Chomsky, Noam

Chomsky, Noam

Lingüista, filósofo e analista político norteamericano. Estudiou na Universidade de Pennsylvania baixo a dirección de Zellig S. Harris. Profesor no Massachusetts Institute of Technology, utilizou as técnicas matemáticas recentes (sobre todo a teoría das funcións recursivas) para compoñer un tratado extenso sobre The Logical Bases of Linguistic Theory (As bases lóxicas da teoría lingüística, 1955), no que demostra que unha lingua non só se pode describir en termos dos seus elementos patentes (os fenotipos de Whorf), senón que cómpre recorrer a elementos abstractos ou latentes (criptotipo), de onde se deriva a forma externa das frases mediante determinadas regras específicas de transformación. Esta idea xa se albiscaba na morfofonoloxía de Leonard Bloomfield ou na sintaxe de Otto Jespersen e de Charles Bally. A publicación do seu libro Syntactic Strutures (Estruturas sintácticas, 1957) e a gramática xenerativo-transformacional cambiou o panorama da lingüística ata ese momento. Destacan tamén as obras Aspects of the Theory of Syntax (Aspectos sobre a teoría da sintaxe, 1965), Cartesian Linguistics (Lingüísticos cartesianos, 1966), onde relaciona as súas ideas coa tradición da gramática xeral centrada en Port-Royal, Language and Mind (Linguaxe e mente, 1968), onde expón que a lingüística é unha rama da psicoloxía cognoscitiva, The Sound Pattern of English (O son modélico do inglés, 1968), en colaboración con Morris Halle, Studies on Semantics in Generative Grammar (Estudios sobre semántica na gramática xenerativa, 1972), The Logical Struture of Linguistic Theory (A estrutura lóxica da teoría lingüística, 1975), Essays on Form and Interpretation (Ensaios sobre sistema e interpretación, 1977), Rules and Representations (Regras e representacións, 1980), Lectures on Government and Binding (Conferencias sobre rección e ligamento, 1981) e The Minimalist Program (O programa minim(al)ista, 1995). Así mesmo, desde 1960, revelouse como un dos representantes da esquerda radical americana pola súa defensa dos dereitos humanos e polas súas análises sobre a situación política internacional, moi críticas coa política exterior dos EE UU e contrarias a calquera tipo de colonialismo, tanto cultural como económico, fose americano ou europeo. Trala instauración da Nova Orde Mundial, comezou a alertar contra o poder dos medios de comunicación, debido á capacidade que tiñan para xerar un pensamento único alleo aos intereses comúns das persoas. Pronunciou conferencias en diferentes foros e colaborou habitualmente en diferentes medios de comunicación (Le Monde Diplómatique, etc). Publicou, entre outras obras, On Power and Ideology (‘Sobre poder e ideoloxía’, 1987), The Culture of Terrorism (A cultura do terrorismo, 1989), Necessary Illusions (Ilusións necesarias, 1989), Terrorizing the Neighborhood (Aterrorizando o barrio, 1991), Deterring Democracy (Democracia disuasoria, 1992), Year 501 (Ano 501, 1993), Prospects for Democracy (Perspectivas da democracia, 1995), Acts of Aggression (Actos de agresión, 1999), The New Military Humanism (O novo humanismo militar, 1999) e Rogue States (Estados sospeitosos, 2000). Membro, entre outras, da National Academy of Sciences e da International Confederation for Disarmament and Peace.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Philadelphia