chocolate
(
-
s
m
[ALIM]
Pasta feita de sementes de cacao torrefacto e azucre moído, á que se lle engade manteiga de cacao, vainilla e canela, e que segue un proceso que termina no seu arrefriado en moldes, nos que solidifica; no caso do chocolate con leite, este engádese ao mesmo tempo ca o azucre. Úsase como sobremesa ou merenda e en moitas preparacións pasteleiras e confiteiras, entre as que destacan os bombóns, e mesmo en determinadas especialidades culinarias. Ex: Tiña dúas libras de chocolate e non me deu máis ca unha onza.
Ex: Tiña dúas libras de chocolate e non me deu máis ca unha onza.
-
s
m
[ALIM]
Bebida que se fai con pasta de chocolate disolta e cocida en leite, baseada na bebida náhuatl chocolatl, pobo que só lles permitía o seu consumo aos gobernantes e militares, posto que crían que confería sabedoría e coñecemento, ademais de empregalo como alucinóxeno e potenciador sexual. Este pobo tomaba o chocolate líquido e con sabor amargo. Coa conquista de México no s XVI, Hernán Cortés trouxo a España a semente do cacao e o chocolate pasou a ser coñecido polos españois, que o acomodaron ao gusto europeo engadíndolle azucre. Coñeceu unha grande aceptación en toda Europa, onde recibiu o apelativo de teobroma ‘manxar dos deuses’, sobre todo trala introdución do chocolate con leite polo suízo Daniel Peter. Aínda que os reis da dinastía dos Austrias non foron moi afeccionados a esta bebida, e malia os receos da Inquisición polo seu suposto carácter afrodisíaco, o chocolate foi axiña moi apreciado. No s XVII, o hábito de tomar chocolate estaba considerablemente estendido por Madrid e no XVIII a dinastía borbónica converteuno no seu almorzo preferido. Este apadriñamento real contribuíu ao prestixio do chocolate non só en España, senón en toda Europa, e principalmente en Francia. Ao comezo do s XIX, o consumo do chocolate estaba fortemente implantado nas clases media e alta de España e, aínda que non hai datos sobre a situación no ámbito popular, a finais do mesmo século o chocolate considerábase unha bebida identificadora. Nesta mesma altura, o sistema de preparación do chocolate foi mellorado polos holandeses e polos suízos, que lograron extraerlle máis materia graxa e comezaron a explotar o consumo en libras. No que respecta a Galicia, a introdución do chocolate é máis tardía ca no resto de España. Con todo, no s XVIII o chocolate xa estaba difundido e considerábase como unha bebida deliciosa, aínda que a súa escaseza e carestía provocaban que o consumo se limitase aos doentes e aos que dispuñan de máis posibilidades; non será ata o s XIX cando se popularice o chocolate. Disto é testemuño indirecto a aparición dun recipiente específico na cerámica popular que se destinaba á súa conservación: as chocolateiras. Por toda Galicia xurdiron obradoiros para preparalo cun sistema sinxelo: o operario inclinábase axeonllado sobre dúas pedras curvas, situadas sobre o lume, que facía xirar cun rodete; ao xirar a pedra, ía moendo o gran do cacao. Logo engadíaselle azucre, canela, e ás veces vainilla; por iso, os máis pobres debían conformarse con fariña e améndoa moída. A adulteración era algo corrente na época, pero no caso do chocolate nunca supuxo unha ameaza para a saúde, xa que se realizaba con substancias non nocivas: fariña de galleta ou almagre. As familias que podían pagalo, chamaban o chocolateiro para que lles preparase o chocolate na casa e así estar convencidos da súa pureza. Os obradoiros foron substituídos a finais do s XIX por factorías que empregaban máquinas. A súa importancia vese reflectida no semanario A Nosa Terra, que en 1935 trata o monopolio da importación do cacao exercido polo provedor da illa de Fernando Póo (desde 1968 illa de Bioko), que cobraba o quilo a 3,5 ptas, mentres que no Brasil se obtiña por 1 ptas/kg. Tamén é indicativo que os moradores da Coruña recibiran o alcuño de cascarilleiros, forma derivada de cascarilla, nome da casca do cacao. A cascarilla desbotábase durante a elaboración do chocolate, pero utilizábase para tinxir de cacao o leite dos almorzos. O chocolate consumíase disolto en auga ou leite fervidos; era un refinamento facelo en barro e deixalo repousar toda a noite, para deste xeito concentrar o aroma e gañar en sabor e suavidade. O costume de consumilo á española era o de tomar o chocolate espeso e mesturado con auga ou leite; mentres que á francesa se consumía clariño, cun pouco de leite e líquido; e á suíza, con nata montada. No norte de España, ten gran tradición a produción e consumo de chocolate familiar á taza e á taza (o primeiro deles, máis espeso), en contraposición co fondant, o típico do chocolate á francesa. O costume era tomar o chocolate no almorzo e na merenda, e só se consumía na cea en caso de doenza; pero, de todos modos, o almorzo máis común eran as papas. O chocolate supuña un reforzo para a muller parideira e, en ocasións, para a que se encontraba en período menstrual. En circunstancias excepcionais, aniversarios ou velorios, realizábanse chocolatadas, normalmente na cociña da casa. Os médicos colaboraron coa difusión deste produto co seu costume de prescribilo. O seu abaratamento durante o s XIX espallou enormemente as chocolaterías, que acadaron moito éxito na primeira metade do s XX, aínda que en dura competencia cos cafés, que remataron por impoñerse. Deste modo, a mediados de século, o café derrotou o chocolate como bebida; aínda así, este mantívose como complemento de repostería e en libra. A principios do s XX chegaron a contarse en Galicia preto de 100 fábricas, na actualidade reducidas a cinco debido á competencia das multinacionais e dos preparados instantáneos. Destaca o chocolate Saint-Gerons ou de Mendaro Gipuzkoa, un tradicional chocolate á taza artesanal de calidade, que se elabora desde 1850.
-
s
m
chocolate de cobertura
[ALIM]
Preparado que se fai disolvendo chocolate con manteiga ao baño maría. Emprégase en pastelería para recubrir biscoitos e tartas.
-
s
m
Resina do cánabo, con propiedades psicotrópicas, polo seu parecido coa pasta do cacao.
Sinónimos: haxix. Confrontacións: marihuana.
Refráns
- Chocolate con petada na casa dos pobres é comida rara, porque é cara.