Chopin, Fryderyk Franciszeck
Compositor e pianista. Realizou estudios musicais con Wojciech Zywny e Jósef Elsner e posteriormente ingresou no conservatorio de Varsovia. Deu os seus primeiros concertos entre os anos 1829 e 1830, e instalouse definitivamente en París no 1831, no centro do romanticismo francés, onde desenvolveu unha intensa actividade como compositor, concertista e profesor da aristocracia; neste país relacionouse con Liszt, Berlioz, Bellini e Rossini, entre outros músicos. Nesta cidade coñeceu a George Sand, escritora coa que mantivo unha relación e coa que se trasladou a Mallorca en 1838 para realizar unha cura de repouso na cartuxa de Valldemossa. En 1848 realizou unha xira por Inglaterra e Escocia, e despois dalgúns meses de inactividade morreu en París. Considerado como un dos grandes compositores para piano, do que extraeu todas as posibilidades técnicas e expresivas, innovou a súa técnica, enriqueceu a dixitación (o terceiro dedo pasou para o quinto) e modificou o uso do pedal. Agás algunhas obras de música de cámara, dunhas variacións sobre un tema de Don Giovanni de Mozart e de dous concertos, para piano e orquestra, toda a súa produción foi escrita para piano. As súas composicións, marcadas polo romanticismo e polo nacionalismo polaco, evolucionaron dende as formas clásicas (rondó, sonatas, variación, etc), pasando polas formas libres, propias do romanticismo, baladas e scherzi, ata que na súa madureza volveu á sonata tratada dun xeito moi persoal. As súas obras pianísticas forman diferentes grupos: polonesas, diversos cadernos de mazurcas, variacións, rondós, nocturnos, sonatas (unha delas coñecida como Sonata fúnebre, 1839), cadernos de estudios (opus 10 e opus 25), valses, baladas, scherzi, impromptus, preludios; e as pezas Bolero, Fantasía en fa menor, Berceuse e Barcarolle. O seu estilo interpretativo caracterizouse pola naturalidade, a improvisación, a expresividade, a innovación e pola sinxeleza e pureza da súas melodías, que evita todo exceso retórico. As estilizacións da música popular teñen unha significación non soamente estética, senón que acadan unha transcendencia social como canto patriótico. A influencia do bel canto, en especial de Bellini, sobre a cantilena instrumental de Chopin é esencial. Polas súas innovacións nos campos harmónico e rítmico ocupa un lugar de excepción na evolución da linguaxe musical europea. Exerceu unha grande influencia sobre os compositores do s XIX e XX, e sobre a técnica pianística.
Cronoloxía
-
Deceso
Lugar : Wola, Varsovia -
Deceso
Lugar : París