Cibrán
Antropónimo procedente do latín Cyprianus, nome étnico derivado do xentilicio cyprius ‘de Chipre’, aínda que tamén pode facer referencia a Cipris ou Ciprina, alcume de Venus, deusa venerada en Chipre. Na súa orixe foi só un nome persoal pero enseguida pasou a apelido e topónimo; de feito, moitos dos santuarios de san Cibrán construídos nos cumios dos montes pasaron, por extensión semántica, a designar os mesmos montes. Como prenome presenta as variantes Cibrao e Ciprián (normativas), e Sibrán, Xibrán e Sidrán (populares). É un dos santos máis antigos na tradición relixiosa hispánica (s V); o seu culto remóntase aos tempos nos que se iniciou o contacto entre Galicia e Oriente. Entre os santos que levan este nome destacan san Cibrán de Cartago (s III) e san Cibrán de Antioquía (ss III-IV). A san Cibrán, quen fora meigo antes de se cristianizar, atribúeselle a autoría de libros de maxia espallados por toda Europa, como O verdadeiro libro de san Ciprián de Galicia, máis coñecido como O Ciprianillo, que constitúe un longo catálogo dos tesouros escondidos polos mouros en terras galegas e dos meigallos e remedios para curar doenzas e propiciar o ben. Este santo ten unha ermida en Tomeza (Pontevedra) e celébrase xunto con santa Comba de Bértola (Vilanova de Arousa) por teren ambos os dous sona de feiticeiros e esconxuradores. San Cibrán celébrase en Pontevedra o luns de Pascua, pero o seu día litúrxico é o 16 ou 26 de setembro, data na que se celebra en Vilanova de Arousa e Padrenda, concellos dos que tamén é patrón, e nas 39 parroquias das que é titular (3 na forma Cibrán e 36 na forma Cibrao). Na iconografía viste ornamentos pontificais (dalmática e casula ancha) e leva os atributos xerais dos bispos (báculo, mitra, etc); ás veces, represéntase coa palma do martirio e cunha espada (símbolo da súa decapitación). Na tradición oral recóllense ditos como: “San Cibrán acaba co verán. Por san Cibrán, a castaña na man. Por Santiago esconde o coello o rabo e ata san Cibrán non o volve ensinar. O que vai a Santa Comba e non vai ao san Cibrán, fai a viaxe en van”.