1 choco

1 choco
Nome científico: [Sepiaofficinalis, da Orde dos decápodos]
s m [ANIMAL]

Molusco cefalópodo, de ata 40 cms de lonxitude. Posúe corpo ovado e comprimido, con dúas aletas que percorren todo o corpo; ao redor da boca presentan oito brazos, con catro fileiras de ventosas, e dous tentáculos moito máis longos ca estes, retráctiles, que rematan nunha zona máis ancha onde se dispoñen as ventosas. A cuncha é interna e de bordos paralelos; o ventre ten unha coloración máis clara e a parte dorsal ten moitos cromatóforos dérmicos que permiten cambios de coloración rápidos, cos que adquire unha cor críptica. Os cambios de cor van dende o escurecemento, aclaramento ou tonalidades amarelas, rosas ou violetas ata a formación de bandas, lunares ou manchas. Presentan sistemas de comunicación intraespecífica baseados nun código de cores e movementos. Na parte final do intestino teñen unha bolsa de tinta de cor escura, debido á alta concentración de melanina, que expulsa cando se ve alarmado formando unha nube que confunde o depredador. Tras un cortexo de sinais visuais e táctiles, o macho introduce no corpo da femia o espermatóforo grazas á modificación dun dos tentáculos; logo, a femia pon ata medio millar de ovos sobre as algas. Ao ano seguinte, os animais acadan os 9 cm de lonxitude e adquiren a capacidade de reproducirse. Aliméntanse basicamente de crustáceos, peixes de pequeno tamaño e doutros moluscos. Adoitan manterse sobre fondos de area ou fango preto da costa, ata os 150 m de profundidade e en augas con abundancia de algas. Péscanse con nasas e coas artes do trasmallo e arrastre. É moi apreciado para o seu consumo e comercialízase fresco ou conxelado; adóitase preparar guisado, especialmente na súa propia tinta, acompañado con arroz ou patacas cocidas, e tamén en empanadas con moita sona. É obxecto dunha festa gastronómica que se celebra cada segundo domingo de maio en Redondela desde 1987.

Sinónimos

Palabras veciñas

2 chocho -cha | choclear | Chocó | 1 choco | 2 choco -ca | chocolatada | chocolate