"San Francisco" (Contén)

Mostrando 20 resultados de 21.

  • Conxunto monástico situado en Betanzos. Foi fundado en 1292 e reedificado por Fernán Pérez de Andrade o Bo en 1387. Construído na segunda metade do s XIV, responde ao modelo de planta de igrexa mendicante en forma de cruz latina, de nave única e cuberta en madeira, cruceiro con capelas funerarias e cabeceira con tres ábsidas abovedadas. No interior destacan a concepción espacial e os relevos escultóricos da capela maior. Conserva un gran número de sepulcros entre os que destaca o de Andrade o Bo. Foi declarado Ben de Interese Cultural o 29 de setembro de 1919.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Biblioteca organizada a partir de 1832 polos monxes franciscanos. No ano 1881 contiña máis de 14.000 volumes e en 1912 chegaba aos 20.000, grazas ás doazóns de Pedro Bartolomé Casal, da Universidade de Santiago, e do xornal El Eco Franciscano. En 1912 doaron libros Atanasio López e Lino Gómez Cabedo. Conta nos seus fondos con 74 incunables, con numerosos volumes dos ss XVI e XVII, obras relixiosas -fundamentalmente revistas de temas franciscanos- e abundantes libros relacionados con Galicia.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • PERSOEIRO

    Pintor anónimo que realizou os frescos da igrexa alta de San Francisco en Asís contra o 1290 e que representan a vida deste santo. As pinturas atribuíronselle a Giotto di Bondone aínda que non corresponde co seu estilo; as tres últimas escenas atribúenselle ao mestre de Santa Cecilia.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • IGREXAS

    Igrexa parroquial situada na Coruña. Asentada fóra das murallas, construíuse en 1262 e foi parcialmente demolida en 1589 para evitar que as tropas de Drake a empregasen como parapeto. En 1651 foi arrasada polo estoupido da torre de pólvora da fortaleza da cidade. Integrada trala desamortización na Maestranza de Artillería, usouse como prisión e despois foi propiedade particular. En 1963 trasladouse xunto ao monte de Santa Margarida, prolongouse a súa nave e construíuse unha torre. De estilo gótico, ten planta de cruz latina cunha soa nave e tres ábsidas cubertas por bóvedas de crucería. As ruínas da anterior igrexa foron declaradas Ben de Interese Cultural en 1939.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • IGREXAS

    Igrexa parroquial situada en Ferrol. Construíuse no 1757 en terreo que ocupara o convento franciscano construído por Fernán Pérez de Andrade o Bo (s XIV). Ten planta rectangular inscrita nunha cruz latina e divídese en tres naves separadas por piares con pilastras acaroadas de orde toscana. A cúpula do cruceiro ten tambor circular con óculos. Sobre as naves laterais sitúase unha tribuna aberta por arcos carpaneis e na entrada un coro alto. A cúpula é de tambor circular con óculos. No interior destaca o retablo de Xosé Ferreiro. A fachada divídese en tres rúas por medio de pilastras toscanas pareadas, apoiadas en grandes bases. Na rúa central ábrese a porta arquitrabada e con frontón triangular e, sobre ela, un óculo. Remata cun entaboamento e cunha cornixa sen decoración.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Mosteiro situado en Louro (Muros). Fundado como eremitorio en 1223, co nome de Santa María de Rale, en 1432 converteuse en mosteiro. A súa orixe franciscana remóntase a finais do s XIV, pero despois da Desamortización de Mendizábal, o mosteiro quedou abandonado. Desde 1873 ata 1890 foi residencia dalgúns relixiosos e posteriormente acolleu unha escola e un convento regular. Desde a súa restauración a finais do s XIX, o edificio sufriu varias modificacións. Destacan o claustro, de trazo sobrio e elegante, e o atrio, rodeado por un muro e cunha fonte no medio. No exterior sobresaen o cruceiro e o púlpito, colocado xunto á portada. Desde a entrada do convento comeza un viacrucis, composto por quince pequenas torres que representan cada unha, unha escena da Paixón e que remata no cumio dun outeiro. Foi declarado Ben de Interese Cultural (BIC, 1970).

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Museo Provincial de Lugo.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • San Francisco de Louro.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • IGREXAS

    Igrexa situada en Noia. Forma parte do convento de San Francisco, fundado en 1356 polo pai Francisco Suero, en Suero e trasladado en 1522 a Noia. Construída no s XVI en estilo gótico con elementos renacentistas, ten nave de planta de cruz latina con capela maior rectangular e dúas capelas máis formando o cruceiro. A cuberta é de tella. Conta cunha torre-campanario de tres corpos. No lado da epístola atópanse dous sarcófagos que se corresponden a Francisco Bermúdez de Castro e a Pedro Losada Contino, de 1575 e 1527, respectivamente.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Mosteiro situado en Ourense. Realizado en estilo gótico, foi fundado no s XIII polos franciscanos, aínda que a igrexa e o claustro se contruíron entre 1313 e 1322. A igrexa trasladouse do seu emprazamento orixinal ata o parque de San Lázaro. O templo ten planta de cruz latina cunha nave no brazo maior e outra no cruceiro, e as ábsidas, con ventanais con vidreiras, cóbrense de bóvedas nervadas en forma de abano, que se apoian sobre columnas laterais. A portada é de estilo oxival cun arco trilobulado, arquivoltas apuntadas e rosetón. Destaca o claustro medieval, de planta case cadrada con portas baixomedievais e unha colección de capiteis que está formado por 63 arcos apuntados sobre piares cruciformes. Os monxes foron exclaustrados en 1835 e o mosteiro foi cuartel en 1843. O claustro e a igrexa foron declarados Ben de Interese Cultural en 1923.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • IGREXAS

    Igrexa situada en Pontevedra. Pertenceu ao antigo mosteiro franciscano do s XIII. Sen base documental, atribúese a súa fundación a san Francisco (1214), pero a primeira doazón que recibiu data de 1274, e desta época tan só conserva a fachada e o corpo do templo. O seu estilo é gótico tardío, con planta de cruz latina cunha soa nave, cruceiro e cabeceira con tripla ábsida. No interior destaca o sepulcro de Pai Gomez Charinho. Na fachada destaca o rosetón. A escalinata de acceso construíuse en 1853. Foi declarada BIC en 1896.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Convento situado en Ribadavia. Está situado na beira esquerda do Avia. Fundado baixo a advocación de santo Antonio, foi noviciado e colexio de artes. As obras do templo iniciáronse en 1605 e non remataron ata 1639, cando se acabou o claustro, do que se cubriron os arcos un tempo despois. Tras a exclaustración pasou a mans de particulares ata que en 1915 unha parte da construción volveu aos franciscanos. A igrexa ten tres naves, todas elas abovedadas. No seu interior conserva un altar churrigueresco, ademais parte do cadeirado do coro oxival do s XVI que pode proceder da catedral de Ourense. No exterior destaca a torre barroca cun pequeno balcón.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • PRAIAS

    Praia da ribeira dereita da ría de Muros e Noia, situada entre as puntas Seixide e A Rouxa, na parroquia de Louro (Muros).

    VER O DETALLE DO TERMO
  • ENSEADAS

    Enseada do litoral atlántico, situada na ribeira dereita da ría de Muros e Noia, na parroquia de Louro (Muros).

    VER O DETALLE DO TERMO
  • CIDADES

    Cidade do estado de California, EE UU, (776.733 h [2000]). Situada ao N dunha península estreita e alongada, fronte ao Pacífico e ao O da baía homónima, a expansión urbana afectou á ribeira occidental da baía de feito que Daly City, South San Francisco, San Mateo, Redwood City, Palo Alto e Santa Clara forman unha cadea continua de núcleos urbanos duns 80 km entre San Francisco e San José. Destaca Chinatown, o barrio chinés. As principais funcións urbanas afectan ao sector dos servizos. A industria é bastante importante, con construcións mecánicas e refinarías de petróleo, e tamén destaca a industria turística. Foi o núcleo orixinario da misión franciscana de Yerba Buena, creada pola iniciativa de frei J. Serra (1776). Ocupada por México (1822) e EE UU (1846), que lle deron o nome actual, tivo un crecemento espectacular a consecuencia do descubrimento de ouro en California (1848). Destruída por un terremoto e un incendio (1906), foi reconstruída.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • CAPITAIS

    Capital da provincia de Duarte, República Dominicana (156.267 h [2002]). Situada no N da illa, destaca como centro comercial e de transformación de produtos agrícolas.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Gran baía da costa do Pacífico, situada en California occidental, EE UU. É un val fluvial mergullado, paralelo á liña de costa e conectado co Océano Pacífico polo estreito de Golden Gate, atravesado pola ponte homónima. Ten unha lonxitude de 97 km e unha anchura de 5 a 22 km, e constitúe un dos portos naturais máis espectaculares do mundo. Contén as illas Treasure, Yerba Buena, Angel e Alcatraz.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Convento situado en Santiago de Compostela. Fundouno en 1214 san Francisco durante a súa peregrinación ao sepulcro do Apóstolo Santiago. Da primitiva construción consérvanse cinco arcos oxivais e o sepulcro de Cotolay de 1238. A igrexa é obra de Simón Rodríguez (1742). Ten planta de cruz latina encadrada nun rectángulo, con capelas laterais e tribuna que se abre á nave central. Cóbrese con bóveda de canón e cúpula de media laranxa sobre pendentes. No interior destaca o retablo maior, obra de Melchor de Prado, presidido por unha imaxe da Inmaculada traída de Roma (1750). A fachada modificouse tras a morte de S. Rodríguez e amosa o estilo barroco na parte inferior e neoclásico no superior. Está enmarcada por dúas torres de dous corpos, o superior rematado en cúpula. Na rúa central do corpo inferior destaca a imaxe de san Francisco, obra de X. Ferreiro. Diante da fachada atópase o monumento a San Francisco, obra de F. Asorey. Na parte conventual destacan os claustros, un trazado por B. Fernández...

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Construción situada sobre o río Avia en Ribadavia. Trátase dunha ponte construída probablemente no s XIII en cantaría e con trabes de formigón, engadidas posteriormente, con tres arcos oxivais e rasante horizontal. Atópase no Camiño Real de Ourense a Vigo.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Antigo convento franciscano situado en Tui. Atópase fóra do recinto amurallado e ten a súa orixe en 1642, cando se instalaron na vila tudense os franciscanos de Salvaterra de Miño. A igrexa non se construíu ata 1722 e consagrouse a santo Antonio. O edificio conventual converteuse en Seminario Menor en 1850. A igrexa está baixo a advocación do Sagrario e está formada por tres naves. A portada presenta características barrocas ao estar enmarcada entre pilastras e rematar cun frontón partido e curvo coa imaxe de santo Antonio nunha fornela con volutas. Nun lateral do corpo superior da fachada atópase a torre campanario de dobre corpo.

    VER O DETALLE DO TERMO