do surrealismo. A súa serie Piazze d’Italia (1913), na que se reflitía unha profunda soidade á que se abrían espacios infinitos, é unha visión desolada e angustiosa do mundo que se dirixía cara a unha catástrofe bélica. Nestas obras, en raras ocasións aparece a figura dun ser vivo, pero si bonecos ou manequíns. Os edificios están inspirados no Renacemento de Ferrara e Florencia. Deste xeito, conxuga un espírito clásico cunha nova exploración interior. Posteriormente, realizou cadros nos que xa aparecen as figuras que despois derivaron nun academicismo. Entre outras obras destacan Le muse inquietanti (As musas inquietantes, 1916), Gran Interior Metafísico (1917), A traxedia de Homero (1925), Cavalli in riva al mare (Cabalos á beira do mar, 1927), Argonauti (Argonautas, 1920-1924) e Autorretratos (1923-1924). Como escritor realizou unha serie de ensaios sobre diversos artistas e a obra Hebdomeros, le peintre et son gènie chez l’ècrivain (Hebdomeros, a pintura e o seu xenio na casa do escritor, 1929).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Vólos

  • Deceso

    Lugar : Roma