cidade
(< lat cīvitās-ātis ‘cidadanía’)
-
[URBAN]
-
s
f
Núcleo de asentamento humano estable de características socioeconómicas urbanas. Por riba de criterios administrativos, defínese polo número de habitantes (variable segundo as peculiaridades xeográficas e históricas de cada rexión), pola súa morfoloxía e polos modos de vida dos seus habitantes, de xeito que para falar de cidade é preciso, fundamentalmente, unha certa aglomeración de poboación e unhas funcións non agrícolas e diversificadas.
Historia
Considérase o inicio da cidade a denominada Revolución Neolítica (IV milenio a C), época na que a fertilidade das terras regadas do Indus ou de Mesopotamia produciu uns excedentes agrícolas que crebaron o sistema pechado de autoconsumo preexistente. Os lugares onde se concentraron estes excedentes constituíron os primeiros precedentes, pero foi nos grandes imperios do Crecente Fértil e do val do Nilo onde se engadiu a estas aglomeracións un novo compoñente que chegaría a ser decisivo: a creación dun Estado e de todo o seu aparato burocrático. Os gregos fixeron dúas achegas fundamentais ao fenómeno urbano: a integración da cidade na súa rexión e a aplicación dun certo racionalismo no trazado. Neste sentido foi moi importante a aparición do espazo público, a ágora, que Roma transformou en foro e expandiu alén do Mediterráneo. Cómpre destacar, pois, a grande influencia que tivo na formación e no trazado de moitas cidades o establecemento dos campamentos romanos, os castra. Pero se a vida da cidade de Roma, a urbs, quedou ligada ás vicisitudes políticas do Imperio, non ocorreu así coas outras cidades que, mesmo coa penetración dos pobos xermánicos, continuaron a desenvolverse normalmente ata o s IX, época na que os musulmáns desorganizaron o comercio marítimo do Mediterráneo. Durante esta gran crise europea, Oriente impuxo outra vez os seus modelos de cidades pechadas e prohibidas, cun plan totalmente irregular. O clima de inseguridade xeral creou un feito común a todas as cidades das diferentes culturas do vello mundo: o pechamento e a protección das edificacións mediante grandes murallas. A partir dos ss XII e XIII, coa recuperación da artesanía e do comercio, as cidades occidentais experimentaron o seu definitivo pulo. A cidade medieval conservou, xeralmente, un plano moi irregular, arredor da catedral e do castelo. O Renacemento non introduciu grandes novidades porque as características fundamentais xa estaban fixadas; edificáronse algunhas cidades novas que se axustaban a patróns radiais, pero a actividade urbanística reduciuse en realidade ás reformas interiores dalgunhas cidades, nas que se introduciu como elemento principal o predominio da perspectiva. Todos estes trazos se acentúan durante o Barroco e o Neoclásico. A explosión da Revolución Industrial conmocionou as bases sociais e demográficas da sociedade, concentrou nas cidades as fábricas, as grandes infraestruturas e os suburbios, residencia axiña degradada da nova clase urbana, o proletariado. Daquela, economistas, sociólogos, xeógrafos, arquitectos e políticos consideraron a cuestión urbana como un problema cada vez máis importante. Apareceu, en definitiva, o urbanismo como aplicación na cidade das técnicas de planificación e iniciouse, así, a cidade moderna. O s XIX foi a época dos ensanches e das cidades “novas” (cidade xardín, cidade lineal, etc). Dende os anos trinta, o éxito do sistema socialista nunha boa parte do mundo, coas súas cidades para obras planificadas, dunha banda, e a progresiva crise do sistema liberal, doutra, levaron á cidade occidental cara a unha nova perspectiva: a cidade postindustrial. O sector secundario deixou de ser primordial e substituíuse polo sector servicios, que se instalou no centro das cidades e estendeu as súas redes por ámbitos cada vez máis grandes. Cara ao final dos anos setenta e durante os anos oitenta, a cidade foi obxecto de diversos debates que cuestionaron o concepto, por parte tanto dos axentes urbanos coma dos colectivos que a constrúen. En resposta a estas situacións, as cidades desenvolveron diversas estratexias. A primeira fase baséase no cambio do plan funcionalista a outro historicista, moi preocupado pola estética e por racionalizar as funcións urbanas; a segunda fase céntrase no rexurdimento da cidade con plans estratéxicos e intentos de internacionalización. O aumento progresivo da poboación mundial que vive nas cidades fai prever un futuro mundo de cidades cada vez máis grandes e máis numerosas. Estas cidades, ou ben chegaron espontaneamente a soldarse ao longo de enormes cadeas ou rosarios urbanos, ou ben se estruturaron en rexións urbanas segundo o esquema da cidade rexión. En ambas as dúas alternativas subsiste a decidida opción de manter nos núcleos ou nos polos cidadáns, concibidos á maneira tradicional como centros de intercambios, todas as vantaxes recoñecidas como propias da cidade, é dicir, a seguridade física (confort) e o benestar psicolóxico (cultura), a abundancia con variedade de opcións e a liberdade para escollelas. Fronte a isto existe o esforzo por minimizar os inconvenientes, fundados na progresiva perda das condicións de natureza: polución da atmosfera, nivel de ruído, tránsito e conxestión. A este respecto cómpre sinalar que é nos países do denominado Terceiro Mundo onde o proceso de crecemento das grandes aglomeracións urbanas se está a producir dun xeito máis intenso. Este feito constitúe un gran desafío, pois o incremento demográfico urbano baséase fundamentalmente nun inmenso éxodo rural provocado pola depauperización que sofre a poboación do campo; unha vez na cidade, na maioría dos casos, os inmigrantes destes países vense abocados a sobrevivir en condicións laborais, asistenciais e de habitabilidade moi precarias, o que, á súa vez, acentúa os problemas ambientais.
A cidade como obxecto da ciencia
A formulación científica do fenómeno da cidade moderna que, incluíndo a rexión urbana e as áreas metropolitanas, tende cara ao concepto da cidade rexión, débese en gran parte ao nacemento da denominada ciencia rexional que, a partir da intuición de Patrick Geddes, desenvolveu un campo común a xeógrafos, economistas, urbanistas, sociólogos e antropólogos. As infraestruturas e, aínda máis, as superestruturas configuran a que foi arquitectura da cidade, nunha tendencia que considera a cidade como unha obra feita pola man do home e, polo tanto, susceptible de comunicación semiolóxica e de expresión estética. A arquitectura viu tradicionalmente na cidade, como en calquera outra realización arquitectónica, un problema de función e forma: a súa achega fundamental foi o urbanismo. A socioloxía e a antropoloxía interesáronse na cidade como espazo de relación no que se modifican os comportamentos colectivos do individuo diante da gran heteroxeneidade que a define; tamén se interesaron por analizar as lóxicas que rexen os usos do espazo na cidade (segregación como tradución da xerarquía social) e en relación á cidade (dependencias mutuas entre a cidade, o seu contorno e as demais cidades), que remataron por definir en ambos os dous casos co establecemento dun modelo xerárquico centro-periferia. Este último foi o principal foco de atención dos economistas. A xeografía estudiou tradicionalmente a cidade dende o punto de vista funcionalista; posteriormente xurdiu o interese pola paisaxe urbana aproximada aos conceptos dos urbanistas, coa influencia doutros especialistas, sobre todo economistas e sociólogos. A xeografía urbana, nutrida coas contribucións das demais disciplinas, centrouse no estudo das funcións urbanas que se relacionou moi estreitamente co problema da localización. Con respecto ao espazo interior, cómpre subliñar unha serie de consideracións: as diferencias de densidade determinan unha primeira diversificación, como tamén as especializacións funcionais e os condicionamentos históricos. Isto leva a unha división da cidade en barrios como unidades vitais, por encima do bloque de casas (unidade urbanística mínima) e dos distritos (puramente administrativos). Pero tamén, malia esta división, nos países nos que rexe a economía de mercado, o principio motor da economía urbana, a especulación do solo, impuxo a súa lei: a segregación. A segregación funcional concentrou nuns mesmos lugares uns mesmos tipos de empresas; así, configúranse os sectores industriais, os residenciais, os de lecer ou os sectores de servicios. Dentro de cada un dos sectores, e sempre en función da especulación, establecéronse novas segregacións que matizan cada vez máis o espacio. No tocante á morfoloxía urbana, presenta dous aspectos importantes: o físico e o do seu contido social. A base da paisaxe da cidade é o seu plano, vinculado a razóns históricas e sociopolíticas e, malia o avance da técnica, a un certo determinismo xeográfico. A cidade tende a absorber os núcleos veciños en forma de estrela ao longo das vías de comunicación. Con respecto á morfoloxía social da cidade, predomina a heteroxeneidade pola chegada de grandes porcentaxes de poboación inmigrada do medio rural ou do estranxeiro. En xeral, pois, a cidade é un crisol humano caracterizado por un comportamento demográfico e social peculiar: nupcialidade e natalidade baixas, unha mortalidade crecente con respecto ás áreas rurais, composición por sexos e idades en función do nivel económico (máis mulleres e anciáns canto máis alta é), renda máis elevada e accesibilidade á cultura e ao ocio. Todos estes son os trazos fundamentais do modo de vida urbano, que paulatinamente se impoñen na sociedade e proceden a urbanizala. -
s
f
Zona particularmente diferenciada dunha cidade. Ex: Concentraron os centros de ensino públicos na cidade escolar. Levámolos a visitar a cidade histórica.
Ex: Concentraron os centros de ensino públicos na cidade escolar. Levámolos a visitar a cidade histórica.
-
cidade aberta
Cidade que ten o seu desenvolvemento previsto pero non absolutamente fixado e, polo tanto, susceptible dunha transformación condicionada.
-
cidade balneario
Cidade xurdida ao redor dun establecemento de augas termais, de tipo especializado, onde o público se traslada por un período curto e que, ao lado da función máis ou menos médica, posúe outra de tipo recreativo e de lecer.
-
cidade colonial
Cidade desenvolvida en países colonizados co fin de exercer as funcións de goberno, administración e comercio.
-
cidade comercial
Cidade na que a función comercial domina sobre todas as outras.
-
cidade de ponte
Cidade creada para controlar o paso dun río, a miúdo con carácter de fortificación, para opoñerse ao paso do inimigo, cando as pontes son de paso obrigado nas rutas de penetración no país (Aviñón, Orléans e Tours). O caso máis frecuente é o das ribeiras disimétricas na que unha é máis alta ca a outra (Varsovia e Kiev), de xeito que a cidade, como baluarte defensivo, se instala na parte máis elevada do outeiro. Polo xeral, desborda co crecemento cara á beira contraria (Lyon, Praga, Budapest). Constitúe un caso especial a cidade de ponte última, que é o lugar de ruptura de carga entre a navegación marítima e o transporte terrestre (Londres, Hamburgo, Rotterdam e Anveres).
-
cidade de tránsito
Cidade comercial, xeralmente un porto ou un nó de comunicacións.
-
cidade dormitorio
Cidade na que predomina a función residencial, onde a poboación se despraza a outra cidade para traballar.
-
cidade episcopal
Cidade con sé de bispado historicamente sometida ao poder temporal do seu bispo.
-
cidade fungo
Cidade que experimentou un crecemento rápido nun curto período de anos.
-
cidade industrial
Cidade orixinada pola industria, que é a función predominante. Entre os factores que a determinan están a proximidade das materias primas e a facilidade para obter man de obra.
-
cidade lineal
Achega teórica e práctica ideada por Arturo Soria y Mata (1844-1920) de cidade estendida nunha soa dirección ao longo dunha vía importante de comunicación. A idea orixinal deste urbanista propuña unha rede de cidades lineais que enlazase todas as cidades europeas. Continuada por González del Castillo e Benoît-Lévy, frutificou na URSS sempre sobre unha liña tripla de comunicación (río, ferrocarril e estrada), como preconizou tamén Le Corbusier. A experiencia de Arturo Soria concretouse en Madrid nun sector oriental da cidade.
-
cidade mercado
Cidade comercial na que se concentra o intercambio de produtos, especialmente agrícolas e gandeiros, das diferentes rexións que a rodean e das que constitúe o centro rexional.
-
cidade millonaria
Cidade con máis dun millón de habitantes.
-
cidade nova
Cidade satélite desenvolvida en Inglaterra despois da Segunda Guerra Mundial para desconxestionar Londres e coñecida como new town. O plan Abercrombie (1944), aprobado en 1946 (New Towns Act), constituíu o instrumento dunha política co obxectivo de desconxestionar as grandes metrópoles británicas.
-
cidade pechada
Nome empregado en contraposición a cidade aberta.
-
cidade radiante
Formulación exposta por Le Corbusier (1935) a partir da súa cidade de 3 millóns de habitantes (1922) e do plan Voisin para París (1925), coñecida como ville radieuse. Concretouse nas unidades de habitación como Marsella (1950), Nantes ou Berlín (1958) que recollen o concepto dos immeuble-ville.
-
cidade relixiosa
Cidade xurdida para unha función esencialmente relixiosa e á que se despraza moita xente en peregrinacións, como Benarés, Xerusalén, A Meca, Santiago de Compostela, Lourdes ou Fátima.
-
cidade residencial
Cidade na que predomina a función residencial, xeralmente inserida nunha área urbana na que as distintas actividades se distribúen segundo un modelo de segregación espacial.
-
cidade sanitaria
Conxunto de edificios hospitalarios públicos concentrados nunha área individualizada con respecto ao resto da cidade e dotada de accesos e infraestruturas propios e exclusivos para os seus traballadores e usuarios.
-
cidade satélite
Cidade fundada intencionadamente no marco dunha planificación territorial en función dun núcleo maior, co que está comunicada por vías de alta capacidade e cunha rede suficiente de transporte público. Ofrece todos os servicios básicos para a vida cotiá das persoas, pero está supeditada ao nucleo central no que atinxe aos servicios máis especializados; ademais, nun plano cultural e social, identifícase case plenamente con este. A formulación teórica xurdiu a principios do s XX para resolver as deseconomías de aglomeración que afectaban ás concentracións urbanas tradicionais, onde a promiscuidade de usos do solo resultaba un atranco para a rendibilidade das diferentes actividades. A tipoloxía aplicouse fundamentalmente en Europa despois da Segunda Guerra Mundial, aproveitada pola necesidade da reconstrución logo da devastación provocada polo conflito. Deste xeito, construíronse no Reino Unido, Países Baixos, Francia, Italia, etc, novos núcleos industriais e residenciais, mentres que nas cidades centrais (históricas) quedaban establecidas as actividades terciarias máis especializadas. O desenvolvemento económico experimentado en España a partir dos anos sesenta derivou na aparición de cidades satélite nas áreas máis industrializadas do país: Madrid e Barcelona, principalmente; Bilbao, València ou Sevilla, nunha escala máis moderada. En Galicia, o proceso de periurbanización non chegou a concretarse durante o s XX na creación de verdadeiras cidades satélite por máis que o seu desenvolvemento fose intenso, especialmente no litoral occidental; o crecemento articulouse máis en base a iniciativas particulares de promotores e construtores que a unha planificación institucional, polo que non se pode falar con propiedade da aplicación deste modelo. Non obstante , houbo en Vigo un precedente deste tipo de proxectos, o Plan Palacios, que propuña a creación dunha área metropolitana (Plan Comarcal) centrada na cidade olívica na que se incluían, entre outros, os núcleos satélite de Baiona, Panxón-Nigrán, Gondomar, O Porriño, Redondela e Cangas. O proxecto, aprobado por orde ministerial en xullo de 1934, quedou paralizado pola Guerra Civil en 1936.
-
cidade xardín
Tecido urbano de casas unifamiliares illadas, rodeadas de xardín dentro da propia parcela. O termo estricto vén referido á concepción de Ebenezer Howard (1850-1928), expresada en Tomorrow, a Paceful Path to Real Reform (Mañá, un camiño cara á verdadeira reforma, 1898) e aplicada en parte en Letchworth Garden City (1904) por B. Parker e R. Unwin, e en Welwyn Garden City (1920) por L. de Soissons. Caracterízase polo uso da vivenda unifamiliar illada ou en ringleira, con xardíns ao redor, de disposición ramificada a partir dun centro comercial. Pretendía ir contra a especulación do solo e alcanzar a harmonía entre a cidade e o campo. Foi moi importante en Inglaterra. En 1902 Antoni Gaudí realizou parcialmente unha obra baseada nese modelo, o Parque Güell de Barcelona.
-
cidade universitaria
Cidade de función esencialmente universitaria, onde esta predomina sobre outras (Uppsala, Coimbra, Cambridge, Louvain, Princeton, etc). O termo aplícase tamén ao recinto perfectamente delimitado onde se localiza un conxunto de edificios universitarios (facultades, residencias, comedores, equipamentos deportivos, servicios administrativos, etc), pertencentes indistintamente a unha única institución académica (o máis habitual) ou a varias.
Confrontacións: campus.
-
s
f
-
s
f
Conxunto de persoas que habitan nun núcleo urbano. Ex: Toda a cidade estaba en contra da iniciativa do Concello.
Ex: Toda a cidade estaba en contra da iniciativa do Concello.
-
s
f
[HERÁLD]
Figura representada con murallas, igrexas e casas.
-
[HIST/DER]
-
s
f
Título que, nalgúns países, se outorga a certas poboacións. Dende finais do s V, o termo cidade (civitas) aplicouse ás poboacións muradas desde a época romana nas que se instalou unha sé episcopal. A partir da dominación visigótica, os factores determinantes para posuír consideración de cidade foron a presenza do bispo e, probablemente, tamén a do conde, como capital do pagus correspondente. A dominación musulmá modificou o número e a distribución das cidades, pero, a medida que a conquista franca avanzaba, algunhas das cidades romanovisigóticas recuperaron a primitiva importancia; outras perderon esta consideración ao non recuperar a súa sé episcopal, e outras non recuperaron a condición de cidade ata moito tempo despois. No aspecto urbanístico, as cidades comezaron a variar a súa estrutura romanovisigótica cara ao ano 1000 e xurdiron ao seu arredor os burgos ou vilanovas. Coa conquista dos musulmáns, a configuración fundamental urbana das cidades reconquistadas matizouse pola formación ou adaptación dalgúns barrios ou arrabaldes destinados a recibir a poboación vencida alí recluída (mourerías), análogos ás alxamas ou xuderías, así como pola substitución da respectiva mesquita pola nova sé e do castelo musulmán polo novo palacio real. Durante os ss XIV e XV algunhas poboacións, sobre todo costeiras, tiveron un gran desenvolvemento. A partir de 1492 outorgouse o título de cidade a algunhas poboacións como recompensa pola súa participación en acontecementos bélicos ou por favores feitos ao rei. No s XVIII algunhas poboacións recibiron a categoría de cidades logo da construción das súas sés episcopais. No s XIX, foron causa do outorgamento do título de cidade as xestas militares da Primeira Guerra Carlista, a relación con algúns sucesos políticos e o simple favor real. Durante a Restauración concedeuse o título de cidade a medio cento de poboacións, moitas máis das que había ata entón. Os nomeamentos fixéronse, probablemente, a causa do crecemento demográfico ou económico, e obtivéronse mediante a influencia de persoeiros políticos relacionados coa poboación. Estas motivacións persistiron nas concesións posteriores a 1939.
-
cidade aberta
Cualificación dada en tempos de guerra a aquelas cidades que non constitúen obxectivos militares ou se atopan sen defensas especiais. Tamén reciben esta denominación as cidades moi poboadas e as de importancia industrial ou valor artístico que, co fin de evitar a súa destrución, se entregan sen loita ao inimigo.
-
cidade do Imperio
Modelo de cidade do Sacro Imperio Romano-Xermánico que non pertencía a ningún señor feudal e que só recoñecía a autoridade do emperador. Desde o s XIII os emperadores apoiaron a separación das cidades dos territorios feudais. O número destas cidades estableceuse en 51 pola Paz de Westfalia (1648). A maior parte destas cidades anexionounas Francia ou os principados alemáns despois das modificacións que Napoleón impuxo no 1803. Conservaron o seu estatuto de cidade imperial Hamburgo, Lübeck e Bremen.
-
cidade estado
Núcleo poboado, con frecuencia amurallado e rodeado dun territorio dependente, dotado de plena autonomía de goberno. A independencia do seu goberno fai que sexa asimilable a un pequeno Estado. A cidade estado apareceu en Mesopotamia pero o modelo máis común é o da polis grega, que xurdiu entre o 800-700 a C. O exemplo máis coñecido é Atenas, que ocupaba a maior parte da Ática e servía de centro político dunha comunidade territorial e cívica. Outro caso de cidade estado foron os municipios medievais, en particular os italianos, que dispuñan de plena autonomía política e administrativa, cun goberno representativo.
-
cidade libre [al: freie Stadt]
Título concedido a sete cidades do Imperio Romano-Xermánico: Basilea, Colonia, Espira, Estrasburgo, Maguncia, Ratisbona e Worms. Prestaban xuramento ao emperador e non pagaban impostos regulares. A única obriga militar que tiñan era proporcionar un continxente para acompañar o emperador á coroación de Roma. As súas prerrogativas desapareceron a partir do s XV. Cando Frankfurt do Main, Lübeck, Bremen e Hamburgo foron admitidas na confederación xermánica, recoñeceuse o seu antigo estatuto e tomaron o nome de cidades libres; Danzig tamén foi cidade libre entre 1920 e 1939.
-
s
f
-
cidade lacustre
[PREHIST]
Agrupación de palafitos.
-
[RELIX]
-
cidade eterna
Designación que recibe a cidade de Roma.
-
cidade santa
Cidade venerada polos fieis dunha relixión, como Xerusalén para os xudeus, musulmáns e cristiáns; Roma para os católicos; A Meca para os musulmáns; etc.
-
cidade eterna
Refráns
- Vive en cidade, por pequena que sexa; casa con moza, por pobre que pareza; e come carneiro, por caro que se venda.