1 chumbo

1 chumbo

(

    1. s m [QUÍM]

      Elemento metálico de número atómico 82 e peso atómico 207,2, que pertence ao grupo IVA da táboa periódica. Aínda que se atopa raramente en estado natural e é relativamente escaso, localízase en depósitos extensos, feito que facilita notablemente a súa explotación. O mineral máis importante do que se extrae é a galena (PbS). A obtención do metal ten lugar coa transformación dos minerais no óxido (PbO) e coa súa redución posterior con carbón. O refinado do metal efectúase mediante un proceso electrolítico. O metal ten unha cor branca azulada característica, con brillo metálico, e é moi brando, dúctil e maleable. É un mal condutor da electricidade pero un bo absorbente do son, das vibracións e, pola súa elevada densidade, da radiación γ. O chumbo natural está constituído por catro isótopos naturais estables, 204 Pb (1,48%), 206 Pb (23,6%), 207 Pb (22,6%) e 208 Pb (52,3%); tamén se coñecen 17 isótopos radioactivos. Malia o valor do seu potencial de electrodo de redución E° Pb/Pb 2+ =-0,126V, ten en moitos casos un comportamento semellante ao dos metais nobres e é o metal común máis resistente á corrosión, principalmente a causa da formación, ao principio do ataque, de compostos insolubles que o protexen superficialmente e da elevada sobretensión de hidróxeno que presenta. Desta maneira, non se disolve no ácido sulfúrico diluído nin no clorhídrico concentrado pero o ataca o ácido nítrico. Oxídase e carbonátase superficialmente no aire húmido e en presencia de auga pura e osíxeno forma o hidróxido Pb(OH) 2 , lixeiramente soluble. O chumbo forma dúas series de compostos cos números de oxidación 2 e 4. Os compostos de chumboII son iónicos, mentres que os de chumboIV son covalentes e, en medio ácido, fortemente oxidantes. Presenta carácter anfótero, de xeito que actúa como catión na constitución de sales e orixina especies aniónicas chamadas plumbitos e plumbatos. Ten un gran número de aplicacións industriais, tanto en forma elemental coma en forma de aliaxes e compostos. En forma metálica emprégase, principalmente, na fabricación de acumuladores de chumbo, municións, recubrimentos para cables, blindaxe, antirradiación en reactores nucleares e aparatos de raios X. En aliaxe co estaño, que lle rebaixa notablemente o punto de fusión, emprégase no metal de soldadura e co antimonio, que lle confire dureza e o fai resistente á corrosión, na construción de recipientes para líquidos corrosivos. Con respecto aos seus compostos, moitos dos inorgánicos empréganse como pigmentos (minio, branco de chumbo, branco de chumbo sublimado, cerusa, amarelo de Cassel, amarelo de París); entre os orgánicos teñen importancia os seus sales de ácidos graxos (xabón de chumbo), empregados como lubrificantes e como secantes para pinturas e vernices; e entre os organometálicos, o tetraetilchumbo, empregado como antidetonante para gasolina. O chumbo e os seus compostos presentan unha elevada toxicidade, xa que se acumulan no organismo, polo que algunhas das súas aplicacións tradicionais, como o uso en condutos para augas potables, se abandonaron completamente. A súa importancia como ben económico deriva da variedade das súas aplicacións e ademais préstase moi ben a un proceso de recuperación; así, en determinados países pesa moito a parte do metal obtida por segunda fusión. Malia isto, o elevado prezo e a aparición de produtos substitutivos (sobre todo para canos) fixo que o incremento de produción fose máis moderado que na maior parte dos outros metais. Pola súa fácil metalurxia foi un dos primeiros metais coñecidos polo ser humano: parece ser que os exipcios xa o empregaban cara ao 5000 a C. O mundo antigo serviuse del no sistema monetario, en medidas de peso, para ornamentación, para o refinado da prata, para vernizar a cerámica, etc. En Exipto, o chumbo vermello e o óxido de chumbo empregáronse en cosmética. Os fenicios explotaron os xacementos da Península Ibérica (2000 a C?) e, na mesma época, os chineses foron os primeiros en empregalo no seu sistema monetario. A Biblia cítao a miúdo e en Babilonia empregouse en láminas soldadas para aguantar a terra e a humidade dos famosos xardíns suspendidos. Os gregos extraíano de Laurion (dende o s VI a C) e os romanos de Minas de Riotinto (Huelva). A partir da Idade Media empregouse para a construción de vidreiras, para facer canles de tellado, conducións de auga, etc.

    2. acetato de chumbo(II) [Pb(CH 3 COO) 2 ] [QUÍM]

      Sólido cristalino branco, soluble en auga e glicerol e pouco soluble en alcohol, que funde a 280°C. Forma un trihidrato, chamado azucre de chumbo, que se emprega na preparación de sales insolubles de chumbo, como mordente na tinguidura do algodón, como impermeabilizante, na manufactura de vernices, en medicina e como reactivo analítico.

    3. arseniato de chumbo(II) [Pb 3 (AsO 4 ) 2 ] [QUÍM]

      Cristais brancos insolubles en auga que funden con descomposición a 1.042°C. Emprégase como insecticida.

    4. dióxido de chumbo [PbO 2 ] [QUÍM]

      Sólido cristalino marrón, altamente oxidante, soluble en ácido acético e insoluble en auga, que funde con descomposición a 290°C. Emprégase como oxidante, mordente, reactivo analítico e acelerador de polimerizacións.

    5. nitrato de chumbo(II) [Pb(NO 3 ) 2 ] [QUÍM]

      Cristal branco, moi tóxico e oxidante, soluble en auga e alcohol, que se descompón a 470°C. Emprégase na preparación doutros sales, como mordente, oxidante, na preparación de explosivos e como pigmento.

    6. óxido de chumbo(II) [QUÍM]

      litarxirio.

    7. tetraacetato de chumbo [Pb(CH 3 COO) 4 ] [QUÍM]

      Cristais incoloros ou dunha lixeira cor rosa, solubles en ácido acético quente, benceno e cloroformo, que funden a 175°C. Emprégase como oxidante selectivo en síntese orgánica.

  1. s m

    Peza de chumbo que se coloca nos aparellos de pesca para que se afundan.

    Ex: Os chumbos da liña perdéronse e agora xa non podo pescar.

    Sinónimos: chumbada, chumbeiro.
  2. s m

    Bala dunha arma de fogo.

    Ex: As ametralladoras botaban chumbos sen parar.

    Confrontacións: proxectil.
  3. intoxicación por chumbo [PAT]

    Cadro habitualmente crónico, propio dos traballadores do chumbo. En ocasións pode afectar a outras persoas que están en contacto co metal, sobre todo os nenos que lamben e chuchan os xoguetes que levan pintura con chumbo. Provoca a aparición dunha liña de cor azul nas enxivas, cólicos abdominais, alteracións vasculares e neuropatías. Tamén se lle chama saturnismo.

Frases feitas

  • Caer como chumbo derretido. Dise do Sol cando quenta con moita forza.

Formas incorrectas

plomo

Palabras veciñas

1 chumbeira | 2 chumbeira | chumbeiro | 1 chumbo | 2 chumbo -ba | chumeiro | chumiñento -ta